Temas: AP-9 RANDE BNG MULTA

Multas de 100 euros por manifestarse contra a inauguración das obras de Rande

O BNG denuncia que varios dos seus militantes foron denunciados por "circular por unha autoestrada ou autovía" e "intrrompir a circulación" nun acto ao que asistiu Rajoy e Feijóo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/02/2018 | Actualizada ás 17:11

Comparte esta noticia

O BNG denunciou que o Ministerio de Interior está a enviar multas a militantes nacionalistas que participaron na protesta contra a inauguración das obras da Ponte de Rande o pasado 30 de decembro. Ao acto asistiron, entre outros, o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Protesta do BNG en Rande
Protesta do BNG en Rande

En concreto, nun destes expedientes ao que tivo acceso Europa Press, o departamento que dirixe Juan Ignacio Zoido impón unha multa de 100 euros a un manifestante por considerar que é un "peón circulando por unha autoestrada ou autovía". Ademais, sinala que a persona se detivo nunha zona "non habilitada" e dirixiuse "a pé interrompendo a circulación para despregar unha pancarta".

Nun comunicado remitido aos medios, a formación nacionalista asegura que "resulta evidente" que a apertura dos novos accesos de Rande foi "precipitada" co único fin de "beneficiar á concesionaria" e "á conta da seguridade dos traballadores e dos propios usuarios".

Así mesmo, sinalou que, con esta inauguración celebrada antes de finalizar o ano 2017, o Goberno deu "luz verde" a Audasa para subir unhas peaxes que para o BNG supoñen unha "estafa xeneralizada".

"De novo o PP, con Feijóo á cabeza, se coloca ao lado da multinacional en lugar de defender os intereses dos galegos, permitindo que a concesionaria siga facendo caixa e prestando un servizo de terceira, como queda plasmado nos miles de denuncias que acumula", denuncia o Bloque.

O BNG destacou que recorrerá estas multas e considerou un "mundo ao revés" que sexan sancionadas as persoas que denuncian unha "inauguración fraudulenta" e "mesmo ilegal" de obras "inacabadas". "O que debería facer o Goberno central e a Xunta é pedir explicacións á empresa executora das obras e a Audasa e, como mínimo, paralizar calquera incremento das peaxes", asegurou.

Temas: AP-9 RANDE BNG MULTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Galego

Os de sempre protestando, loitando e pagando multas, onde están os indignados? Os revolucionarios e demáis oportunistas , seguro q agardando as elecciones para aparecer e sacar un postiño