Temas: UE INCENDIOS

Bruxelas anuncia unha axuda de 3,2 millóns polos incendios en Galicia

En total desbloqueará 104 millóns para dar apoio tamén a Portugal, Francia e Grecia por distintas catástrofes naturais.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 15/02/2018 | Actualizada ás 14:37

Comparte esta noticia

A Comisión Europea anunciou este xoves un apoio de 3,2 millóns de euros para axudar a España a facer fronte aos danos causados o pasado ano polos graves incendios rexistrados en Galicia, que arrasaron máis de 49.000 hectáreas e custaron a vida a catro persoas. Para que o desembolso sexa efectivo é necesario primeiro o visto e prace do Consello e do Parlamento Europeo á proposta de axuda de Bruxelas, algo que a comisaria de Política Rexional, Corina Cretu, confiou en que ocorra "antes de maio".

Incendios forestais
Incendios forestais | Fonte: Europa Press

Os 3,2 millóns de euros procederán do Fondo de Solidariedade da Unión Europea, creado para dar apoio aos Estados membros nos seus esforzos de reconstrución após o impacto dunha catástrofe natural.

Tamén servirán para cubrir parte dos custos dos servizos de urxencia, aloxamento provisional, operacións de limpeza e protección do patrimonio cultural levadas a cabo polas autoridades nacionais no momento da catástrofe.

AXUDAS TAMÉN PARA PORTUGAL, FRANCIA E GRECIA

Esta decisión enmárcase nunha máis ampla e que beneficiará a outros tres Estados membros —Portugal, Francia e Grecia— que tamén sufriron o impacto de catástrofes naturais entre o verán e o outono do ano pasado.

Portugal será o país con maior apoio, ao recibir 50,6 millóns de euros polos violentos incendios forestais que arrasaron as rexións central e setentrional do país, onde morreron decenas de persoas e víronse desbordados os servizos de extinción de incendios e de salvamento.

Francia, pola súa banda, contará cunha axuda de 49 millóns de euros para cubrir parte do investimento urxente para responder os efectos do paso dos furacáns Irma e María polos seus territorios de San Martín e Guadalupe.

Finalmente, Grecia contará con 1,3 millóns de euros polos danos causados por un terremoto na illa de Lesbos o pasado xuño.

Temas: UE INCENDIOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta