SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2018 | Actualizada ás 14:42 por EUROPA PRESS
O portavoz dos populares no Parlamento de Galicia, Pedro Puy, asegurou que "todo o mundo que entende un pouco" de financiamento autonómico "eloxia" que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "estea tecendo alianzas", "máis aló das propias formacións políticas", con outras comunidades autónomas que teñen problemas similares a Galicia que "non deben ser excluídos" do novo sistema.
Pedro Puy respondeu deste xeito ás críticas realizadas pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que este luns censurou que Feijóo vaia do brazo con "rexións" como Castilla e León ou Asturias e instouno a subirse ao "tren das nacións".
Respecto diso, tras sinalar que o que propón o BNG nesta materia faría perder a Galicia "1,000 millóns de euros ao ano", o portavoz popular defendeu que a Xunta "está actuando con responsabilidade, visión de Estado e defendendo os intereses" dos galegos.
"Está sendo bastante eficiente e tecendo esas alianzas intrapartidarias e con comunidades autónomas que teñen obxectivos comúns", manifestou para poñer en valor tamén que o Goberno galego rexeita a posibilidade de "perdoar o principal" da débeda a aquelas rexións que non cumpriron os obxectivos de déficit.
En concreto, o presidente da Xunta viaxou este luns a León para participar nun cumio xunto aos titulares dos gobernos de Castilla e León, Juan Vicente Herrera; Asturias, Javier Fernández; e Aragón, Francisco Javier Lambán, para abortar asuntos de interese común como o novo modelo de financiamento autonómico.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.