GC Aberto

Outra fronte é posible?

Cainismo, control e dinámicas partidistas do pasado na esquerda frontista.

Por Garaloces (http://twitter.com/xabiergaraloces) | GC ABERTO | 12/02/2018

Comparte esta noticia

Acto de Esquerda Unidaun 25 de xullo
Acto de Esquerda Unidaun 25 de xullo

Lenin dicía que a experiencia da ditadura do proletariado, vitoriosa en Rusia, amosa claramente, os que no saben pensar ou non tiveron ocasión de reflexionar, que a centralización absoluta e a disciplina do proletariado son dous das principais condicións da súa vitoria sobre a burguesía” algo que anos despois Stalin, desde o poder, levou ó extremo, cometendo crimes e implantando unha ditadura... pero a culpa do seu fracaso sempre foi de todos os demais, dos que se opuxeron a ese réxime que se cargou cas súas feitas a Revolución...

É mais que evidente que a construción dun partido totalitario ó xeito dos anos trinta xa non cabe na sociedade do Século XXI, mais nesa construción e reconstrución da esquerda seguimos reproducindo os mesmos monstros nunha versión mais civilizada ou 2.0, as mesmas dinámicas que nos levaron ó fracaso... o control das organizacións por parte dun comité central, os comisarios políticos dominando os territorios, as purgas como instrumento de poder partitocrático, as checas que levaron a fronte Popular a unha debilitación extrema, o entrismo de Dimitrov como medio para asaltar o control dos órganos dos partidos, a colocación de autocolantes nas costas do inimigo político interno para descualificalo, todo pola carreira para colocarse nas institucións, nun curtopracismo que pensa exclusivamente no institucional e nos procesos electorais como fin único e máximo do partido.

Eses tempos electorais que desvirtúan o pensamento político e ideolóxico cun verniz de tacticismo e falsa transversalidade, que obriga incluso a organizacións federalistas a prostituír o seu ideario polo terror á perda dun sector do electorado tan polarizado polo conflito catalán: o federalismo real é a unión de estados soberanos e independentes, se non se recoñece o dereito a decidir e a súa soberanía, todo e música para non dicir que se é unionista ou que se quere insinuar ó electorado que se é unionista, mais semella que todo vale nesta carreira para e polo escano.

É, por desgraza, Podemos, a fuxida cara adiante dunha parte de IU, o último exemplo desa nova esquerda fendida, ateigada de fillos da clase obreira de escola e máster ben pagados que precisamente teñen abandonado a esa clase traballadora, caendo, ademais de nos anteriores erros mencionados, outra vez, na tendencia natural de aliñarse internamente no partido por caciques e non por ideas. Acaso non está chea tamén esta esquerda de “wannabes” que no único que pensan é nun "quítate ti para pórme eu"?

Na sociedade líquida de Bauman, onde a ideoloxía se dilúe nunha perigosa e intencionada transversalidade política, na que agroma en masa o cidadán que vota “en contra de” e non “a favor dun” pensamento ou posicionamento ideolóxico, onde prevalece o “ser”, o líder supremo, Juche, o triunfador egoísta, debemos repensarnos con xenerosidade a esquerda e reflexionar.

A reprodución sistemática dos mesmos erros e dinámicas cainitas nunha esquerda ou incluso no mesmo frontismo levaranos inevitablemente unha e outra vez os mesmos resultados. Non podemos concibir unha esquerda sen todas as esquerdas diversas e plurais, sen un traballo coral, contando con todas e todos, desde abaixo, desde a base. O pensamento ideolóxico debe ser sempre colectivo e nunca estar supeditado á estratexia de oficio, a un pensamento centralista, o medo, ou mesmo ó tacticismo temporal. Partido significa parte, idea, ideoloxía, non somos partido se non somos un constructo dun pensamento grupal. Para construír un movemento que realmente transforme unha sociedade, o electoral demostra historicamente que debe quedar nun segundo plano.

O futuro é o que todo colectivo acaba decidindo que sexa, é como a unión de milleiros de moléculas de auga, que cada unha vai a unha velocidade, pero as súas accións sumadas determinan a temperatura da auga ou como milleiros de células nun corpo humano, onde cada unha vai ó seu pero ó final, e de xeito colectivo, conseguen que se dea un paso en firme ...ou se tropece...

Os de arriba cambian se desde abaixo decidimos quen son e o que acaban facendo, así que poñámonos as pilas e ...viremos por avante cara novos mares ca experiencia aprendida das millas navegadas e das estelas trala popa.

-

Xabier Garaloces

Coordinador de relacións institucionais de Xuntos Actúa

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta