Temas: FOLGA XUSTIZA

Os folguistas, dispostos a manter o paro indefinido na Xustiza o que faga falta

Sindicatos de Xustiza sitúan "a pelota no tellado da Xunta" e apelan a "aguantar" en varias asembleas. Traballadores en Vigo e A Coruña acudirán 'de loito' ás concentracións ante os xulgados coincidindo co 'Enterro da Sardiña'

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/02/2018 | Actualizada ás 18:52

Comparte esta noticia

Sindicatos da Xustiza reafírmanse, na quinta xornada efectiva de folga indefinida, en que a proposta presentada pola Xunta na pasada xornada é "inaceptable" e sosteñen que "a pelota está no tellado" da Administración galega, que se "comprometeu" —aseguran— a analizar as demandas sindicais e a volver convocalos.

Actos reivindicativos no marco da folga da xustiza
Actos reivindicativos no marco da folga da xustiza | Fonte: Europa Press

"Falaron de finais desta semana, pero non concretaron ningunha data", incidiron fontes do comité de folga dos traballadores da Administración de Xustiza.

Despois da reunión deste luns, que volveu finalizar sen acordo, algúns representantes sindicais inciden en que o director xeral de Función Pública, José María Barreiro, "non é interlocutor válido".

E é que tanto el como o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, encabezaron a representación da Xunta nas últimas negociacións, que o comité de folga non considera satisfactorias.

Este xoves, os sindicatos participaron en asembleas nas cidades de Pontevedra, Santiago e Vigo (esta última, "multitudinaria"), nas que informaron aos traballadores do resultado do último encontro e se lanzou a mensaxe de que "hai que aguantar".

En todo caso, desde distintas organizacións consideran que "non será difícil" posto que "a xente está moi, moi encabuxada" polo que interpretan como "unha continua tomadura de pelo" do Goberno galego.

ESCENARIO

Nunha nota difundida en blogs do sector xudicial e para informar os traballadores, o comité de folga realiza unha análise da situación das cinco reivindicacións que conduciron á primeira folga indefinida na Xustiza galega na súa historia.

Así, apuntan, no que respecta aos reforzos, que a Xunta, "por esixencia do comité", se comprometeu a levar á próxima reunión "unha relación completa e actualizada dos reforzos que teñen máis de tres anos" e unha proposta "concreta" de "onde se crearán as prazas que se consolidan, que servizos e en que localidades".

O compromiso, subliña o comité, estendeuse a que estas prazas sexan creadas e saian neste concurso de 2018.

Para poder pechar o punto relativo ás amortizacións, os sindicatos esixen a "paralización" da amortización das prazas que tiñan pendentes e están ocupadas; sobre as prazas que aparecen na relación de amortización e que quedaron vacantes e non saíron os concursos porque "as querían amortizar", débense "desbloquear e sacar a concurso en 2018"; e en canto ás prazas xa amortizadas, un compromiso de crealas no mesmo número para o concurso de 2019.

SUBSTITUCIÓNS, ITS E OFERTA RETRIBUTIVA

En canto ás substitucións, o comité de folga pediu que, unha vez que se redacte a nova normativa, as substitucións se cobren con efectos retroactivos do 1 de xaneiro de 2018. Sostén que os negociadores da Xunta pediron uns días para valorar esa posibilidade e ter a conformidade de Facenda.

Na "discriminación" polos descontos nas baixas por mor de incapacidades temporais (ITs), igual que trasladaron este luns, os sindicatos constatan que non hai "ningún avance".

Apuntan que a Xunta "segue insistindo en que está pendente que o Ministerio de Facenda elimine a penalización polas baixas temporais" e, no caso de que non sexa así, comprométese a crear unha mesa de traballo.

Para as organizacións sindicais, calquera acordo está "supeditado" a que a regulación sobre ITs sexa "idéntica" a maxistrados, fiscais, letrados xudiciais, e outros compañeiros de comunidades como Aragón, Navarra ou do 'Territorio Ministerio' --que agrupa as comunidades que non teñen descentralizadas as competencias--.

Por último, rexeitan a oferta económica nos termos expostos pola Administración galega, ao entender que seguiría situando aos traballadores "por baixo de territorios que asinaron os seus acordos nos anos 2005 ou 2006, como Andalucía e Cantabria".

ACTOS REIVINDICATIVOS

Os sindicatos avanzaron actos reivindicativos nos próximos días, con manifestacións nas grandes urbes, en principio, previstas para o xoves, aínda que están pendentes de recibir a autorización pertinente nalgunhas cidades.

Este mércores, en pleno Entroido e coincidindo co 'Enterro da Sardiña', en Vigo e A Coruña os traballadores irán 'de loito' ás concentracións ante os xulgados en sinal de protesta pola "falta de aptitude negociadora" da Xunta.

Temas: FOLGA XUSTIZA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta