Temas: MINA XUNTA

A Xunta responde á problemática mineira dando axudas para reducir as emisións de po en explotacións

Asegura que a nova Lei de implantación empresarial –que a oposición denomina de depredaciń empresarial-- poderá xerar 800 novos postos de traballo e aumentar un 21% a súa achega ao PIB galego.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/02/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A Xunta contará cunha nova liña de axudas para mellorar as condicións das explotacións mineiras de Galicia coa posta en marcha de apoios dirixidos a empresas do sector para loitar contra a incidencia do po mineiro.  É o xeito que ten de “promover o desenvolvemento sustentable” deste sector que constitúe “un importante motor económico para as zonas de Galicia onde se leva a cabo esta actividade de importante impacto socioeconómico”.

Mina de cuarzo de Emrisa en Begonte
Mina de cuarzo de Emrisa en Begonte | Fonte: AGE en Europa

Para iso destinará tres millóns de euros co obxectivo favorecer a aplicación de tecnoloxías novidosas e implantar as mellores técnicas dispoñibles contra o po, “tendo en conta o seu influxo tanto no contorno coma na saúde dos traballadores”.  De feito, nos últimos anos, a Xunta investiu preto de dous millóns de euros en estudos e proxectos de investigación para determinar os principais focos de emisión e os postos de traballo con maior risco de exposición dentro dos distintos subsectores mineiros e procesos produtivos; así como o desenvolvemento innovador de maquinaria, equipos, instalacións e sistemas que permiten minimizar a emisión de po ou a exposición dos traballadores. 

“COMPROMISO” COA INDUSTRIA

“Con esta nova medida, a Xunta volve demostrar o seu compromiso cunha minería segura e sustentable capaz de xerar valor e emprego na Comunidade e que actualmente representa o 1% do PIB e que xera 5000 empregos”, apunta a Xunta. Estas axudas súmanse, ademais, a medidas como as adoptadas na nova Lei de implantación empresarial para impulsar pola vía rápida proxectos industriais. O propio sector mineiro prevé que, grazas á entrada en vigor deste novo marco normativo, poderá xerar 800 novos postos de traballo e aumentar un 21% a súa achega ao PIB galego. 

Os incentivos desta nova axuda contarán con dous obxectivos. Por unha parte, dirixirase a investimentos para a mellora da calidade do ambiente atmosférico mediante a redución de emisións de po nas 253 explotacións mineiras activas. Neste caso, destinarase 1,5 millóns de euros, con axudas máximas de 300.000 euros e valoraranse aspectos como o tipo de problemática a resolver e a tecnoloxía a aplicar polo sistema de control e emisións; o incremento do nivel de protección ambiental sobre as normas europeas; ou a optimización dos investimentos a realizar. 

Mina de Varilongo, en Santa Comba
Mina de Varilongo, en Santa Comba | Fonte: OGolpe en es.wikiloc.com.

Mentres que o segundo obxectivo está destinado a actuacións para a redución da exposición ao po dos traballadores, con axudas de ata un máximo de 200.000 euros. Neste caso valoraranse o tipo de investimento, o grao de exposición do posto de traballo, a porcentaxe de traballadores do centro beneficiados coa actuación e o tipo de empresa. En todas as actuacións desta orde de axudas, obterán máis puntuación os solicitantes que sexan unha pequena empresa ou micropeme.

Temas: MINA XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta