O arcebispo de Santiago condena as "ofensas blasfemas" do Entroido pero non as ameazas de morte ao alcalde

Celebrou na Catedral un "acto de desagravio" ao apóstolo Santiago e á virxe do Pilar. O arcebispo cre que "o laicismo xera cristianofobia".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2018 | Actualizada ás 19:53

Comparte esta noticia

O arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio, lamentou as "ofensas blasfemas" do pregón satírico pronunciado no Entroido da capital de Galicia e, durante un "acto de desagravio" que se celebrou na Catedral, advertiu que "as correntes laicistas xeran cristianofobia", como sinalou que se está demostrando "estes días". Porén, Barrio evitou condenar as ameazas públicas de morte que recibiu o alcalde da cidade, Martiño Noriega.

Acto de desagravio presidido por Julián Barrio
Acto de desagravio presidido por Julián Barrio | Fonte: Europa Press

Así o manifestou nun "acto de desagravio ao Apóstolo e á Virxe do Pilar" que se celebrou ás 17,30 horas nunha Catedral de Santiago abarrotada, na que a maioría dos presentes eran fieis que acudían ao acto e na que, nesta ocasión, os turistas case pasaban desapercibidos. Entre os presentes, tamén estivo o portavoz do PP en Santiago, Agustín Hernández.

O acto de desagravio fora convocado polo Arcebispo e o Cabildo da SAMI Catedral de Santiago, a raíz do pregón satírico do humorista Carlos Santiago no Entroido da cidade, no que fixo referencias tanto ao Apóstolo como á virxe do Pilar.

"Esta tarde tamén desexaría que nos atopásemos para darlle grazas a deus, motivos temos, ou pedir por necesidades que nos afectan, que non son poucas, pero o motivo do noso encontro é o desexo de desagraviar á virxe María baixo a advocación da nosa señora do Pilar, e ao apóstolo Santiago, o noso patrón e patrón de España, polas ofensas blasfemas que se fixeron días atrás no Entroido", manifestou Julián Barrio.

Así, proseguiu que "nin este contexto —o Entroido— nin a liberdade de expresión mal entendida pode xustificar a falta do debido respecto aos demais e carentes de bo gusto".

"Manifestacións como estas feren os nosos sentimentos relixiosos e fannos sufrir", engadiu.

"AS CORRENTES LAICISTAS ESTÁN A XERAR CRISTIANOFOBIA"

"As correntes laicistas están a xerar unha cristianofobia que se manifesta no que estes días estamos a sufrir", opinou, aludindo a continuación ao que "sufriu María xunto á cruz" ou á situación que "experimentou o apóstolo Santiago", ao "que Herodes mandou degolar".

"A fe é un tesouro que levamos en vasillas de barro para que se vexa que unha forza tan extraordinaria é de deus e non procede de nós", proseguiu, asegurando que "a percepción equivocada de vivir nun mundo que parece ser do todo obra humana dificulta descubrir a presenza de deus".

Pero ante esta situación, "Xesús desde a cruz, dirá, pai, perdóaos porque non saben o que fan, ou tal vez si, pero equivocados".

Julián Barrio subliñou que "cando o home se esquece, rexeita ou pospón a deus creba o sentido máis profundo das súas aspiracións e creba a raíz da vida humana".

Finalmente, fixo un chamamento a "recuperar a centralidade relixiosa na vida que é a que fai progresar ao home; marxinar a deus non libera ao home", e asegurou que se pode "vencer o medo coa fe".

Con todo, no seu discurso, o arcebispo non mencionou nin condenou as gravísimas ameazas, algunhas de morte, que veñen recibindo o alcalde de Santiago e a súa familia, así como o humorista Carlos Santiago. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Fernando G

Dándolle a volta á tortilla para facer a pelota ao voso indefendible amigo o alcalde. Agora xa podedes ir pedir unha subvención a Martiño para que pague os servizos prestados.

2 galegoexiliado

Una vez mas la horda marxista rompiendo España y atacando los valores mas sagrados de Europa, y luego se quejan de que pasa lo que pasa y se llenan las cunetas. Curioso que esos que se sofocaron e alporizaron no Carnaval non se sintan ofendidos cando a curia e os seus devotos ofenden dia a dia a intelixencia, a ciencia e o sentido comun coa imposición das suas supersticions. Curioso que celebren o desagravio ó altísimo ó mesmo tempo que diante da catedral celebran a derrota dos franceses e a victoria da España clerical contrta a modernidade que nos viña da Francia e Europa. O que eu digo, como agnóstico e librepensador ¿quén me desagravia a min? Viva Torquemada e integrismo medieval.

1 Nini

Supostas amenazas de morte, que un comunista nunca di a verdade. Que denuncie, e se non o fai, ou é que non se produciron en realidade, ou incluso puideron ser falsas bandeiras.

1 comunista independentista

Ou 'supostas ofensas blasfemas'. Que El Correo Gallego si que nunca di a verdade ;)