Unha spin-off da USC para desenvolver os Serious games

DIME-Lab, a primeira spin-off de Ciencias da Educación na USC, ofrecerá servizos de asesoramento pedagóxico a institucións educativas e empresas de tecnoloxía, e desenvolve todo tipo de recursos didácticos.

Por GC Emprende | Santiago de Compostela | 05/02/2018 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

O grupo de investigación Stellae, da USC, lidera unha nova empresa de desenvolvemento e análise de medio educativos a través da constitución da spin-off DIMElab. A nova sociedade toma como punto de partida a experiencia do grupo ao longo de máis de 20 anos de experiencia en formación e desenvolvemento profesional, organización educativa, inclusión socioeducativa, materiais didácticos e tecnoloxía educativa.

Unha das secuencias do videoxogo AR-K
Unha das secuencias do videoxogo AR-K

DIMElab ofrecerá servizos de asesoramento pedagóxico a institucións educativas e empresas de tecnoloxía, e desenvolve todo tipo de recursos didácticos entre os que se inclúen os denominados serious games (xogos serios para educación e formación). Tamén destaca a realización de probas ou análises de produtos didácticos para tentar garantir que os materiais deseñados para a educación sigan certos estándares de calidade pedagóxica. 

O obxecto desta nova spin-off xorde tras o traballo de Stellae coa Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) que axudou a transferir os resultados de investigación do grupo ao mercado e ante as necesidades sociais detectadas na actualidade. 

TRANSFORMACIÓN EDUCATIVA

Neste senso, o grupo considera que o sector educativo e profesional está inmerso nun proceso de transformación onde é necesario o desenvolvemento de novos medios educativos, ademais da necesaria formación en competencias dixitais da sociedade en xeral ou a necesaria actualización do profesorado en metodoloxías activas superando ou complementando ás tradicionais e a crecente demanda de serious games para centros educativos, institucións e empresas.

A empresa, con sede no edificio Emprendia en Campus Vida, constitúena na actualidade preto de dez persoas, entre socios/as, xerencia e persoal con demostrada experiencia profesional no sector da educación e da tecnoloxía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta