O Xacobeo 21 arrinca con polémica e denuncias de contratos "a dedo" de 3 millóns de euros

Turismo de Galicia adxudica o festival 'O Son do Camiño' a unha UTE Old Navy Port Producións S.L. e Esmerarte Industrias Creativas S.L. Unha das empresas rexistrou o nome do festival tras unha reunión con Feijóo en abril. O PSdeG xa presentou iniciativas na Cámara

Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/02/2018 | Actualizada ás 20:12

Comparte esta noticia

"O son do Camiño llevará a artistas internacionales por toda Galicia", así titulaban varios medios galegos o pasado 12 de xaneiro sobre o que se considera xa "a antesala do Xacobeo 2021". "Serán tres anos nos que Galicia contará con destacados artistas internacionais" dicía a directora de Turismo, Nava Castro, ao aludir a este programa de concertos que sufragará como parte das actividades de promoción do Camino de Santiago. Un contrato que chega rodeado de polémica.

Serán tres millóns de euros que recibirá unha UTE formada polas empresas Old Navy Port Producións S.L. e Esmerarte Industrias Creativas S.L. que ninguén sabe como se fixo con ese contrato. Na Plataforma de contratos públicos é imposible atopar os pregos de cláusulas administrativas nin de prescricións técnicas, e na resolución da adxudicación non existe ningunha concreción do que a administración está mercando por 3 millóns de euros”.

O proceso comezou en abril cando o presidente da Xunta se entrevistou cun dos propietarios para abordar a creación dun novo festival. En xuño, segundo o PSdeG, Old Navy Port solicitou a marca 'O Son do Camiño' no rexistro de patentes e marcas, concedida de acordo coa súa información o 28 de novembro.

DENUNCIA DO PSdeG

Por iso, a deputada do PSdeG Concepción Burgo presentou iniciativas no Parlamento para esixir á Xunta explicacións pola concesión "a dedo" deste contrato. A socialista acusa o Goberno galego de presentar un "basto subterfuxio para vestir de legalidade o que son prácticas escuras" para, di, "garantir a exclusividade das empresas".

"A Xunta preocupouse de garantir o monopolio e exclusividade a unha UTE para garantirlles o contrato sen concurso público nin aberto, por motivos que deben explicar urxentemente", denuncia. Ao seu xuízo, estas "prácticas escuras só atenden á vontade política do PP" e advirte de que "provocan serias e preocupantes dúbidas sobre a xestión cultural do próximo Xacobeo".

"Non dubidamos da profesionalidade das empresas adxudicatarias nin do interese do cartel que poidan presentar", engade, pero, segundo alerta, trátase dun "procedemento absolutamente inaceptable". Os beneficios, segundo incide, "van chegar a moi poucas empresas" e repartiranse "de forma moi inadecuada", no que entende que "pode ser unha xestión moi prexudicial para un sector formado por pequenas empresas sensibles a cambios na estrutura do mercado".

EMPRESAS MUSICAIS

Pola súa banda, a Asociación Galega de Empresas Musicais emitiu tamén un comunicado no que anuncia que se reunirá a semana que vén "para estudar as accións que correspondan en defensa dos intereses do sector". Isto, ante "as fundadas sospeitas de que o contrato foi preparado con accións que permitisen darlle unha aparencia de legalidade", subliña.

Asegura este colectivo que enviou con data de 9 de febreiro unha carta á Consellería de Presidencia "solicitando a paralización dun proceso que entendía que non cumpría cos requisitos mínimos de concorrencia e igualdade de oportunidades".

Feijóo con Nava Castro na promoción dun evento turístico
Feijóo con Nava Castro na promoción dun evento turístico | Fonte: Xunta.gal

Feijóo na presentación dun acto do Xacobeo
Feijóo na presentación dun acto do Xacobeo | Fonte: xunta.gal
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Tuzaro

O ex-alcalde de Ourense " paquiño" por moito menos condensrono por prevaricación administrativa a inahilitacion e o fiscal pifia cárcere. Onde están istes agora cando son pepeiros.