Por Galicia Confidencial | Lalín | 08/02/2018 | Actualizada ás 11:00
O 25% dos mozos de Lalín afirma realizar un consumo medio superior a 4 horas ao día diante dun ordenador e o 42,3% considera que o uso de internet algunha vez restou rendemento no ámbito académico. Pola súa banda, un 37% sufriu sensación de ansiedade cando tentou conectarse e non foi capaz.
Son parte dos resultados dun estudo sobre os hábitos de uso de Internet por parte da mocidade de Lalín que sinalan que as redes sociais e a mensaxería ocupan a maioría do tempo que os máis novos dedican a internet. Os xogos online e as compras son dous dos factores máis susceptibles de provocar condutas compulsivas en internet.
O informe sobre internet baséase nas enquisas que cubriron anonimamente alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO dos IES Laxeiro, Aller Ulloa e Sagrado Corazón, cun rango de idade comprendido entre os 13 e os 16 anos. Destes, o 52,6% foron mulleres e o 47,4% homes. Como dato introdutorio, segundo a análise do informe, o 58% recoñece as adicións como condutas repetitivas que danan, pero só o 14,9% recoñece que presenta algunha na actualidade. Pola contra, o 60,5% asegura que alguén do seu círculo de familiares e de amigos padece algunha adicción.
O consumo abusivo de internet e das novas tecnoloxías entra dentro das denominadas adiccións comportamenteais ou conductuais. Estas presentan un patrón igual ás adiccións por sustancias químicas, xa que se fai patente a necesidade de repetir cada vez con maior frecuencia o comportamento para lograr a satisfacción e producen dependencia ou síndrome de abstinencia, entre outras consecuencias.
ADICCIÓNS
Dentro deste tipo de condutas, as máis habituais na adolescencia son as adiccións ás novas tecnoloxías, a internet, aos xogos e ás compras. O uso de internet pode ser problemático cando o número de horas de conexión afecta ao correcto desenvolvemento da vida cotiá, causando, por exemplo, estados de somnolencia, alteracións no estado de ánimo, redución das horas adicadas ao estudo etc.
O 100% dos nenos enquisados asegurou que dispón dun dispositivo móbil de última xeración propio. Actualmente, a rede social máis empregada polos adolescentes lalinenses é o instagram.
Tamén o 77% dos participantes realiza un uso de internet persoal e o 20,9% di permanecer sempre conectado máis tempo do que tiña planificado. En relación ao uso de internet nas relacións mantidas co entorno, o 85% nunca deixou de facer plans cos amigos e familiares para usar internet, pero o 36,7% refire enfadarse cando alguén o interrompe mentres usa o móbil ou outro dispositivo. Así mesmo, o 42,3% considera que o uso de internet algunha vez restou rendemento de xeito negativo no ámbito académico e un 37% sufriu sensación de ansiedade ou preocupación cando tentou conectarse e non foi capaz.
XOGOS E COMPRAS
O 40% dos participantes fan un uso de xogos por internet e o 19% dos participantes utiliza o comercio electrónico no seu uso habitual de internet. O 46,9% dos participantes sentiu algunha vez a necesidade de comprar algo que non precisase e un 7% sempre sente a necesidade de ir de compras aínda que non precise nada.
O concelleiro de Benestar Social de Lalín, Nicolás González Casares, presentou este mércores os resultados deste estudo realizado no marco do programa municipal de prevención das adiccións que se desenvolveu o ano pasado e que terá continuidade no actual en colaboración co Concello de Silleda. Este informe busca, segundo Casares, “ser un espello da realidade lalinense no referente aos trastornos aditivos e servir como base para que as persoas que se encarguen de traballar sobre a prevención teñan un marco de referencia”.
Nicolás González Casares fixo fincapé en que o estudo aporta datos reais da sociedade lalinense e que servirá como a base sobre a que pivotará o programa de prevención de condutas aditivas, que se iniciou o ano pasado con estudios e diversos talleres incluídos no programa Mocidade Activa e que terán continuidade este ano en colaboración co Concello de Silleda.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.