A Xunta convocou só tres prazas de psicólogos no Sergas en oito anos

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia considera "inadmisible" que non se convoquen prazas para esta especialidade na nova Oferta Pública de Emprego. Galicia ten unha taxa de 3,34 psicólogos por cada 100.000 habitantes, fronte os 4,3 da media estatal.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 09/02/2018 | Actualizada ás 10:53

Comparte esta noticia

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) considera "inadmisible" que non se convoquen prazas para a especialidade de psicoloxía clínica na Oferta Pública de Emprego (OPE) do Sergas, "cando son imprescindibles crear 26 prazas para equipararnos á xa exigua media estatal", denuncia.

Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.
Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

Na nova OPE do Servizo Galego de Saúde non se incluirá ningunha praza para especialistas en psicoloxía clínica, "o que significa un verdadeiro abandono da atención psicolóxica no sistema público de saúde, con tan só tres prazas convocadas desde 2010", alertan os profesionais.

Actualmente, segundo os datos que manexa o Colexio de Psicoloxía, "non se chega a cen especialistas exercendo no Sergas", isto é, 3,34 por cada 100.000 habitantes, cando a media estatal é de 4,3, polo que "é imprescindible e urxente convocar 26 prazas como mínimo" para cando menos equipararse co resro do Estado, advirten.

"Con esta infradotación de psicólogos e psicólogas clínicas é imposible prestar os tratamentos psicolóxicos que se recollen na carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde, o que implica desatender a saúde mental da poboación galega e vulnerar os seus dereitos recollidos por lei. Máis aínda se temos en conta que unha de cada tres consultas en atención primaria está vinculada coa saúde mental, un nivel asistencial no que xa se está a incorporar a psicoloxía clínica noutras autonomías, a diferenza de Galicia", lamenta o Colexio..

Para este organismo profesional resulta "inadmisible" que se sigan cubrindo as carencias asistenciais en psicoloxía clínica do sistema con bolsas de investigación e con convenios con oenegués para a prestación de asistencia, como se constatou nas áreas de atención a vítimas de tráfico, oncoloxía, coidados paliativos ou neuroloxía.

Ademais, en Galicia a prevalencia de trastornos mentais con carácter crónico, como a depresión ou a ansiedade crónicas, supera con moito a media estatal: sobre o total de persoas con enfermidades crónicas, a prevalencia en Galicia 12,06% fronte ao 7,83% estatal no caso da depresión crónica, e dun 12,57% fronte a un 7,6% no da ansiedade crónica. Datos que, para os psicólogos, esixen unha dotación de profesionais superior á media española.

Tamén se ten constatado que "hai dispositivos asistenciais básicos en saúde mental sen psicólogas nin psicólogos clínicos e que son atendidos a tempo parcial (hospitais de día psiquiátricos, unidades de psicoxeriatría, unidades de saúde mental, etc.)". Esta situación resulta aínda "máis evidente nas consultas de psicoloxía clínica de interconsulta e enlace dos hospitais xerais, contando cun único especialista en psicoloxía clínica para a poboación atendida nun centro do tamaño do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela".

ABUSO DOS PSICOFÁRMACOS E ALTA TAXA DE SUICIDIOS

"Ante a falta de tratamentos psicolóxicos, a resposta asistencial son psicofármacos", láiase o Colexio de Oficial de Psicoloxía de Galicia.

Desde o ano 2000 cuadriplicouse o consumo de antidepresivos, segundo a Agencia Española del Medicamento. Ademais, as taxas de suicidio continúan en niveis altísimos en Galicia, sendo a segunda comunidade autónoma con maior taxa do Estado (11,74 suicidios por cada 100.000 habitantes fronte a 7,76 na media estatal). 

"Seguimos sen contar cun Plan Estratéxico de Saúde Mental en Galicia, unha necesidade urxente. Galicia ten a ratio máis baixa en atención ambulatoria de poboación sen diagnóstico primario de consumo de tóxicos, tanto en especialistas en psicoloxía clínica como en psiquiatría", denuncian.

Para os psicólogos, a saúde mental non pode cinguirse só ao plano farmacolóxico, cando todas as entidades mundiais, entre elas tamén a Organización Mundial da Saúde, sinalan a eficacia dos tratamentos psicolóxicos. 

"Na sanidade pública galega, unha persoa pode estar agardando ata seis meses para ser atendida nas Unidades de Saúde Mental; é dicir: existe unha demanda por parte da cidadanía que precisa de recursos humanos para ser atendida, porque a atención psicolóxica só pode ser prestada por psicólogos e psicólogas", expoñen.

Ademais, uns 150 psicólogos e psicólogas clínicas que se formaron en Galicia e con cargo ás arcas públicas atópanse nas listaxes de contratación do Sergas, "unha perda de investimento económico e de recursos humanos para unha necesidade real, a da atención psicolóxica no Sergas". 

"Esta ineficiencia económica increméntase a través dun modelo asistencial baseado nos psicofármacos, que é máis caro, facilita a cronificación dos problemas (é dicir, máis baixas laborais por trastornos de saúde mental) e dana a saúde das persoas. Desde o COPG apelamos a unha verdadeira comunicación entre as partes implicadas, profesionais, Administración e persoas usuarias, co fin de definir unha planificación estratéxica en saúde mental eficiente e responsable", conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Estou dacordo coa postura do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia; precísase máis atención psicolóxica e menos fármacos. A taxa de suicidio na nosa Comunidade é espeluznante, e os datos de depresión e ansiedade tamén son moi graves.