Temas: LOBO CAZA

Lobos colgados, tiroteados e cachorros perseguidos na Serra do Cando desde 2013

Varias entidades ecoloxistas denuncian a aparición dun novo animal con impactos de bala neste espazo natural. ASCEL, Adega e GEAS presentarán nos próximos días denuncia.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 07/02/2018 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Que pasa na Serra do Cando cos lobos?. A aparición dun novo animal tiroteado ten acendido os ánimos do colectivo ecoloxista que considera que o ataque a esta especie non é un caso illado. De feito, desde setembro de 2013 teñen aparecido varios lobos mortos.

Logo colgado dun sinal
Logo colgado dun sinal | Fonte: rtpa.es

Ese ano apareceu un lobo colgado nun sinal do parque eólico desa serra, e no 2015 un grupo con cinco cachorros foi perseguido durante unha batida de xabaríl descoñecéndose o desenlace. E, agora, outro animal apareceu morto. “Queremos recordar que o lugar está dentro da Rede Natura 2000 e é necesaria máis vixilancia durante a tempada de caza, ante episodios de caza ilegal nesta zona asentados nunha total impunidade”, denuncian os colectivos ecoloxistas.

Foi este pasado luns cando expertos de ASCEL conduciron a axentes do SEPRONA ante o cadáver do lobo, nun lugar próximo á aldea de Cima de Vila, no concello de Cotobade-Cerdedo, co propósito de  levantar acta sobre o estado no que se atopaba dito exemplar. 

Esta organización, xunto con Adega e GEAS, presentarán nos próximos días unha denuncia para que se incorpore ao expediente do SEPRONA, a efectos de incoar dilixencias de investigación que permitan esclarecer a autoría deste suceso, que é constitutivo dun delito contra a fauna segundo o disposto no artigo 335 do Código Penal. Tamén se avisou á Medio Ambiente da Xunta para que procedera a súa recollida, custodia e estudio mediante necropsia.

PERCORREU 300 METROS CUNHA BALA PRETO DO CORAZÓN

Segundo esta entidade, nunha primeira valoración do animal, apreciouse un orificio de entrada de bala con outro de saída moi próximo ao corazón. Trátase dun macho novo duns 8 meses, de tamaño destacable, que debeu recorrer unha distancia duns 300 metros antes de xacer no punto atopado. “Un lobo en moi boas condicións e en perfecto estado sanitario. A morte do animal puido ter lugar cara o xoves ou venres da semana pasada”, engaden.

Por iso, denuncia  que a administración está a actuar dunha maneira moi permisiva coa persecución ilegal que sofre o lobo, e que “pouco ou nada se fai” para que se sancionen estas actividades delictivas. Tamén urxe á Xunta de Galicia para actúe con “determinación e contundencia” para rematar con esta situación e que acometa un maior esforzo nas políticas que favorezan “o que debería ser un normal clima de coexistencia entre a especie e as actividades humanas”.

“Recordamos que o lobo aínda estando catalogado coma especie cinexética en Galicia a efectos de xestión queda sometida ás disposicións do DECRETO 297/2008, de 30 decembro, polo que se aproba o Plan de xestión do lobo en Galicia o cal significa que a especie a tódolos efectos está amparada baixo unha particular e específica condición legal de protección”, conclúe.

Temas: LOBO CAZA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta