Temas: ENTROIDO

Os máis pequenos fan grande o entroido de Verín

Máis de mil cincocentos nenos e nenas participaron no desfile infantil o pasado xoves de comadres. Por diante, o bautizo do cigarrón esta tarde e días de moita troula, moita música e máis desfiles.

Por X.M. Fernández | Verín | 10/02/2018 | Actualizada ás 13:30

Comparte esta noticia

Os cativos, procedentes de 13 centros da comarca verinesa, percorreron acompañados dos cigarróns as rúas máis céntricas de Verín disfrazados de hippies, animais, limos, personaxes do circo, temática de medio ambiente e lumes, piratas, correos, pavos reais, crocodilos, froitas, bailes do mundo, cubanos e percusionistas. A masiva participación unida á ilusión e ás caras de satisfacción dos pequenos fai pensar que o entroido é unha celebración que goza de moi boa saúde e que ten a súa continuidade máis que asegurada no val de Monterrei.

Desfile de Cigarróns cos nenos e nenas. Fonte: Concello de Verín
Desfile de Cigarróns cos nenos e nenas. Fonte: Concello de Verín

Despois do gran ambiente de onte, venres de compadreo, no que os carros e entroideiros partiron do barrio de San Lázaro cara a Rúa Irmáns Moreno onde non faltou viño nin porco ao espeto e a música ata altas horas, a fin de semana  promete máis troula e diversión. 

Hoxe sábado, dende a mañá, a música de diferentes charangas amenizará as principais rúas de Verín e ás 17:00 horas, o protagonismo será para o “Bautizo do Cigarrón”, momento solemne e esperado polos novos cigarróns no que serán investidos por primeira vez, na Praza da Mercé. Ás 18:00 h., este mesmo lugar acollerá un divertido baile de capuchóns e mascaritas, amenizado pola Discomóbil Son de la Nuit. A festa continuará, a partir da tarde/noite na Praza Maior coa orquestra Fania e a orquestra Televisión.

O domingo, día grande do entroido, ten lugar o gran desfile matinal que transcorre polo centro da vila a partir das 12.00 h. Un espectáculo que impresiona aos visitantes coa numerosa presenza de cigarróns, comparsas e carrozas nun ambiente cheo de cor, orixinalidade e humor que se alonga ate a hora de xantar.

Durante toda a xornada, as charangas TámegaVakapintaNova Terra de Trives Fuego encherán as rúas da vila coa súa música e pola tarde/noite a orquestra Marbella e o Grupo América SL. amenizarán a Praza Maior ata altas horas da madrugada.

Reunión da cativada na Praza Maior. Fonte: Concello de Verín.
Reunión da cativada na Praza Maior. Fonte: Concello de Verín.

Para o luns está programada unha ruada a cargo da charanga Támega e actividades para os cativos e para os maiores. A partir das 16:30 h., entroido infantil con obradoiros, xogos e karaoke no Pavillón Municipal de Deportes. E pola tarde, no Centro da Terceira Idade da Alameda, haberá un divertido baile de entroido para os maiores coa Charanga Támega.

A partir das 19:00 h. a música comeza da man das orquestras Miramar e La Oca na Praza Maior, lugar onde os asistentes gozarán coa degustación de dous dos produtos gastronómicos típicos do Entroido en Verín: empanada e bica. E para rematar a xornada, gran verbena amenizada polas orquestras anteriores a partir das 00:00 horas.

O martes de entroido, último gran día de troula, haberá animación musical a cargo das charangas Támega e Vakapinta pola mañá, e a partir das 16:30 h. da tarde o derradeiro desfile de máscaras e disfraces con música e grandes doses de humor. Fin de festa na Praza Maior coas orquestras De Moda Garibaldi.

Como epílogo das festas, o “Domingo de Piñata”, 18 de febreiro, pecha a semana grande cunha gran comida popular para os participantes nos desfiles e amenizada pola Discomóbil Space.

Temas: ENTROIDO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta