Bombean un pozo na casa rexistrada pola desaparición de Sonia Iglesias, mentres seguen as catas co xeorradar

O dispositivo montado pola Policía Nacional nunha propiedade próxima ao cemiterio de San Mauro, en Pontevedra, en relación á desaparición de Sonia Iglesias prosegue os seus traballos con labores de bombeo nun pozo artesanal de auga, mentres se seguen facendo catas con xeorradar na leira.

PONTEVEDRA | 20/02/2018 | Actualizada ás 13:47 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O dispositivo montado pola Policía Nacional nunha propiedade próxima ao cemiterio de San Mauro, en Pontevedra, en relación á desaparición de Sonia Iglesias prosegue os seus traballos con labores de bombeo nun pozo artesanal de auga, mentres se seguen facendo catas con xeorradar na leira.

Dentro deste despregamento, que se iniciou sobre as 9,30 horas deste martes, ademais de cavar na leira, peitear o terreo co xeorradar e bombear o pozo, axentes da Policía Científica retiráronse con varias bolsas. Á vivenda, que se atopa xunto á capela de San Mauro e que conta cunha leira duns 800 metros cadrados, desprazáronse tamén efectivos de bombeiros.

Segundo informaron fontes da Policía Nacional, este domicilio, situado no número 2 da rúa Camposanto, xa fora rexistrado con anterioridade durante a investigación aberta pola desaparición de Sonia Iglesias, porque é propiedade da familia da súa exparella e pai do fillo que tiñan en común, Julio Araújo.

Durante aqueles rexistros atopárase unha arma antiga, pero analizouse e descartouse. Na casa, que levaba anos pechada, chegou a vivir Sonia Iglesias ao comezo da súa relación con Julio Araújo e os veciños aseguran que nestes momentos a exparella da desaparecida e os seus irmáns teñen a casa en venda.

AMPLO DISPOSITIVO

O dispositivo policial na zona é amplo, o recinto está acordoado e hai varios coches ante a casa e na parte de atrás. Pola súa banda, a Subdelegación do Goberno de Pontevedra limitouse a confirmar que se están facendo investigacións no marco do caso Sonia Iglesias, "tal e como viña facendo até agora".

A causa sobre a desaparición de Sonia Iglesias o 18 de agosto de 2010 fora arquivada provisionalmente no ano 2015, ao considerarse que non existían indicios sólidos para continuar co procedemento. A última persoa que a viu con vida foi precisamente Julio Aráujo, quen para os familiares da desaparecida sempre estivo no punto de mira e chegou a estar imputado.

O comisario da Xefatura Provincial, Manuel Bouzas, achegouse ao longo da mañá deste martes até a propiedade que está a ser rexistrada. Ademais, atópanse no lugar unidades da Policía Local.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta