A Xunta cre que a eventual venda de Meirás é un "globo sonda" dos Franco e pide que "ninguén caia na trampa"

O conselleiro de Cultura confirma que o Goberno segue sen recibir comunicación dunha posible venda do BIC, que é obrigada.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2018 | Actualizada ás 14:11

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, considera que as informacións sobre unha "hipotética venda" do Pazo de Meirás de Sada (A Coruña) trátase dun "globo sonda" dos herdeiros de Franco, propietarios deste inmoble distinguido como Ben de Interese Cultural (BIC) en 2011. Neste sentido, pediu que "ningunha institución caia na trampa" de pagar para adquirir o ben.

Pazo de Meirás
Pazo de Meirás | Fonte: Europa Press

E o certo é que, segundo vaticinou Rodríguez este luns, a información publicada por 'OKDiario' o pasado xoves e da que se fixeron eco outros medios sobre a posible intención dos herdeiros do ditador de vender o pazo por oito millóns pode ser unha "estratexia orientada a que Galicia transfira recursos pola compra deste ben".

A preguntas dos medios en rolda de prensa, o conselleiro lembrou, no entanto, que existe un acordo parlamentario no que se pide buscar a maneira de levar a mans públicas o pazo, pero coa especificidade de que a Xunta "non transfira recursos económicos" á familia do ditador.

Na súa intervención, Rodríguez ratificou que o Goberno galego non recibiu ningunha comunicación "nin oficial nin oficiosa" por parte do Franco e lembrou aos herdeiros que, ante un "hipotético caso" de que se queiran vender as Torres de Meirás, a administración autonómica ten que estar informada de antemán porque tería preferencia na súa compra por tratarse dun BIC --aínda que esta vía está descartada--.

UNHA "TRAMPA"

Dito o cal, o conselleiro insistiu en que se podería tratar dunha "trampa" na que pediu que "non caia ningunha institución" e apelou á comisión que estuda as vías xurídicas para reverter en mans públicas o pazo, que está composta por "reputados" xuristas e historiadores, por ser unha cuestión "de enorme complexidade xurídica".

"Creo que xa é coñecido que a súa venda hipotética é difícil", asegurou, xa que, segundo as súas palabras, hai "dificultades" que "complicarían" que a familia Franco puidese sacar a venda o Pazo de Meirás. Por último, Rodríguez insistiu na vontade da Xunta de recuperar a titularidade pública do inmoble. "Galicia quere que o Pazo de Meirás volva pertencer ao patrimonio público", concluíu.

INMOBLE ADQUIRIDO EN 1938

Respecto diso da hipotética venda do pazo, o presidente da comisión de expertos que analiza a incorporación ao patrimonio público do Pazo de Meirás, Xosé Manuel Núñez Seixas, lembrou en días pasados que os compradores terían as mesmas "cargas" legais que as que teñen os seus herdeiros actualmente, incluíndo se se declara nula a forma en que se adquiriu o inmoble por parte da familia Franco.

As Torres de Meirás (como se coñece o inmoble e ao que despois se lle engadiron outras leiras expropiadas polas que algunhas se documentou que nunca se pagaron) nunca foi de titularidade pública. O edificio pasou da familia Pardo Bazán a Francisco Franco como particular, despois de que unha comisión --da que formaban parte sublevados do réxime-- solicitase o diñeiro.

Precisamente, os detalles da transmisión patrimonial son os que estudan os expertos da comisión, que parte da premisa de que o pobo galego xa "pagou" en 1938 por este Pazo declarado BIC en 2011.

Pola súa banda, o Concello de Sada pide ao Goberno galego que se estableza unha folla de ruta que fixe o "cando" e o "como" se incorporará o Pazo de Meirás ao patrimonio público e urxe precisar "o máis axiña posible" a estratexia xurídica para logralo, tanto por parte da comisión de expertos na que participa a Xunta como a creada no seo da Deputación da Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta