"O tema de crear emprego coa mina é un conto"

A plataforma veciñal contraria á mina Touro – O Pino denuncia verteduras incontroladas na balsa da Bama, a mesma que rebordou esta semana, e acusa ademais de falta de intervención ás autoridades aínda sendo coñecedoras destas accións.

Por Moncho Mariño | Santiago | 16/02/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O desbordamento da balsa da mina de Touro expulsou augas contaminadas por verteduras incontroladas de lixo e substancias descoñecidas. Isto é o que denuncian desde a Plataforma Mina Touro-O Pino Non. Falamos cunha das integrantes desta plataforma, Isabel García, quen asegura que as autoridades coñecen o estado de perigo no que están todas as balsas da antiga mina. Nese mesmo lugar é onde a empresa Atalaya Mining, coa súa participada San Rafael Cobre, pretende abrir de novo a explotación de cobre, mesmo ampliando a superficie a explotar.

Manifestación contra a mina Touro-O Pino en Santiago
Manifestación contra a mina Touro-O Pino en Santiago

En que estado se podía ver a balsa de contención que rebordou sobre o río Brandelos?

Non puiden ir ver a balsa, pero tiven coñecemento da denuncia que fixo a asociación Aldea Viva. Realmente esta é a situación que se vive con todas as balsas, sobre todo a de Bama, a que rebordou esta semana. Estes contedores de augas botan por fóra a causa das verteduras que se fan neles. Non sabemos que compoñentes levan eses residuos depositados nas balsas. Aí entran e saen camións todos os días. Soubemos que o vertedoiro de Miramontes está pechado por unha sanción temporal de tipo medioambiental. A nosa sorpresa foi que por esa sanción temporal, as verteduras que ían para Miramontes están vindo para as cortas ou balsas que temos aquí, como a de Bama. As balsas cando enchen, a auga escorre monte abaixo e polos camiños para ir todo ao río Brandelos. A situación xa é coñecida e a veciñanza ve como o río vai uns días branco e outros días negro e todo iso vai parar ao Ulla.

Que efectos están tendo as verteduras?

Están baixando lodos cunhas substancias que descoñecemos. Uns días baixa escuma branca, outras veces é como unha sorte de deterxente e tamén hai días que é algo negro. Nós non temos por que pagar dous mil e pico euros para que fagan analíticas do que baixa polo muro da balsa. Esiximos que a administración faga o seu traballo.

Sabe dalgunha reacción por parte das autoridades ou administracións?

O alcalde de Touro sábeo, porque o recoñece nas mesmas declaracións que fai aos medios, dicindo que aí están a botar de todo. Mesmo dixo en declaracións á radio que a nova mina acabará con esta situación. Pero se a anterior mina foi a que provocou todo isto.

Coñecen a procedencia dos camións que verten nas balsas?

Non, non coñecemos a súa procedencia. Tampouco sabemos que permisos ten a empresa propietaria dos dereitos de explotación. Non sabemos nin o nome da empresa que trae o lixo que iría ao vertedoiro de Miramontes. Esa información quen debera tela é o Concello para dar os permisos para que entren aí, quen ten que dicilo é a compañía e a Xunta que lle dá autorización. O que vexo son camións rotulados co nome dunha empresa de áridos, pero non sei se hai outras empresas operando na zona. Non sei sequera se é unha subcontrata ou se esa mesma empresa sabe cal é o traballo que está facendo. Aqueles que falan de cumprir a lei son quen deberan vir aquí todos os días a facer inspeccións, parar os camións, ver o que meten, onde o meten e como se trata.

"Non estamos mobilizados por ningún partido político. Queremos a mobilización dos partidos e do goberno dunha vez para deter isto".

Medio Ambiente ten falado con vostedes, ou Augas de Galicia?

Non estamos en contacto todos os días. Nós temos as nosas vidas e suponse que son outros quen deben mirar por estes temas. Chamamos a Augas de Galicia, puxemos denuncias ao Seprona, a Calidade Medioambiental para dicirlle que tomen mostras, cousa que si fan pero nunca dan resposta. Isto leva así máis de vinte anos. Os veciños estamos xa fartos tanto desta situación como de ter un alcalde que di saber o estado de contaminación dese lugar e non a para. Onde está a legalidade? Temos que poñernos os veciños diante da porta do vertedoiro e da empresa? Inspeccionamos nós os camións? Non, iso teno que facer a Administración. E agora os conselleiros e conselleiras din das persoas que formamos parte da plataforma veciñal que estamos mobilizadas por partidos políticos e non sabemos o que dicimos. Pois eu quero dicirlles que non estamos mobilizados por ningún partido político. Queremos a mobilización dos partidos e do goberno dunha vez para deter isto.

Está de acordo con Aldea Viva cando afirma que o BNG busca reunir sinaturas contra a mina de Touro por intereses partidistas?

