Piden a nulidade do plan reitor das Fragas do Eume por "vulneración de dereitos fundamentais"

A avogada Pilar Martínez, en nome dos propietarios de terreos, denuncia un procedemento que "nace viciado de nulidade".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/02/2018 | Actualizada ás 11:09

Comparte esta noticia

A avogada Pilar Martínez, en representación da asociación 'Unión da Propiedade para a Defensa das Fragas do Eume' e outros titulares de terreos afectados, vén de reclamar a nulidade do procedemento de inicio do Plan Rector de Uso e Xestión deste Parque Natural por "vulneración de dereitos fundamentais", ademasi de por "incumprimento da lexislación autonómica, estatal e europea, así como da xurisprudencia existente".

Fragas do Eume / flic.kr/p/473Hn5
Fragas do Eume / flic.kr/p/473Hn5

A letrada, especializada en medio ambiente, considera que "o procedemento nace viciado de nulidade" ao "incumprir a normativas de participación pública e de acceso ao seu contido, ademais de perder vixencia a propia declaración do parque".

Pilar Martínez Avogados sostén que a propia declaración de Parque Natural e a súa declaración como Lugar de Interese Comunitario e Zona de Especial Conservación perderon vixencia, debido ao incumprimento dos prazos establecidos polas diferentes normativas, polo que argúe que non cabe a aprobación de ningún instrumento para a xestión dos mesmos.

Tras 21 anos desde a aprobación do PORN do espazo, 20 anos desde que se declarou o parque natural; 13 anos desde o proposta LIC, 11 anos desde que a Comisión aprobou o lista LIC; tres desde a declaración de ZEC, a letrada estima que, "ademais de incumprirse o prazo legal (dous anos no caso do PRUG do Parque Natural) para a aprobación dos plans, resulta obsoleta calquera avaliación sobre as esixencias de protección e conservación e así o determinou a xurisprudencia do Tribunal Supremo, entre outros", detalla.

Do mesmo xeito, "tamén resultan obsoletas as condicións económicas, sociais e culturais e as particularidades locais ou rexionais que no seu día levaron a declarar os espazos como parque ou a propoñer os LIC, cuxos plans de xestión e declaración de ZEC puidesen pretenderse con este instrumento", engade.

En calquera caso, lembra que máis do 80% do territorio incluído no Parque Natural Fragas do Eume pertence a particulares polo que "esta asociación debe ser chamada e consultada especialmente por ser moi representativa, tanto polo número de socios, como polo terreo que corresponde aos seus socios", comenta.

Malia isto, lamenta que se sometese a participación pública o devandito documento, sen participación algunha desta asociación.

No escrito de alegacións incídese en que o artigo 22 da Lei 42/2007 establece que “o procedemento de elaboración dos plans incluirá necesariamente trámites de audiencia aos interesados, información pública e consulta dos intereses sociais e institucionais afectados e das organizacións sen fins lucrativos que persigan o logro dos obxectivos desta Lei”.

Engade que hai xurisprudencia de anulación de plans de xestión noutras comunidades autónomas por incumprimento desta normativa.

A letrada tamén solicita a nulidade do procedemento por vulneración do dereito á participación baseándose na inaccesibilidade do documento por vía telemática e a ausencia de publicación no DOG, o que, apunta, "supón que a publicación ou sometemento a participación pública deste instrumento carece de garantía, ao non asegurar o acceso a todos os afectados polas canles obrigatorias que establece a lei".

OUTROS INCUMPRIMENTOS

Outro dos incumprimentos denunciados por Pilar Martínez é que "non consta a publicación de mapas indubitados con propostas de zonificación do espazo protexido, para que os cidadáns poidan identificar, sen dúbida, se as parcelas da súa titularidade están afectadas; tampouco existe un estudo científico previo, actualizado e rigoroso, que avale a necesidade das medidas, a súa eficacia e, en definitiva, as propostas dun determinado modelo de plan de xestión".

Advirte ademais a letrada que calquera Plan que se aprobe ten que ir acompañado da pertinente memoria económica. No escrito de alegacións, Pilar Martínez alude, entre outros, ao artigo 20 h da Lei 42/2007 que establece: “os plans de ordenación dos recursos naturais terán, como mínimo, o seguinte contido: memoria económica acerca dos custos e instrumentos financeiros previstos para a súa aplicación”.

Así mesmo, recorda que o documento orzamentario ten que ser real e ter en conta os dereitos subxectivos previamente consolidados dos cidadáns que, por ver afectados os seus bens e dereitos, deben ser descritos e identificados pola Administración, e deben ser chamados como interesados. Neste sentido tamén lembra que a Constitución avala a utilización racional dos recursos naturais, garantindo o principio de solidariedade colectiva e o dereito á igualdade, polo que "o instrumento de xestión non debe supoñer, en ningún caso, o estrangulamento económico da zona" e ten que "garantir a liberdade de empresa e o exercicio e a defensa da produtividade, así como o progreso social e económico, para unha distribución da renda rexional e persoal máis equitativa e orientada ao pleno emprego, atendendo a modernización e desenvolvemento dos sectores económicos, en particular, da agricultura, a gandería, a pesca e a artesanía da zona".

Finalmente, outro dos argumentos esgrimidos polo despacho de Pilar Martínez Avogados é que a lei establece que no caso de que convivan diferentes figuras de protección nun mesmo espazo, neste caso as propias do parque natural Fragas do Eume e da Rede Natura, o PRUG debe ser coordinado e unificado nun único documento integrado e a Administración pública debe aclarar, se o instrumento de xestión que se pretende aprobar será extensivo ou incluirá, non só o ámbito territorial do parque natural, senón as LIC e ZEC.

A letrada mantén, que o anuncio do 7 de decembro de 2017 (DOG 3/1/2018) sobre participación pública do documento de inicio do PRUG do Parque Natural das Fragas do Eume é "confuso a este respecto".

Pilar Martínez Avogados reclama, por todos estes "incumprimentos", a retirada do documento e a elaboración dun novo, no que “a participación dos afectados sexa real e efectiva, e, por suposto, se teñan en conta todos os dereitos previamente consolidados dos mesmos fomentando, por parte da Administración, un equilibrio entre a conservación do medio ambiente e o necesario desenvolvemento socioeconómico da zona”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Ejjjj que vamos

O meu apioo total a esta letrada e aos PROPIETARIOS dos montes aos que lles están facendo unha expropiación encuberta das súas propiedades para contentar a catro ecoloxistas de cidade que pensan que EL MONTE ES DE TODOS. Se queren gozar da propeidade allea que paguen por pisala ou simplemente por mirala, xa que os carballos que tanto lles molan NON SON DELES, TEÑEN DONO, e se queren miralos que paguen. Estes ecolos o que queren e vivir dos demais sen poñer un peso como levan facendo con seu pais. A PROPIEDADE PRIVADA EXISTE (98% DE GALICIA) - SE QUEREDES MIRAR PAGADE.

1 Arturo

Traducción: queren seguir plantando eucaliptos e destrozando todo.

1 Cinismo

Y haciendose unos chalets monisimos los amiguetes del la me cu los de feijoo y del cobarde de rajoy