O comité de folga de xustiza estuda a nova proposta que expón a Xunta, que mantén a última oferta económica

Posturas moi afastadas na novena xornada efectiva de folga que, cun 90% de seguimento, mantén paralizados os xulgados

Santiago de Compostela | 19/02/2018 | Actualizada ás 12:24 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Representantes da Xunta e membros do comité de folga dos funcionarios de xustiza que manteñen unha folga indefinida desde o pasado mércores 7 de febreiro volvéronse a sentar este luns para tentar alcanzar un acordo que desbloquee un conflito que paralizou os xulgados, aínda que as posturas seguen moi afastadas.

Reunión pola folga na Xustiza en Galicia.
Reunión pola folga na Xustiza en Galicia. | Fonte: Europa Press

Aínda que ambas as partes recoñeceron antes do encontro que hai vontade "de negociar" e de tentar chegar a un acordo, as caras previas á reunión desvelaban a tensión ante a cita.

E é que os membros do comité de folga (onde están representados o sete sindicatos do sector) afean a actitude da Xunta, ao entender que, con declaracións como as realizadas na pasada semana polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, búscase pór na súa contra á opinión pública.

"Nunca chegaron a ver isto como o tiñan que ver, as nosas reivindicacións son xustas", defendeu Julio Bouza (SPJ-USO), en declaracións aos medios antes da nosa reunión. Ao tempo, esgrimiu que, se non hai movemento na oferta económica --o Executivo autonómico afirmou que a subida do complemento autonómico de entre 816 e 1.080 euros ao ano era a última proposta--, "non hai posibilidade" de acordo.

"Imos resistir ata que dean un paso adiante e queiran negociar", advertiu, antes de incidir en que os traballadores están dispostos a aguantar. Outros representantes sindicais lamentaron que a Xunta "xogue á técnica do desgaste" e busque "mover á cidadanía" contra os funcionarios xudiciais.

Engadiron que "as reivindicacións son cinco", non só a económica --tamén estarían sobre a mesa os descontos en baixas por incapacidades temporais (IT), amortizacións, consolidación d emprego e cobertura de compañeiros de rango superior-- e que é preciso que haxa "avances" en todos e cada un deles para que haxa un acordo.

RECESO

Pouco despois de arranque da reunión, a delegación da Xunta que encabezan os directores xerais de Xustiza, Juan José Martín, e Función Pública, José María Barreiro, abandonaron a sala da reunión nun receso para que o comité de folga analice a proposta que deixaron sobre a mesa neste novo encontro e que, segundo fontes do Executivo autonómico, incorpora "melloras".

Aínda que Martín confía en que poida haber un acordo, a oferta económica permanece invariable, tal e como avanzaran Rueda e Feijóo. Haberá que ver cal é a postura dos sindicatos despois deste encontro que se celebra na novena xornada efectiva de folga indefinida, que paralizou de novo os xulgados e rexistros civís da comunidade.

SEGUIMENTO DO 90%

E é que, segundo os sindicatos, o seguimento nos xulgados galegos é, de media, "superior ao 90 por cento", e os traballadores están dispostos "a resistir o que faga falta".

En concreto, en Santiago o seguimento sitúase nun 88 por cento; en Pontevedra, nun 92%; en Vigo, nun 93%; en Ourense, nun 89%; e en Lugo, nun 85%.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta