Temas: VALDEORRAS

Valdeorras aposta polas certificacións para reforzar a marca e abrir novos mercados

A Entidade Nacional de Certificación (ENAC) visitou Valdeorras para realizar unha auditoría. Emitido o informe de resultados saberase se o Consello Regulador obtén a acreditación segundo a norma UNE-EN ISO/IEC 17065

Por X.M. Fernández | Vilamartín de Valdeorras | 20/02/2018 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Un equipo de traballo da Entidade Nacional de Certificación (ENAC) levou a cabo estes días unha auditoría en Valdeorras cuxos resultados se coñecerán nos vindeiros meses. Cun informe positivo, o Consello Regulador da D.O. Valdeorras sumaríase ao grupo de entidades acreditadas segundo a norma UNE-EN ISO/IEC 17065, “o que nos posibilitará certificar os nosos viños, reforzar a marca Valdeorras e abrir novos mercados para os nosos brancos e tintos”, sinala o presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando.

Viña de godello. Fonte: CRDO Valdeorras
Viña de godello. Fonte: CRDO Valdeorras

Segundo engade García Pando, o equipo de ENAC detectou unha notable mellora en relación á primeira auditoría do organismo na comarca, efectuada en 2014. “O equipo auditor trasladounos unha impresión positiva, de mellora e de que estamos a transitar pola senda correcta para a obtención da acreditación ENAC”, abondou.

A acreditación é unha esixencia da OCM comunitaria para todos os órganos de control de calidade dos consellos reguladores. Por iso, as dúas auditoras de ENAC cotexaron entre o mércores e hoxe mesmo o cumprimento de diversos parámetros necesarios para a obtención da certificación, entre eles as cantidades de uva e viño producidos ou o desenvolvemento de determinados procedementos de control da actividade vitivinícola na comarca.

Sobre ENAC

ENAC é una organización declarada de utilidade pública, independente e sen ánimo de lucro, auspiciada e tutelada pola Administración, que desenvolve a súa misión cunha clara vocación de servizo público, garantindo que todas as súas actuacións se basean en principios de imparcialidade, independencia e transparencia.

A súa misión é avalar a competencia técnica dos organismos de avaliación da conformidade -laboratorios, entidades de inspección, de certificación, verificadores- para xerar así confianza das súas actividades á Administración, ao mercado e a sociedade en xeral.

Temas: VALDEORRAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta