Cal é o mellor xeito de loitar contra a vespa velutina?

As asociacións apícolas buscan xeitos comúns para enfrontarse a esta especie invasora asiática tras a celebración en Arzúa do Día do Apicultor.

Por Galicia Confidencial | Arzúa | 18/02/2018 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O trampeo de raíñas. Ese é o mellor sistema na actualidade para loitar contra a vespa velutina, realizado de xeito xeralizado e coordinado. Foi o que concluíron as asociacións apícolas da Cornixa Cantábrica e Francia durante a celebración do Día do Apicultor, celebrado este sábado en Arzúa. Ademais, apostaron por ampliar a loita contra o tártago asiático  noutros ámbitos distintos do apícola, pois para que sexa eficaz é preciso que se realice en todo o territorio e non só nas proximidades dos apiarios.

Lolo Andrade retirou no municipio coruñés de Coirós un niño de avespa velutina de máis dun metro de alto e de case 20 quilos de peso
Lolo Andrade retirou no municipio coruñés de Coirós un niño de avespa velutina de máis dun metro de alto e de case 20 quilos de peso | Fonte: CONTEXTOPLUS.

Unha das estratexias adoptadas polos apicultores para enfrontarse a esta especie invasora foi a unión. Por iso, e con ese obxectivo, creáronse as Plataformas Stop Velutina na Cornixa Cantábrica, para facer forza ante as administracións e conseguir que cheguen as reivindicacións do sector ós poderes competentes. 

TRAMPAS

Así o transmitiron as Plataformas de Galicia, Asturias e Cantabria na xuntanza de Arzúa, incidindo en que unha das ferramentas que se está demostrando máis eficaz na actualidade é o trampeo de raíñas para evitar a formación de niños. Tamén a Unión Nacional de Apicultura Francesa publicou recentemente un documento, que se expuxo con detalle durante a sesión, no que explica que éste debe ser o principal método a implementar por parte das administracións para controlar a expansión deste insecto.

Por outro lado, para protexer os apiarios ante os ataques da velutina, os apicultores puideron coñecer as últimas novidades sobre o sistema da trampa eléctrica nunha completa exposición de diferentes fabricantes deste aparato. Dende a Asociación Galega de Apicultura, que apostan firmemente por este método, anunciaron que plantexarán á Consellería de Medio Ambiente a posibilidade de subvencionar a adquisición deste material, xa que o consideran moi necesario e teñen constancia por parte da Consellería que pode haber posibilidades dunha liña de axudas neste senso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta