Pingueiras e outras deficiencias no Hospital Provincial de Pontevedra

Prosagal denuncia os danos no centro hospitalario. Vídeo no interior.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 23/02/2018 | Actualizada ás 17:52

Comparte esta noticia

O persoal do Hospital Provincial de Pontevedra volve denunciar a situación deficitaria das instalacións e dos arranxos que se fixeron nas mesmas. En novembro pasado denunciaron pingueiras nos vestiarios femininos que, despois de facer denuncia pública desta avaría, se solucionaron provisionalmente, pero volveron aparecer, como se pode comprobar nun vídeo gravado por persoal do centro.

Ascensor avariado no Hospital Provincial de Pontevedra.
Ascensor avariado no Hospital Provincial de Pontevedra.

As traballadoras denuncian que debido a estas pingueiras non poden acceder ao vestiario polo que decidiron gravalo e facelo público para que se arranxe dunha vez un problema que cualifican de “obras de arte do Hospital Provincial “, xa que "tras catro semanas estragado, arranxárono e volveuse estragar".

O persoal denuncia que a xerencia está a solucionar esta e outras deficiencias "poñendo notas" manuscritas nas que se avisa dos fallos, "dificultando as tarefas do persoal e tendo que repercutir esta avaría na calidade asistencial, nestes días de gran saturación para o persoal debido á sobrecarga de traballo producido pola gran afluencia ás urxencias".

Así, por exemplo, hai un ascensor que leva tres días sen funcionar. Trátase dun elevador situado fronte a entrada principal do Hospital Provincial e que é utilizado para o traslado de pacientes en cama.

Por todo isto, o sindicato Prosagal pregúntase "a que tipo de empresas privadas se lles encarga o arranxo destas avarías" e solicita que se arranxe canto antes esta situación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta