Por Galicia Confidencial | A Coruña | 05/02/2018 | Actualizada ás 22:00
Gústalles YouTube, Instagram ou Twitter, pero a maior parte deles prefire o Facebook, aínda que para o que utilizan Internet é, principalmente, para comunicarse con amigos e achegados e para informarse. Case un 80% dos galegos de idades comprendidas entre os 16 e os 64 anos accedeu á rede no últimos tres meses, o que sitúa a Galicia como a comunidade española que máis creceu no uso de Internet neste período -un 6,4%-.
A subida máis significativa rexístrase no tramo de idade dos 65 aos 74 anos, que aumenta un 45% respecto ao 2016. A compra en liña rexistra tamén un incremento do 5,6% no último ano. Actualmente, o 32% dos galegos utiliza xa Internet para compras de produtos e servizos, porcentaxe que eleva ao 52% cando se trata de adquirir material e roupa deportiva, ao 50,5% para buscar aloxamento de vacacións ou ao 48,2% para adquirir entradas para espectáculos.
Estas son algunhas das principais conclusións do informe Sociedade Dixital en España 2017 , que acaba de publicar a Fundación Telefónica. O estudo reflicte que en 2018 o 50% dos mozos son mobile first: é dicir, que consomen entre o 90% e o 100% do seu tempo en rede sobre unha pantalla móbil. De feito, o 86% xa posúe un smartphone e úsao como dispositivo de referencia para mensaxería instantánea, acceso a redes sociais, consumo de música e vídeos en streaming.
A REVOLUCIÓN MÓBIL
No caso de Galicia, o 73,8% dos internautas accede diariamente á rede a través do teléfono móbil (89,7%) e do computador portátil (44,7%), fundamentalmente para ler noticias (81,2%), enviar ou recibir correos electrónicos (76,4%) e buscar información (70,2%).
Ademais, o 78,8% dos fogares dispón de Internet, empregando no 75% dos casos unha conexión móbil de banda ancha a través dun dispositivo de man, unha cifra moi próxima á media estatal (76,1%). A banda ancha por ADSL supón xa un 45,6%, un dato moi similar aos fogares que teñen rede de cable ou fibra óptica. En canto aos terminais, o 75,3% dos fogares galegos dispón de teléfono fixo, mentres que o 97% de teléfono móbil.
O informe sinala tamén que a media galega supera á estatal en contratación de Internet e banda ancha nos concellos con poboación de entre cincuenta mil e cen mil habitantes. Así, nestes concellos a porcentaxe de vivendas con conexión de banda ancha contratada sitúase no 95,8%, fronte ao 84,3% da media estatal. Tamén rexistra un forte ritmo de crecemento neste ámbito os concellos galegos de menos de dez mil habitantes, nos que só a contratación de banda ancha aumenta un 4,1%, situándose xa no 72%.
EMPRESAS
No que respecta ás empresas, un 62,3% das microempresas galegas ten contratada conexión a Internet, o que supón un 8,7% máis que en 2016. Entre as empresas con menos de 10 empregados que contan con acceso a Internet, un 84,8% dispón de banda ancha fixa e case un 70% de banda ancha móbil. Ademais, un 33,5% das microempresas galegas con Internet emprega medios sociais -2 puntos por encima da media estatal-, o que as coloca en quinta posición no ranking de comunidades autónomas neste indicador.
En canto ás empresas galegas de 10 ou máis traballadores, un 98,5% dispón de conexión a Internet, accedendo oito de cada dez a través de telefonía móbil de banda ancha. Entre as conexións fixas (91,8%), o ADSL é utilizado polo 73,7%, mentres que a fibra é contratada polo 46,1%. Ademais, o 88,2% destas empresas galegas utiliza algunha tipoloxía de software aberto e o 78,8% empregou xa a firma dixital nalgunha comunicación, superando en ambos os casos lixeiramente a media estatal.
A presenza en redes sociais aumenta significativamente entre esta tipoloxía de compañías; un 19,6% máis que en 2016-, sendo as máis utilizadas Facebook, Linkedin ou Google + (94,4%). Ademais, comezan a despuntar na análise de big data (9,7%), superando lixeiramente a media estatal (8,8%).
A eADMINISTRACIÓN
O estudo tamén recolle que o 38,4% dos internautas enviou formularios cumprimentados á Administración a través de Internet, experimentando un crecemento do 3,8% no último ano e situándose xa en valores próximos á media estatal (39%).
En canto ás empresas, as compañías galegas de 10 ou máis empregados con conexión a Internet ocupan a primeira posición en interacción coas administracións públicas a través da rede, superando ademais a media estatal en 3,8 puntos. Tamén as microempresas galegas superan en 3 puntos a media estatal (71,8%) neste apartado, experimentando un crecemento do 10,6% no último ano.
Os trámites que máis crecen na eAdministración son a declaración de impostos (78,9%) e a de contribucións á Seguridade Social (65,9%), mentres que a obtención de información, é a causa máis frecuente de interacción (87,6%).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.