Valentín González: "Temos que recuperar á xente que votou socialismo durante décadas e que está despistada por culpa nosa"

O presidente da Deputación da Coruña e novo secretario provincial do PSdeG ten claro que o obxectivo para que o seu partido recupere a "ilusión" é presentar equipos novos e renovados nas tres grandes cidades da provincia. Destaca nesta entrevista que a súa relación con Gonzalo Caballero "é boa e fluída" e tamén aspira a volver a gobernar a institución provincial co BNG. "Das mareas só podo dicir; grazas, grazas e grazas", di polo apoio "xeneroso" no goberno provincial.

Por Xurxo Salgado | A Coruña | 12/02/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Tras un proceso longo e que provocou divisións dentro do PSdeG, Valentín González, presidente da Deputación da Coruña, secretario provincial e alcalde das Pontes está convencido de que hai que comezar un "tempo novo" que pasa pola renovación de equipos e candidatos nas grandes cidades. "E creo que o de Ferrol non é o camiño polo espectáculo que estamos dando", asegura sobre o acontecido nesta agrupación local.

Suliña que a súa relación con Gonzalo Caballero é "fluída, boa e de confianza" e sinala que os dous están xuntos na tarefa de conseguir que a xente volva "confiar" no PSdeG e de recuperar a "sensatez e a ilusión". Unha ilusión que cre que se pode acadar compaxinando cargos porque "o presidente provincial xera unhas sinerxais claras coa socialdemocracia e a súa implantación no sentido de se coñece a provincia mellor que ninguén". Sobre a súa forma de facer política di rotundo que "se acabou xa o presidencialismo nesta institución e o dedazo e o protagonismo e personalismo".

Destaca o traballo do BNG na institución provincial e tamén agradece ás mareas o seu apoio. "Por iso, ante as críticas que reciben ante certos aspectos pola súa xestión, gustaríame que a xente vira como se comportan aquí, con que xenerosidade o fan e como aceptaron a supresión dalgúns plans que benefician aos concellos máis pequenos a costa das grandes cidades", indica.


Houbo eleccións, hai nova Executiva provincial, novo presidente e novo proxecto, non?
Efectivamente, hai unha nova executiva de homes e mulleres que teñen un dobre obxectivo; afrontar un proceso de municipais no que hai que recuperar a credibilidade perdida e, polo outro, recuperar un PSdeG que precisa, a nivel de agrupacións municipais, que medren os mellores equipos humanos para abordar os temas que lle preocupa á xente e ser quen de ofertar solucións de futuro e vangardistas como leva feito o PSdeG durante décadas porque o Partido Socialista marcou sempre tendencia.

Uns valores, unha marca da casa que se está perdendo?
Efectivamente, sen dúbida.

E por que se perderon estas esencias do PSOE que era estar do lado da xente, dos traballadores... Iso de "Partido Socialista Obrero....", non?
Pois eu penso que a parte difícil do proceso de primarias é que o realizan persoas e, polo tanto, afloran sentimentos, egos, proxectos persoais, o mellor das persoas, pero tamén, ás veces, o peor. E as Primarias son tan longas, ademais, que hai que ter a capacidade de resetear e de ser xeneroso e de poñerte a proba como persoa. E corres o risco de esquencerte para que estás aí. Non é un fin gañar as primarias, senón que é un medio que temos que solventar o máis democráticamente e intelixentemente posible para falar canto antes dos problemas que realmente lle preocupan á xente.

E supoño que falas por experiencia porque na Coruña semella que as primarias foron tensas...
Non, para nada.

E entón aquelas declaracións de Mercedes Rosón dicindo que ti non eras bo socialista?
Pois foi o único aspecto do proceso de primarias que podería calificarte, como dis ti, de tenso. O único en 15 días e a precampaña, nunha campaña que se iniciou con seis candidatos e rematou con dous, dos cales todos están integrados na Executiva.

INTEGRACIÓN

Foi doada esa integración?
Si. Foi fácil, francamente fácil. Por iso dicía que as primarias tensan e que logo hai que ter a capacidade para reconstruir rapida, intelixente e xenerosamente.

E como se chegou entón a esta situación de tensións e divisións de agrupacións?
Porque as primarias permite que calquera que queira presentarse e teña un mínimo de avais pois poida facelo. Logo a representatividade mírase ao final no proceso de votación, pero moitos deles xa non chegan a ese proceso. E por iso igual pode dar a sensación de división, e de galimatias. Pero as primarias, tal e como están deseñadas, pois permiten iso.

Cando falo de división quero dicir que houbo varios candidatos. E cando hai candidatos é que houbo sectores detrás apoiandoos. E, non poucos...
Nalgúns casos si e noutros non.

A ver, Mercedes Rosón presentouse ela soa, pola súa conta?
Non, home non... Pero nalgún caso si.

Ou en Lugo, ou en Pontevedra ou en Ourense. En todas as provincias houbo máis dun candidato porque non houbo acordos entre eles. Por que cres que non se chegou antes a eses pactos e si despois?, por ver quen a ten máis grande, con perdón, utilizando un simil que pode ser groseiro?
En parte é así e en parte non. Inicialmente é moi difícil porque a xente considera que facer a campaña é importante para darse a coñecer e, polo tanto, é moi difícil, que haxa negociacións previas, nun momento no que, ademais, ese tipo de negociacións, vense ata mal entre a militancia. E, polo tanto, a xente prefire dar o paso, ensinar a súa pata, como se soe dicir, o seu proxecto, e logo ver se hai acordo. En todo caso, esa parte inicial é moi difícil de evitala e non sei se sería bo, ademais, facelo.

Falas de integración na túa executia, pero é moi ampla. Ti cres que é operativa así para traballar no día a dia?
Si e non. Si porque hai que facer unha Permanente para buscar ser prácticos e logo porque ten varios efectos como son os de normalización entre distintos territorios, distintas sensibilidades que hai dentro do partido e que se poden expresar na Executiva provincial e ademais pódese contar con eles para realizar tarefas da propia Executiva. Eu o outro día falei co responsable de asuntos sindicais, Xosé Manuel Carreira, e pedíalle que me puxera en contacto co comité de empresa de Cerceda para ir alí a facer unhas xestións que teño na cabeza facer. Sobraba esa área?, igual si e podiamos ter unha executiva máis pequena, pero facela así tamén me permite contar cun equipo enorme, multidisciplinar que fai máis efectivo o traballo da Executiva provincial. E isto, sendo certo tamén o que dis que non podemos reunirnos cada venres. Haberá que facelo a través dunha Permanente.

E supoño que a fixeches tan grande tamén para apagar lumes internos, non?
Si, claro, de normalización.

E normalizouse xa a relación con Gonzalo Caballero?
Si, totalmente

Falades habitualmente?
Non todos os días pero a miña confianza nel é plena. Os dous temos un reto compartido que é que nos vaia ben nas próximas municipais. E hai que volver recuperar a confianza que tivemos nas cidades durante décadas. E isto é unha tarefa conxunta, aínda que a competencia é da Executiva nacional. Pero nós non nos imos ocultar detrás desa competencia e imos aportar todo o que se nos pida. Polo tanto a relación é fluída, boa e de confianza.

E que cambiou entón desde aquela vitoria de Caballero á Secretaría Xeral do PSdeG e que fomentou candidaturas independentes en moitos sitios, a este Caballero?
Eu penso que a relación persoal.

Ousexa que era que non vos coñecía. É dicir, a ti, a David Regades en Vigo ou a Álvaro Santos en Lugo?
Pois no meu caso no nos coñeciamos e que a desconfianza, agora, desaparece. As desconfianzas o quen fan é separar e iso agora non existe. El sabe perfectamente a día de hoxe cales son os meus obxectivos e a colaboración estreita que hai e que non imos supoñer o máis mínimo problema para a Executiva nacional galega no obxectivo de recuperar a Xunta de Galicia para o PSedG.

A Xunta e supoño que manter tamén a deputación, non?
Claro, claro.

E é certo iso de que Gonzalo Caballero domina xa case todas as secretarías municipais das grandes cidades ou iso foi froito de pactos?
Eu creo que é unha lectura que se pode facer xornalísticamente pero, ao final, o obxectivo é compartido e que todos poidamos poñer aos mellores á fronte das cidades porque, ao final, de nada vale ter a unha persoa ou outra se ao final a cidadanía non responde. O reto de Gonzalo Caballero nesta provincia é recuperar Santiago, Ferrol e A Coruña e por iso nos van medir e nese reto estou eu no mesmo baco ca el. Polo tanto o que pase nas cidades a nivel orgánico é secundario con respecto ao obxectivo principal, que é que os cidadáns sigan confiando no PSdeG.

Pero para que gañe haberá que ter novos proxectos e, sobre todo, candidatos renovados, entendo...
Estou convencido de que ten que ter candidatos renovados.

BEATRIZ SESTAYO

E cres que Beatriz Sestayo, para Ferrol, valería como candidata?
Non creo que estea na cabeza de Gonzalo Caballero nin da de Beatriz Sestayo. O que todos temos que facer é un esforzo de xenerosidade e de renovación de equipos en todas as cidades.

Falo de Beatriz Sestayo porque gañou por un voto e está a agrupación practicamente rota. Ten difícil solución este problema?
Hai un recurso presentado e haberá que solucionalo desde os órganos de partido que teñen que dirimir estas cuestións conforme aos estatutos.

E cres que pode haber cambios, entón?
Penso que é precipitado dicilo porque penso que aínda hai que visar a documentación e ver se se cumpren ou non os estatutos. Eu ao que aspiro é que nas cidades cumpramos ese obxectivo de volver retomar a confianza da xente.  E creo que o de Ferrol non é o camiño polo espectáculo que estamos dando.

Outra cousa que a min me chamou a atención logo de máis de 30 anos no partido foi a renuncia de Julio Sacristán. Que pasou para que acontecera iso?
Julio levaba desde que entrou aquí que xa quería marchar. A tarefa política é moi dura e nestes últimos tempos pois aínda moi dura e un duro esforzo. E non se lle pode dicir a unha persoa que o leve durante 40 anos. Xulio xa levaba 32 anos e, por tanto, hai que respectar esas decisións que son persoas.

Pero foi persoal, non tivo que ver as diferencias políticas que hai?
Non, nada. En absoluto. Foi unha decisión persoal, acompasada nos seus tempos en canto a sucesión no Concello de Culleredo. Eu tamén son alcalde e, por tanto, por riba de calquera cousa, debe primar a boa xestión e o bo camiño na vila onde es alcalde. El xa tiña a decisión tomada de deixar todos os cargos que ostentaba e hai que rescuperalo.

E recuperalo para algo?
Con Julio seguimos falando cada semana. E dentro do partido hai figuras. Non imos crear nada artificial, pero aínda lle está dando consellos ao novo alcalde de Culleredo e está nesa etapa de recibir aínda homenaxes. Aínda fomos a unha hai quince días e outro hai unha semana e hai que permitir que se desfogue nese caso. Pero, en todo caso, imos contar con Julio en mil aspectos no día a día.

Estamos a menos de un ano e medio das municipais. O PPdeG xa dixo que fía todo ao que aconteza nelas para recuperar o poder perdido e, o PSdeG, a que aspira?. Cales serían uns bos resultados?
A nosa aspiración é darlle é que a xente poida votar unha candidatura do PSdeG que lle supoña boas vibracións. E, lóxicamente, manter a deputación porque non podemos ir cara atrás. E, logo, para min, é crucial atender á demanda da cidadanía nas grandes cidades e que o PSdeG presente un proxecto referencia e un equipo humano referencia. Creo que está acostumada a votar socialismo durante décadas e que leva despistada por culpa nosa, lóxicamente, algúns anos. Temos que recuperar esa sensatez e a ilusión. E para iso é necesario presentar equipos bos.

E xa hai algún equipo novo para esas grandes cidades?
De momento por respecto á Executiva Nacional é unha competencia deles e tamén das executivas municipais. Eu teño as miñas ideas e as compartirei con eles para que as valoren. Pero o discurso que temos que ter é ser capar de cumprir co que prometemos. E mellorar equipos e resultados é un obxectivo que teremos que demostrar cando a xente vexa os proxectes.

ACUMULACIÓN DE CARGOS

E Valentín vai seguir querendo aspirar á alcaldía das Pontes, á Presidencia da Deputación, ademais da Secretaría da Executia provincial do PSdeG?

Veremos no seu momento ese tipo de decisións que as teremos que tomar nos lugares que corresponden e logo é unha reflexión que teño que facer.

Comentocho porque se supón que se busca unha continuidade nos proxectos, non?
Si, claro, pero hai moitos aspectos que valorar aí. E hai compañeiros que se se incorporan ao proxecto municipal das Pontes ou o da deputación o van facer moi ben e seguro que melloralo.

Ousexa que non ten nada que ver co de acumular cargos, que é polo que te critican algúns do teu partido...
É unha crítica que respecto pero que non comparto. Por exemplo, Julio Sacristán era portavoz na deputación, secretario provincial e alcalde de Culleredo e sempre igual. Salvador Fernández Moreda tamén era secretario provincial, presidente da deputación e concelleiro de Urbanismo no Concello da Coruña. Eu coñezo xente que ten un cargo e é unha inepta políticamente falando e nunca se distinguiu por facer nada bo para a sociedade pero hai outra xente que ten dous ou tres cargos --dous institucionais porque a xente ten que saber que para exercecer como presidente tes que ser, cando menos, concelleiro--. Por iso, neste caso sería un cargo orgánico e un cargo institucional. E o cargo orgánico neste caso, que foi o que motivou que dixera que si, é porque xa vai de seu porque o presidente provincial xera unhas sinerxais claras coa socialdemocracia e a súa implantación no sentido de que coñeces a provincia mellor que ninguén, visitas as localidades permanentemente, coñeces a realidade social dos 93 concellos e o noso partido e a nosa ideoloxía sería torpe se non aproveitara esa palanca. E, polo tanto, nese sentido, ten toda a lóxica posible.

E como ves o feito ata agora como presidente provincial e o que queda por facer?, cal é o balance que fas do traballo realizado?
Fago un balance positivo, aínda que haxa insatisfaccións. Hai sinsentidos que son anacrónicos nesta deputación...

Por exemplo?
Pois, por exemplo, que a deputación teña os dous únicos institutos públicos de Galicia que non son da Consellería de Educación. Eles son os que teñen as competencias e saben diso. Nós temos dous institutos ben situados xeográficamente na Coruña e moi ben xestionados polos profesionais que alí exercen a súa labor pero que esta institución os ve como algo estrano e alleo. Tamén temos dous centros de menores, que son os dous únicos centros públicos de menores que hai en Galicia que non pertencen á Consellería de Asuntos Sociais. Temos uns magníficos profesionais nos centros, pero tamén son un elemento estrano nunha administración pensada, deseñada e lexislada para dar servizo ás administracións locais. Polo tanto ahí hai unha certa insatisfacción con respecto á Xunta e non hai avances nesa área. Pero penso que estivemos atinados en que a deputación centrara o tiro no problema que máis preocupa a esta sociedade, que é o paro. E vinculamos todas as nosas políticas á xeración de emprego. Puxemos en marcha un plan bandeira de emprego e, por outra parte, deseñamos un plan, que é o plan único, que quedará para a historia, e que é un plan que suprime once plans e os concentra nun só e dálle total liberdade aso concellos para que decidan a que adican eses recursos. Acabouse xa o presidencialismo nesta institución e o dedazo e esa protagonismo e personalismo. Nós non buscamos placas, senón nóminas de escolas infantís ou financiar facturas de servizos baśicos de institucións.

BEATRIZ MATO

Falabas agora da Consellería de Política Social. Que tal é a relación coa súa titular, Beatriz Mato?

A verdade é que temos pouca relación coa consellería. Atopámonos nalgúns actos nos que nos toca estar e é correcta.

E non a ves moi volcada institucional e políticamente coa Coruña?
Está volcada porque todo indica que será a candidata do PP. E terá a súa estratexia persoal nese sentido.

E cres que utiliza á Xunta para facer campaña?
Eu en calquera caso hai que ter coidado con certos aspectos. Ao final solápanse os dous proxectos, a responsabilidade do proxecto persoal e partidista co institucional. Por iso hai ter moito coidado co uso das institucións para conseguir ese proxecto partidista.

E, a relación co BNG neste tempo?
Pois é moi boa. Xa é a terceira vez que o repito ante un medio. Se se deran as condicións na próxima lexislatura para que o PSdeG puidera gobernar en solitario esta institución, eu sería partidario de que o BNG continuara no goberno. Iso quere dicir que a relación sexa perfecta, non, porque non a hai. De feito, en plenos temos votado de forma diferente, pero no proxecto coincidimos plenamente no aspecto progresista, transparencia e de tentar baixala ao nivel da xente e no de estar nos problemas que lle preocupa a xente e de potenciar o uso do galego e darlle un aspecto social para chegar a onde non chegan outros.

E tes esa mesma percepción coas mareas, cres que se pode chegar a acordos con eles?
Si o mesmo. Das mareas aquí só podo dicir grazas, grazas e grazas. O seu compromiso con este goberno e da estabilidade coa que dotaron a este goberno é fundamental porque entre o BNG e nós non temos maioría absoluta, e sen as mareas e Alternativa dos Veciños esta deputación non tería orzamento. Por iso, ante as críticas que reciben ante certos aspectos pola súa xestión, gustaríame que a xente vira como se comportan aquí, con que xenerosidade o fan e como aceptaron a supresión dalgúns plans que benefician aos concellos máis pequenos a costa das grandes cidades. Eu non coincido con eles en moitas cousas pero no que é a demostración de responsabilidade e de compromiso coa estabilidade dunha institución están a proba de bomba.

E ves factible un pacto nas cidades entre PSdG, mareas e BNG?
Eu creo que é moito avanzar. Os equipos que se presenten terán que ter autonomía en como conformar a súa vida municipal. A miña experiencia na deputación é fantástica. Pero, ao final, as institucións as compoñen persoas e, ás veces, a relación entre as persoas é a que xera confianza.

El presidente de la Diputación de A Coruña, Valentín González Formoso
El presidente de la Diputación de A Coruña, Valentín González Formoso

Valentín González Formoso y Gonzalo Caballero
Valentín González Formoso y Gonzalo Caballero
Valentín González, presidente da Deputación da Coruña e líder provincial do PSdG
Valentín González, presidente da Deputación da Coruña e líder provincial do PSdG | Fonte: adiantegalicia.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 15 comentarios

4 Equidistando

Vai ser difícil, cando nin sequera vos atrevedes a chamarvos galeguistas federalistas e republicanos. Xa non falo do voso programa económico que é practicamente o do PP. Agora ben, se apostásedes polo republicanismo, o federalismo e políticas coma as portuguesas non teño a máis mínima dúbida que gobernariades.

3 Calvo sen pucha

Claro que lle ten que dar as grazas grazas e grazas á Mareiya. Levaban no programa apoiar unha candidatura alternativa a PP ou PSOE para a presidencia pero cando o BNG se propuxo para presidir ah a ti no que me caes mal jajaja

1 O que queda do BNG

No BNG queredes presidir moitos chiringos e ter moitos postiños nas institucións, cando cada vez tedes menos voto popular e menos representación. Sodes un quiero y no puedo, pero con botar a culpa aos demáis, xa arranxades todo.

2 Vai baixar a mareaaaa

Pero o BNG non desaparecera xa liberadiyo mareado? O que si esta sendo espectacular é a vosa baixada, non se sabe dun partido que en só uns meses baixase tanto e baixando. Menos mal que facedes esas xornadas de networking de cidades rebeldiyas para cando quededes sen as alcaldias a ver se vos enchufan nalgures

2 Pondaliao

Españolentos, traidores e progres de merda, unídevos por España!

1 Poder Copular

Hai que ser burricán ou mala persoa pra votar ós Sociolistos amigos do IBEX-35 e do Señor X amigo da cal viva...