"Parar" Galicia o 8 de marzo pola igualdade entre mulleres e homes

Chámase a unha folga feminista tanto laboral, como de consumo e de coidados. Con todo, non hai unión entre sindicatos na convocatoria. Todos os partidos con representación no Parlamento galego apoian o paro, agás o PP. As galegas perciben uns 5.000 euros menos que os homes polo mesmo traballo, e tres de cada catro empregos parciais son femininos

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2018 | Actualizada ás 15:06

Comparte esta noticia

Diversos colectivos feministas, sindicatos e partidos políticos fan un chamamento a "parar" Galicia o 8 de marzo pola igualdade entre mulleres e homes, así como para denunciar a brecha salarial, a precariedade e a violencia machista. Por parte de colectivos galegos chámase a unha folga feminista tanto laboral, como de consumo e de coidados, do mesmo xeito que en todo o Estado e en 177 países, para visibilizar o peso de todas as mulleres en todas as áreas.

Folga feminista do 8 de marzo en Galicia
Folga feminista do 8 de marzo en Galicia | Fonte: Europa Press

Así, a Plataforma Feminista Galega empraza aos homes a apoiar este 8 de marzo nun "segundo plano", coa realización de tarefas do fogar, coidados e traballos que desenvolven habitualmente as mulleres para facilitar que elas acudan á folga e quede patente a importancia delas.

O manifesto de colectivos feministas galegos para o 8 de marzo deixa claro que "basta" de: discriminación salarial e de acoso sexual no traballo, agresións e humillacións --reclama un pacto de Estado dotado de medios--, desigualdade nas pensións e de "opresión" por orientacións sexuais.

Ademais da folga haberá diversas mobilizacións o 8 de marzo nas sete cidades con manifestacións que arrincarán pola tarde.

CONVOCATORIAS SINDICAIS

Entre os sindicatos, a xornada de folga feminista convocarase de forma separada. Así, mentres UXT, CC.OO. e CIG realizarán paros parciais, a CUT --co Sindicato Labrego, Sindicato Ferrovial Intersindical e o Sindicato de Elevación-- levará a cabo unha folga de 24 horas.

Manifestación en Vigo contra a violencia machista
Manifestación en Vigo contra a violencia machista | Fonte: Miguel Núñez.

UXT e Comisións Obreiras presentaron este luns en rolda de prensa as súas convocatorias conxuntas de paros de dúas horas para o 8 de marzo a desenvolver en función das quendas dos traballadores --de 12,00 a 2,00; de 12,00 a 14,00 e de 19,30 a 21,30--.

Respecto diso, Mamen Sabio (CC.OO.) resumiu que "chegou o momento" de "dar un paso adiante" contra problemáticas como a precariedade ou a violencia machista. "Estamos fartas destas situacións e condicións", avisa Mónica Rodríguez (UXT). Ambas reclamaron medidas ao Goberno como unha lei de igualdade salarial.

"Sobran as razóns e os motivos", manifestou este luns Marga Corral, secretaria de Mulleres de CIG. Explica que avogan por paros parciais para "facilitar" ás mulleres que poidan secundar a convocatoria sen que vexan minguados os seus salarios.

DATOS

Algúns dos datos expostos hoxe por UXT e CC.OO. na súa rolda de prensa en Santiago serven para exemplificar a desigualdade entre homes e mulleres. En Galicia, actualmente hai 48.900 mulleres menos que homes incorporadas ao mercado laboral.

Elas deixan de percibir polo mesmo traballo ao ano unha media de 5.000 euros. Tres de cada catro contratos parciais son desempeñados por mulleres (o 77,3%).

A taxa de desemprego é 1,4 puntos maior entre mulleres que entre homes en Galicia, mentres que hai 107.000 mulleres desempregadas. Nove de cada dez permisos e excedencias por coidados son asumidos por mulleres.

EN MAREA RECLAMA POLÍTICAS "TRANSVERSAIS"

En Marea tamén mostrou o seu apoio á folga do 8 de marzo, que apoiarán "na rúa", con paros das súas traballadoras e coa súa presenza nas mobilizacións, e nas cámaras onde teñen representación, nas que presentarán iniciativas para estender "a perspectiva feminista a todos os ámbitos".

Diso deron conta este luns Paula Quinteiro e Ángela Rodríguez, deputadas de En Marea no Parlamento galego e no Congreso dos Deputados, respectivamente; que chamaron a que as políticas feministas "transversais" se manteñan "todo o ano" e en "todas as áreas".

Así, o grupo do partido instrumental na Cámara galega presentará iniciativas orientadas a reducir a fenda salarial entre xéneros --que se sitúa en torno ao 28 por cento en Galicia-- e a apoiar ás mulleres que residen no rural, que se ven obrigadas a "traballar dentro e fóra" das súas casas.

Neste sentido, Quinteiro criticou que non se desenvolveu a lei para a Titularidade Compartida das Explotacións Agrarias en Galicia, un problema que afecta á maior parte das mulleres rurais galegas e que, a pesar de contar unha normativa aprobada en 2012, desde entón, "só 17" mulleres se adheriron ao rexistro.

Pola súa banda, Ángela Rodríguez, logo de criticar a postura de PP, Ciudadanos e PSOE coa folga do 8 de marzo, avanzou que o grupo confederal de Unidos Podemos --no que se integran os cinco deputados de En Marea-- tamén presentará unha serie de iniciativas orientadas a "facer un país no que ninguén quede atrás".

PSDEG ESIXE A FEIJÓO MEDIDAS

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, quen confirmou que o seu partido secundará a folga do 8 de marzo, instou á Xunta a sumarse a ese paro e a "recoñecer" os problemas que afectan as galegas.

Así, subliñou a situación de "fenda salarial" ou o "problema grave" das pensións galegas, por baixo da media estatal e que se agrava en "pola cuestión de xénero". Así mesmo, fixo referencia ao desemprego feminino e, en xeral, a un "problema de atención ás mulleres do país".

A ese respecto, Caballero recalcou o "compromiso" do seu partido en favor da "igualdade de oportunidades", un compromiso que cualificou como "prioritario", e sinalou que "parar un par de horas a xornada laboral o 8 de marzo servirá para ser conscientes de que as mulleres galegas son fundamentais para que Galicia funcione".

Por iso, reclamou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "rectifique" e que o Goberno galego se una ao paro, como xesto "simbólico" de que é "capaz de recoñecer ese problema e marcar esa prioridade na súa axenda política".

BNG DENUNCIA UNHA SITUACIÓN "ANTIDEMOCRÁTICA"

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, incidiu en que as mulleres están "a sufrir unha situación de discriminación inxusta e antidemocrática". "Sen mulleres, nin o mundo nin Galicia poden vivir", advertiu a dirixente nacionalista, quen asegurou que "lonxe de avanzar, coa crise fóronse perdendo dereitos e oportunidades".

Pontón avanzou, ademais, que o BNG presentará en próximas datas iniciativas concretas para mellorar a situación das mulleres, como son unha lei de igualdade salarial --que poña medidas correctivas cando se detecte unha fenda salarial do 20% nunha empresa entre homes e mulleres-- e a creación dunha defensoría da muller, para "evitar discriminacións directas".

No pleno que empeza este martes, o Bloque xa defenderá que o Parlamento apoie a folga de mulleres, tal e como ratificou Ana Pontón.

REXEITAMENTO DO PPDEG Á FOLGA

Preguntado este luns pola folga feminista, o portavoz do PPdeG na Cámara galega, Pedro Puy, explicou que a súa formación non apoia este paro ao considerar que hai outras formas de traballar "pola igualdade real entre homes e mulleres" no "día a día". Ademais, tamén recoñeceu discrepar con "aspectos de fondo" desta convocatoria como o argumento de que "o sistema capitalista" é o "causante" destas desigualdades.

Con todo, asegurou que os populares galegos si consideran "hai que traballar para conseguir unha igualdade real" xa que "a pesar dos avances conseguidos nos anos de democracia", aínda se está "lonxe" de conseguir o "obxectivo da igualdade real".

"Hai que traballar moito, a nosa liña de actuación é continuar avanzando, conseguindo obxectivos realistas", manifestou para asegurar que a igualdade real "require de actuacións de toda a sociedade" e "non só das administracións" que, na súa opinión, si deben ser as que "abanderen esa loita".

Manifestación en Vigo contra a violencia machista
Manifestación en Vigo contra a violencia machista | Fonte: Miguel Núñez.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

6 anonimo

E radicalmente falso que as mulleres cobren menos polo mesmo traballo: a discriminación salarial está estrictamente prohibida. Eso é falso. Nengunha empresa pode facer eso. E o que as feministas, nunca, xamais, na vida din nen dirán é que os traballos públicos ( ou sexa os millores) están masivamente en mans das mulleres: a inmensa maioría dos funcionarios ( Médicos, Mestres, persoal administrativo) son mulleres: pero si dicimos eso, claro, non podemos vender a moto do victimismo

5 Natasha Rostova delasRestrevas

Por certo, sorte teñen os do PP en ter diante a esta esquerda... Non sei, Pedro, coma non o facedes mellor, ho. Ben sei que non será pola túa culpa...E ben sei que nós somos doutro tempo no que esforzarse e ter cultura, que non kultura, significaba algo.

4 Natasha Rostova delasRestrevas

Pero non o fagades esquecendo que unha forza de esquerdas que cae en loitas seitoriais acaba por non ser nada e só abre camiño á dereita. Que errados estades! E que pouco sabedes ler os tempos. Pensades que isto é unha gala dos Oscar ou dos Goya? Idello dicir ás e os que se levantan mañá para ir a un emprego temporal a aturar quizais insultos machistas. Aí é onde tiñades que estar as e os do bloque. Non en chachiguaylandia. E, si, coma vedes eu son libre e non son de ninguén. A moita honra. Alá a latricar todos un pouquiño na miña contra porque ouso cuestionar as vosas verdades. https://www.youtube.com/watch?v=pRY... Ese é o meu credo. Tan libre que non son nin miña.

3 Natasha Rostova delasRestrevas

Ana Pontón, a miña loita coma muller é a miña loita coma ser humano. Non me pidas que diferencia unha loita doutra porque non é xusto nin propio dunha persoa de esquerdas. Pensei que ti representabas o cambio, pero vai ser que no bloque o cambio tamén pasa polo REcambio. A miña terra esvaese coma Castroforte de Baralla, a nosa pirámide de poboación é o claro exemplo do noso non futuro e poñédesvos ao mesmo nivel que o chachiguaismo. Dime Ana: cantas mulleres precarizadas pensas que van ir á vosa folga? Dime Ana, non vos decatades de que este é o camiño á nada. Falade alto do paro, da precarización, da necesaria igualdade, de plans para erradicar o machismo...

2 Natasha Rostova delasRestrevas

Son muller, de esquerdas (que non ninista) e feminista. Frecuentemente teño que aturar insultos machistas nesta web. Eu non irei a esta folga. Non creo en folgas seitoriais. E máis, creo que só debilitan á esquerda. Comigo non contedes nin para isto, nin para nada. Eu baixo do carro. E creo que unha vez máis Pedro Puy estivo atinado. E que conste, Pedro que non te votarei. Pero ho, ti e Leiceaga debedes ser do mellor que hai nesta politiquiña nosa. Por que non vos presentades para alcades de Compostela un dos dous? Por favor, a este paso ata pode ser que Xelmírez se erga da súa tumba vendo o que fan coa súa cidade, co seu soño, cun dos poucos motores económicos desta terra galaica que non anda sobrada deles. Cómpre recuperar Compostela para o sentidiño xa!