Descoñezo os motivos de Aldea Viva para dicir iso e descoñezo os motivos do BNG para recoller sinaturas. A min o único que me vale como veciña é que quen diga non á mina e o faga de maneira legal, benvido sexa. Insisto que a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non, somos un grupo de veciños que agora chega ata Vilagarcía. Isto é un problema de todos e dentro estamos persoas de todas as correntes políticas.

Están recibindo presións para abandonar a súa posición contraria á mina?

Non, tampouco as consentiriamos. Se iso acontecese, denunciariámolo nos medios no minuto un. Se nos fan iso terán á xente de fronte, porque cada día hai máis persoas uníndose á nosa causa.

"Din que nun ano deixarán a zona recuperada medioambientalmente. A mina anterior pechou hai trinta anos e era a metade deste proxecto. En tres décadas non se deu recuperado ambientalmente".

Que hai do proxecto de reapertura da mina de cobre?

O que está presentando Atalaya Mining, empresa con interese na mina, é unha explotación de pouco máis de 700 hectáreas, nos mesmos terreos da mina anterior e sumándolle máis superficie. Pero na súa web o proxecto é moito máis amplo, anunciando que chegará aos 122 quilómetros cadrados, collendo partes dos concellos de Touro, O Pino e Santiago, chegando detrás do aeroporto. Ademais, cun impacto visual e de ruídos durante dezaseis anos. Isto tamén se recolle no documento da empresa. Estes impactos afectarán tamén ao Camiño de Santiago. Por outra parte, tampouco se poderá facer ningún tipo de actividade agraria ou forestal.

Existe plano de recuperación a longo prazo?

Eles din que nun ano deixarán a zona recuperada medioambientalmente. A mina anterior pechou hai trinta anos e era a metade deste proxecto. En tres décadas non se deu recuperado ambientalmente. Eles falan de recuperar os terreos enchendo os espazos baleiros con restos que poden ser de canteiras. Logo cubirían iso cun manto verde de tipo termosol. Insisto, non se poderá plantar nada por medo á rotura das proteccións xeotéxtiles do manto termosol. Se iso acontecese, abriría a balsa e teriamos outro Aznalcóllar a douscentos metros das vivendas.

Presentáronlles algún plano de intervención no caso de rotura da balsa?

Non. Dixeron que avisarían canto antes á poboación. Iso é o que di o proxecto: “se intentará una vigilancia para que salgan de manera inmediata”.

E desde Atalaya Mining foron falar coa veciñanza?

Non. Organizaron dúas reunións. A empresa levou todo de maneira moi calada cos políticos ata que isto saíu en agosto. Cando a veciñanza o soubo, o período de alegacións estaba aberto pero nós chegamos case na última semana dese período. Nas reunións, que foron parolas, estiveron os alcaldes de Touro e O Pino e da empresa veu o coordinador do proxecto, Celso Penche, e dous xeólogos. Viñeron en nome de Cobre San Rafael, a empresa concesionara, que está participada por Atalaya Mining e Explotaciones Gallegas de Cobre.

Cales son os ánimos dentro da plataforma? Hai conflitos entre os veciños por ideas enfrontadas?

Moito enfado porque dunha banda piden a ruralización para a xente nova, que abran explotacións, e agora lles din: “deixa a granxa que a metade cha vai coller a mina”. E entre os veciños non hai conflito. Hai algún que di: “ao mellor atopo traballo e me parece ben a mina”. Pero outros dicimos que non compensa, pois o tema do emprego é un conto. As mineiras cando queren instalarse nun lugar din o de “imos xerar riqueza”. Só hai que facer números. O consello de goberno da Xunta do día 8 de febreiro sacou unha nota anunciando subvencións para recortar a polución por pó das minas a ceo aberto. A nota da Xunta daba o dato de empresas de minería en toda Galicia, 253, e o número total de empregados nelas, 5000. Sae unha media de 20 traballadores por empresa. Todos os datos que nós ofrecemos desde a plataforma sacámolos do proxecto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 Pedrouzo

Fala a raíña do todo suma. Todo suma mentres vaia na mesma dirección, non sí? Hai alguén que todavía non saiba que o BNG está mobilizando ás súas bases para acudir en masa á famosa tractorada? qué plataformas e colectivos afins estanse organizando e incluso contratando autobuses para facer troula? que vaian 5.000 persoas con camisetas vermellas do rebumbio que montáchedes non significa que a xente de Touro e O Pino vaia a estar presente. Ao final é unha venta de fume a gran escala de cara á galería como outras tantas veces.

1 cazarraposas

Si ho, si, na famosa tractorada van participar os tractores de Riocabo conducidos polos 5.000 camisetas vermellas chegados en buses contratados. Se aínda non te enteraches é que che fallan os informantes. Desconfía cando cheires a fume, igual che arde o pandeiro.

2 Pedrouzo

Moi mal informado andas cazarraposas. Éche o que ten ir dando tiros polos montes, que logo non dades para máis. E por suposo que sí, desde o BNG prentenden trasladar a festa da Quintana ás terras da comarca de Compostela. Dentro da masa, calquera semellanza coa veciñanza da zona vai ser pura coincidencia.