Edición de ouro da Feira do Cocido de Lalín

Víctor Freixanes, presidente da RAG, erixe en "catedral da gastronomía galega" esta festa na súa 50 edición.

Por Galicia Confidencial | Lalín | 04/02/2018 | Actualizada ás 19:10

Comparte esta noticia

Miles de persoas acudiron este domingo ao municipio pontevedrés de Lalín á celebración do 50º aniversario da Feira do Cocido, prato ao que o escritor e presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Fernández Freixanes, erixiu en "catedral da gastronomía galega".

Víctor Freixanes, pregoeiro da Feira do Cocido
Víctor Freixanes, pregoeiro da Feira do Cocido

Freixanes foi o encargado de dar o pregón nunha celebración que abriu, por primeira vez hai medio século, o escritor e gastrónomo galego Álvaro Cunqueiro. Durante a súa intervención, o presidente da RAG agradeceu a súa invitación a esta "festa grande do inverno" e asegurou que "a cociña tamén é cultura" e unha "industria creativa". "O pobo galego incorporou creatividade e valor artístico á cociña desde hai séculos", asegurou.

E é que, nas súas palabras, "a cociña dun pobo é a crónica histórica da súa maneira de vivir". Así, segundo Freixanes, o cocido é "o primeiro prato nacional" de Galicia que "afirma a amizade por enriba de lexítimas diferenzas".

No acto, o escritor tamén advertiu ao alcalde de Lalín, Rafael Cuiña, da "desproporción" que supuña que, dos 50 pregoeiros que tivo a Feira do Cocido ao longo da súa historia, soamente cinco fosen mulleres.

"Hai que corrixir esta desproporción, señor alcalde. Aínda que soamente sexa por elemental razón de xustiza histórica", expresou. Con todo, tamén valorou que a galega é "a única cultura no mundo" que el coñece que ten "como primeiro estandarte a unha muller": Rosalía de Castro.

"REFERENCIA NACIONAL E INTERNACIONAL"

Pola súa banda, o rexedor local, Rafael Cuíña, incidiu na tradición e na "referencia nacional e internacional" da cultura galega e da súa gastronomía.

Por iso, lembrou sobre os comezos desta festa, que, segundo explicou, "empezou cunha reunión de amigos que seguramente non eran conscientes de que estaban a compor, entre 'cacheiras' e 'grelos', un dos sinais de identidade máis importantes da capital da comarca do Deza".

Ademais, Cuíña lembrou que o premio 'Aldea Singular' recaeu este ano na parroquia da Xesta. "Este goberno de Lalín tomou a decisión de premiar e pór en valor o traballo dos veciños e veciñas do rural", subliñou.

"VOLTA Á TRADICIÓN"

Así se celebrou a 50ª edición da Feira do Cocido, como unha "volta á tradición" de Galicia a través de distintos actos. "É un símbolo da defensa que queremos facer da nosa lingua e dos nosos signos de identidade como país", afirmou Cuíña o pasado mércores en Santiago durante o acto de presentación da festa.

Durante todo o domingo desenvolvéronse máis dun cento de actividades coas que o Concello de Lalín celebra o Mes do Cocido —do 20 de xaneiro ao 14 de febreiro—, con propostas como o III Cocido do Orgullo, que busca dar visibilidade ao colectivo LGTBI.

"Este é un Lalín moderno, que mira cara ao futuro con ambición, no que todos e todas sumamos e no que ninguén é, por fin, menos que o que ten ao seu carón", declarou o rexedor local no seu discurso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta