Unha inmobiliaria cántabra anuncia a venda do Pazo de Meirás por 8 millóns de euros

A aparición deste anuncio provocou que a Deputación da Coruña esixa á Xunta que inicie "de xeito inmediato" un expediente sancionador á familia do ditador Francisco Franco.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O Pazo de Meirás figura á venda por un prezo de 8 millóns de euros na web da inmobiliaria cántabra Mikeli, especializada nun catálogo de propiedades de luxo, como pazos e illas privadas. A aparición deste anuncio provocou que a Deputación da Coruña esixa á Xunta que inicie "de xeito inmediato" un expediente sancionador á familia do ditador Francisco Franco.

Web da inmobiliaria na que está á venda o Pazo de Meirás
Web da inmobiliaria na que está á venda o Pazo de Meirás | Fonte: Europa Press

Na web de Mikeli figura que vende "en exclusiva" o Pazo de Meirás, propiedade que presenta baixo a designación de "inmoble singular en venda en Sada" e entre as fotos coas que se ilustra a propiedade figuran tamén a capela e os xardíns. Tamén poden contemplarse senllos vídeos, un que presenta o estado actual da propiedade, subtitulado en inglés, e outro no que se poden ver imaxes do ditador.

"A inclusión do Pazo de Meirás no catálogo de Mikeli Luxury Real supón un gran fito profesional para a empresa, pois se trata dun lugar emblemático e moi coñecido non só en España senón tamén fóra do noso país", afirma a inmobiliaria.

O anuncio transcende unha semana despois de que se filtrase a intención dos Franco de vender a residencia de veraneo do ditador, transcorridos menos de dous meses da morte de Carmen Franco Polo, a única filla do fascista.

RECLAMACIÓN Á XUNTA

Ante esta actuación dos Franco, a vicepresidenta da Deputación Provincial da Coruña, Goretti Sanmartín, urxiu a apertura dun expediente sancionador porque entende que a familia Franco debería ter avisado á Xunta dous meses antes de que pretendía vender a propiedade, "para decidir se exercía ese dereito de tenteo ou non".

"Incumpriron ese prazo que se marca a lei. Entendemos que a Xunta ten que ter tolerancia absolutamente cero co intento de vender o pazo e exercer as accións pertinentes", afirmou Goretti Sanmartín, quen aposta por "tentar paralizar esta venda".

A representante nacionalista insistiu en que hai "moito nerviosismo e interese da familia Franco para tentar desfacerse dun ben do que se apropiaron de maneira ilícita" e que está protexido coa figura de Ben de Interese Cultural.

Na súa opinión, se a Xunta non abre "de maneira rápida" o expediente sancionador, "o que estará a haber é unha conivencia co franquismo", porque cre que "se facilita que se poida producir esa venda".

Ao tratarse dun Ben de Interese Cultural (BIC), declarado no ano 2009, a Xunta ten dereito de tenteo, é dicir preferencia para adquirir a propiedade ao mesmo prezo que se acordou cun vendedor privado. Con todo, o Goberno galego, e por mandato do propio Parlamento de Galicia, xa anunciou que non exercerá dereito compra sobre o pazo.

Goretti Sanmartín subliñou tamén que o próximo 1 de marzo a Deputación da Coruña fará públicos o informe histórico e o xurídico que abre "vías legais para que o pazo pase a ser un ben público".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Anti...

O que merca cousas roubadas está tipificado no código penal coma receptador.

1 p0tr

O dos dous meses é un invento. Tampouco teñen que comunicar que o puxeron á venda. Unha vez que atopen comprador, nese momento teñen que comunicalo indicando a súa identidade e prezo de venda. No art. 49 non se di nada de dous meses. A Xunta ten tres meses para comunicar se paga o prezo de venda https://www.boe.es/buscar/pdf/2016/...