Integración das mulleres inmigrantes: un reto pendente en Galicia

As investigadoras Laura Rodríguez Salgado e Iria Vázquez Silva explican os problemas que enfrontan as inmigrantes en Galicia, que deben superar os estereotipos, a discriminación, a desigualdade e o machismo no seu proceso de integración. Un novo traballo destas autoras sobre as actitudes e necesidades culturais destas mulleres afonda na súa percepción dos atrancos que a sociedade galega aínda lles pon.

Por Alberto Quian | Vigo | 12/04/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"Penso que as persoas necesitan coñecernos para integrarnos". Esta é a principal mensaxe das mulleres inmigrantes que chegan a Galicia e buscan ser aceptadas e integradas aquí. Así o reflicte un traballo de investigación que se vén de publicar no Journal of International Migration and Integration co título 'I Believe People Need to Know Us in Order to Integrate Us”: Immigrant Women’s Cultural Attitudes and Needs'. O estudo, asinado polas investigadoras Laura Rodríguez Salgado (Universidade de Vigo) e Iria Vázquez Silva (Universidade da Coruña), está ligado ao proxecto de investigación 'Muller inmigrante, lingua e sociedade. Novas perspectivas para a integración' (MILES), con Ángel Rodríguez Gallardo como investigador principal. 

Cuberta do libro 'Muller inmigrante, lingua e sociedade' (Galaxia), coordinado por Laura Rodríguez Salgado e Iria Vázquez Silva.
Cuberta do libro 'Muller inmigrante, lingua e sociedade' (Galaxia), coordinado por Laura Rodríguez Salgado e Iria Vázquez Silva.

Esta nova publicación presenta algúns dos resultados do proxecto MILES. En concreto —explican as súas autoras a Galicia Confidencial—, trata de describir como entende a muller inmigrante a súa posición na sociedade galega como suxeito inmigrante e a integrar. "É dicir, cales son as súas actitudes e necesidades no tocante á súa integración", explican as autoras.

A conclusión principal que se pode extraer deste estudo, no contexto dun proxecto máis amplo como o MILES, é que "para a maioría das mulleres inmigrantes entrevistadas é fundamental, para sentirse ben en Galicia, o uso da lingua de orixe e a conexión con certas particularidades culturais".

En concreto, proseguen Laura Rodríguez e Iria Vázquez , "dende unha perspectiva interseccional que parte da importancia doutras variables como a clase e a orixe, podemos concluír que as mulleres que recibiron formación superior desafían o ideario sobre integración promovido pola sociedade receptora mentres que aquelas que non recibiron dita formación sométense máis facilmente á dinámica galega en cuestións de integración, concentrándose na súa adaptación e silenciando a súa riqueza cultural".

"Durante o desenrolo do proxecto démonos conta de que existía, a este respecto, certa fenda entre as mulleres que recibiran estudos superiores e aquelas que non. As mulleres que recibiran formación superior tiñan máis reflexión sobre a súa posición na sociedade receptora e, en consecuencia, eran máis conscientes dos estereotipos, discriminación e desigualdade que as caracteriza e, á vez, eran máis demandantes de cambios. Foi así como decidimos publicar un artigo a nivel internacional que visibilizara como se desenvolven os procesos de integración das mulleres inmigrantes nunha sociedade como a nosa (que non deixa de responder ás prácticas contemporáneas habituais do capitalismo e do asimilacionismo) a través da súa propia voz, en concreto, das súas actitudes e necesidades arredor das particularidades culturais e lingüísticas de orixe así como da sociedade receptora", afonda Rodríguez.

Traballadora inmigrante na lonxa de Vigo
Traballadora inmigrante na lonxa de Vigo | Fonte: Miguel Núñez.

"Galicia, como país de inmigración, é unha sociedade asimilacionista que non ten asumido o seu papel nos procesos de integración da poboación inmigrante".

O traballo, explican as autoras, explora os discursos de mulleres inmigrantes co obxectivo de coñecer como estas entenden e lles afecta a desigualdade á que están sometidas no contexto dun proceso de integración social e lingüística nunha sociedade allea.

"Cómpre salientar que Galicia, como país de inmigración, é unha sociedade asimilacionista que non ten asumido o seu papel nos procesos de integración da poboación inmigrante. Se ben nos discursos pertinentes asume a 'interculturalidade' como o modelo de integración a seguir, a realidade é que as políticas públicas que se desenvolven son moi escasas e, en calquera caso, destinadas á aprendizaxe do español e á inserción laboral", destacan as investigadoras da Universidade de Vigo.

As autoras do traballo avisan de que "ao ser este o foco máis importante de actuación, o que se está a promover é a invisibilización e desvalorización das culturas de orixe, é dicir, o descoñecemento, a consolidación de estereotipos, finalmente, unha sociedade desigual e non cohesionada".

As expertas consideran "loable, neste senso, o labor das distintas ONG e asociacións do eido das migracións, entidades sociais que traballan a fondo a favor da poboación inmigrante a pesar das dificultades".

Neste contexto, atoparon que as mulleres entrevistadas se valoran a si mesmas, as súas culturas e as súas linguas de orixe de forma diferente segundo a co-articulación de variables como a clase, a raza e o nivel de educación formal. Con todo, a nivel de educación formal resultou ser a variable que, ademais de ser a máis fácil de contabilizar, servía de división entre aquelas mulleres que non facían demandas explícitas sobre a súa situación cultural e lingüística e aquelas que destacaban a importancia de atender ás particularidades propias para o proceso de integración.

En consecuencia, no artigo dividiron a mostra entre mulleres que recibiron educación formal superior (HE, higher educated) e mulleres que non (LE, lower-educated); división á que se fai reiterada referencia ao longo do mesmo.

A modo de resumo, os resultados indican que no tocante á identidade étnica, todas as participantes se identifican dalgunha maneira co seu país de orixe (pola súa forma de ser, por arraigo, pola cultura, etc.) e senten orgullo da súa orixe. Con todo, no caso das que posúen estudos superiores as investigadoras observaron "certa inconsistencia", xa que, unha vez posicionadas como minoría ou en comparación coas particularidades culturais do lugar de acollida, "desvalorízanse a elas e as súas particularidades".

A investigación tamén suxire que" a prioridade destas mulleres inmigrantes sería lograr a integración social e/ou laboral en Galicia" e todas elas "son obxecto de racialización por parte da sociedade receptora", neste caso a galega. "A diferenza", apuntan as autoras, "está en que mentres o grupo con educación superior desexa derribar eses estereotipos e aporta ideas como a realización de actividades culturais (arte, literatura, cine, etc.) ou a ocupación do espazo público co fin de visibilizar as súas particularidades e prácticas culturais, o grupo con baixa educación concéntrase na súa adaptación á sociedade galega". 

ESTEREOTIPOS, MACHISMO E PRECARIEDADE LABORAL

As principais que perciben as mulleres inmigrantes para a súa integración ou adaptación teñen que ver, segundo Rodríguez e Vázquez, co "modelo asimilacionista que se desenvolve en Galicia en diferentes eidos".

"A escasa valoración das linguas e das culturas de orixe plásmase, por exemplo, en como as políticas institucionais exclúen ás asociacións de inmigrantes como interlocutoras válidas", exemplifican.

"Tanto a nivel municipal como autonómico hai moi pouco interese en facilitar espazos para a difusión cultural, e, ademais, a miúdo o 'día do/a inmigrante' se adoita vincular a tradicións como a comida ou a música, esquecendo outras prácticas culturais como a literatura ou o teatro", detallan.

"Hai barreiras que teñen que ver dun xeito específico co machismo da sociedade galega". 

Nas entrevistas, moitas inmigrantes mostráronse "xa cansas de tantos estereotipos sobre os seus países de orixe".

As investigadoras entenden que "logo de tantos anos de recepción de inmigración, Galicia debería comezar a afondar algo máis na interculturalidade" para resolver estes problemas.

Por outra banda, consideran que "hai barreiras que teñen que ver dun xeito específico co machismo da sociedade galega, impregnada de estereotipos que lles afectan tanto ás mulleres árabes como a moitas latinoamericanas, as cales experimentan como nos seus traballos son tratadas como obxectos sexuais debido ao seu acento ou outros rasgos lingüísticos".

Pero tamén existen barreiras económicas, dados os nichos laborais das inmigrantes (hostalería, empregadas do fogar, etc.). "Uns nichos cunha elevada incidencia da precariedade e nos que se evidencia a discriminación das mulleres como traballadoras e inmigrantes, e que a miúdo complican os procesos de regularización administrativa", clarifican as responsables do estudo.

Neste senso, engaden, "a dificultade de homologación dos títulos universitarios deriva nunha descualificación importante das inmigrantes entrevistadas". 

LINGUA E CULTURA

Para abordar esta problemática, as autoras prefiren falar de “adaptación” ou mesmo “proceso de integración” que de “asimilación”, un termo este último que "se vén utilizando para aqueles casos de absorción da cultura e lingua de destino sen dar conta das particularidades propias".

No tocante ás linguas de Galicia (galego e castelán), a súa aprendizaxe por parte das mulleres inmigrantes acostuma presentarse como o medio para a supervivencia, isto é, o medio para poder comunicarse e atopar traballo. A isto hai que engadir o seu sentimento de orgullo porque os seus descendentes se desenvolvan sen problemas, sobre todo, en español.

Pero que pasa coas súas linguas e culturas de orixe? Segundo as investigadoras, o seu mantemento, transmisión ou perda está bastante en relación co anterior: "Se ben todas se senten orgullosas das súas raíces e non entra nos seus plans perder o que entenden que é unha parte fundamental da súa identidade, a realidade é que moitos dos esforzos non teñen recompensa".

A sociedade galega emprega o acento das inmigrantes como “unha marca de diferenza” e é habitual para elas experimentar situacións discriminatorias. 

O mantemento da súa identidade cultural depende enormemente do contexto de asentamento; "é dicir, se viven soas ou con compatriotas, se teñen unha parella autóctona/española, se teñen moita ou pouca relación coa orixe, o imaxinario social sobre a súa orixe en particular...", relatan as autoras.

A modo de exemplos, Rodríguez e Vázquez expoñen que se ben moitas das mulleres falantes de portugués atopan dificultades á hora de adaptarse ao español, aquelas que casaron con homes galegos trocaron completamente cara esta última. No caso das latinoamericanas, moitas delas mencionaron a importancia de manter o seu acento e outros trazos lingüísticos como un símbolo de identidade. Porén, a sociedade galega emprega ese acento como “unha marca de diferenza” e é habitual para elas experimentar situacións discriminatorias no entorno laboral (sobre todo na hostalería), pero tamén no aluguer de pisos (a través das chamadas telefónicas) ou no ocio.

Doutra banda, subliñan que "nunha sociedade como a galega resulta particularmente complicado transmitir linguas minoritarias". Por exemplo, apuntan, os descendentes que non foron alfabetizados nas linguas de orixe (no país de orixe) teñen moi complicado aprender e desenvolverse nestas linguas unha vez asentados en Galicia. "De feito, a súa escolarización e alfabetización en español a través do sistema educativo galego troca as prácticas lingüísticas de toda a familia xa que introduce con forza o español na casa", dilucidan as investigadoras.

Para a aprendizaxe das linguas de orixe en moitos casos é necesaria a existencia dunha asociación forte e con posibilidade de desenvolver actividades deste tipo ou dunha rede de compatriotas.

Unha das conclusións do traballo é que as mulleres sen estudos superiores, ao comparar as súas linguas co español, desvalorizan as súas de orixe xa que “xa non valerían para nada”, só para o seu ámbito máis privado. "Poñen tantas expectativas no español que a súa lingua pasa a un segundo plano, motivadas, claro está, por como se proxecta a integración dende a sociedade galega (coma asimilación)", comentan as investigadoras das universidades de Vigo e A Coruña.

Esta actitude contrasta coa das mulleres con educación superior, que "mostran unha maior reflexión sobre o proceso de integración, son moito máis criticas sobre as prácticas da sociedade receptora e tratan de desafiar o que as outras asumen como natural".

GALEGO NAS VILAS, CASTELÁN NAS CIDADES

A asimilación da lingua allea é requisito fundamental para a supervivencia e integración das inmigrantes. Núa sociedade bilingüe como a galega, en xeral, as inmigrantes dan importancia a aquela lingua que máis escoitan ao seu arredor e que, na meirande parte dos casos, lles permita entrar no mercado laboral. Polo tanto, e de acordo cos resultados do traballo de investigación, "en zonas máis vilegas e para aquelas que traballan no sector doméstico (coidados o limpeza) o énfase está no galego, mentres que para o resto estaría no español", aportan as autoras.

De feito, apunta, na ONG Teranga de Ourense téñense realizado cursos de galego para inmigrantes que traballan como coidadoras tanto na cidade como en vilas do arredor. Outro bo exemplo de asimilación do galego sería o chamado Modelo Burela, desenvolvido desde o IES Perdouro, para promover e alentar a integración de inmigrantes na cultura de destino, mediante a asimilación da lingua galega, pero sen descoidar a atención ás culturas orixinarias.

"Se ben a maioría ten boas palabras cara o galego, é importante mencionar a falta de oferta de formación nesta lingua, sobre todo se o comparamos coa presenza do español".

Moitas das mulleres inmigrantes entrevistadas por Rodríguez e Vázquez recoñecen que, aínda que o galego non é unha prioridade para a súa supervivencia en Galicia, lles gustaría aprendelo despois do español.

"Se ben a maioría ten boas palabras cara o galego, é importante mencionar a falta de oferta de formación nesta lingua, sobre todo se o comparamos coa presenza do español (a gran parte de subvencións destinadas á migración hoxe en día está destinada á aprendizaxe de español e asistencia no ámbito laboral)", expoñen as investigadoras.

A IMPORTANCIA DE PRESERVAR A CULTURA PROPIA+

Poden as mulleres inmigrantes manter e preservar as súas tradicións e cultura nunha sociedade como a galega? A resposta é que si. "Sobre todo porque teñen asumido que forma parte da súa vida privada, do seu fogar ou dos seus encontros con compatriotas (familia, amigos ou nas asociacións cando é o caso), algo que non se lles nega", contestan Rodríguez e Vázquez.

Como exemplo ofrecen o seguinte fragmento no que unha muller procedente de Romanía, sen educación superior, apela á que ninguén se pode meter no que fai ela na súa casa, e con iso ten suficiente para sentirse satisfeita:

Entrevistadora: Que tipo de relación cres que existe entre o desexo de manter certas particularidades de Romanía e o desexo de integrarte na cultura receptora? Cres que fai falla facer algo? Aquí é un problema manter para integrarse?

Romanesa: Non creo. Ti tes que integrarte. Se ti mantés, mantés na casa. Por exemplo, non se poden queixar se eu pinto os ovos de pascua.

Entrevistadora: Certo. [risa]

Romanesa: Estou na miña casa. Se teño que respectar as celebracións españolas, eu as respecto. En Romanía son diferentes.

Entrevistadora: Si, son diferentes.

Romanesa: Entón. Non penso que haxa ningún problema. Non! Non me afectou en nada. [risa]

O interesante para as investigadoras foi descubir que as mulleres inmigrantes que si recibiron unha educación superior non se conforman con isto e pensan que unha sociedade intercultural como a galega ten que asumir a súa responsabilidade: "Pensan que sacar a súa riqueza cultural do ámbito privado é necesario, non só para a súa propia satisfacción senón tamén para que exista intercambio entre toda a poboación (non só movemento dende un colectivo cara outros). Entenden que a integración debería ser un proceso bidireccional no que as dúas partes involucradas (dominante e minoría) gañan algo".

MULLERES DE 27 PAÍSES

Neste traballo están representadas 60 do total de 64 mulleres entrevistadas no proxecto MILES. En concreto, as entrevistadas proceden de 27 países distintos e son falantes de máis de 20 linguas.

As entrevistas tiveron lugar en zonas urbanas (Vigo e Ourense) e tamén outras de carácter máis vilego, coma dúas caboverdianas en Burela, subsaharianas en Marín, ou mulleres asentadas en Monforte. Con todo, recolléronse entrevistas nas catro provincias de Galicia. Sendo esta unha investigación cualitativa, as autoras recoñecen que non tentaron representar a realidade da migración feminina en Galicia e non era o seu propósito recoller un número de entrevistas segundo se unha orixe ten máis ou menos presenza en Galicia. O que si era un dos obxectivos en canto a mostra final era visibilizar a diversidade cultural de Galicia.

Como resultado final, pódese ver certa “sobrerreprensentación” do colectivo africano por riba doutros maioritarios coma o latino e mesmo o europeo, expoñen.

No momento da entrevista, a muller que levaba máis tempo en España sumaba 35 anos dende a súa chegada, e a que menos, 6 meses, sendo a media de estancia de todas elas de 8,5 anos. As mulleres tiñan entre 20 e 66 anos (media de idade de 41 anos). 

A meirande maioría das entrevistadas son nais, un total de 49, factor que as invetigadoras consideran "especialmente interesante" para achegarse ao mantemento no fogar ou transmisión ás súas crianzas das culturas e linguas de orixe, así como ao papel que desenvolve o sistema educativo.

"Os datos desmontan o estereotipo de que as mulleres inmigrantes non posúen estudos superiores; a miúdo, o que realmente acontece ao chegar a Galicia é unha descualificación".

No tocante aos estudos formais, 31 mulleres recibiron formación superior; en concreto, 25 completaron estudos universitarios (Biomedicina, Lingüística, Ensinanza, Economía, Dereito, Química), tres recibiron formación universitaria pero non se graduaron e outras tres estaban recibindo dita formación en Galicia no momento da entrevista.

Doutra banda, un total de 29 non recibiran formación superior: unha non fora educada formalmente, 10 completaron estudos primarios, outras 10 estudos medios e oito o equivalente a formación profesional.

"En xeral, estes datos desmontan o estereotipo de que as mulleres inmigrantes non posúen estudos superiores; a miúdo, o que realmente acontece ao chegar a Galicia é unha descualificación, debido ás dificultades derivadas da homologación de títulos". 

En termos de ocupación, 33 non traballaban (eran desempregadas, estudantes ou pensionistas) e 27 si tiñan traballo. "Eran moi escasas aquelas que conseguiron continuar no mesmo eido no que traballaban ou se formaran no seu país de orixe, sendo maioría as que estaban ligadas ao sector servicios: coidados, servizo doméstico ou hostalaría", detallan as autoras.

Os países de procedencia das entrevistadas son: Brasil, Arxentina, Colombia, Cuba, Perú, República Dominicana, México, Paraguai, Uruguai, Venezuela, Portugal, Romanía, Rusia, Bulgaria, Francia, Ucraína, Inglaterra, Marrocos, Nixeria, Senegal, Cabo Verde, Alxeria, Serra Leona, Mauritania, China, Líbano, Siria e Vietnam.

PROXECTO MILES

A publicación "I Believe People Need to Know Us in Order to Integrate Us”: Immigrant Women’s Attitudes and Needs' presenta algúns dos resultados do proxecto MILES, cuxo obxectivo principal foi analizar os procesos de integración social e lingüística das mulleres inmigrantes na sociedade galega desde unha perspectiva de xénero.

"Galicia é un país de emigración que viu enormemente modificada a súa composición, de maneira salientable a partir do ano 2000, debido ao aumento de chegadas de inmigrantes tanto dende países cos que xa existían fortes lazos históricos (como algúns do Sur de América ou Europa) como doutros países cos que non existían tales relacións, como Senegal ou China. Neste contexto, a muller inmigrante sitúase como foco receptor de distintos tipos de discriminación, principalmente de clase e de etnia ou raza, os cales compartiría cos seus homólogos masculinos, pero ós que se engade a discriminación de xénero. Esta é a principal razón pola que o proxecto estaba destinado unicamente á análise das mulleres inmigrantes", profundan Laura Rodríguez Salgado e Iria Vázquez Silva.+

"Para acadar unha sociedade realmente cohesionada, a sociedade galega debería valorizar as linguas e culturas de orixe das inmigrantes, algo que aínda non acontece".

O proxecto centrouse na análise dos procesos de integración destas mulleres tanto no eido social coma no lingüístico. Particularmente, tentouse dar conta de como a muller inmigrante accede —ou non— á sociedade galega, ao ámbito laboral galego, e mesmo ás linguas de Galicia. Neste sentido, entenderon que para analizar a integración da poboación inmigrante hai que ter en conta tanto as particularidades da sociedade receptora como aquelas particularidades da orixe das inmigrantes (traxectorias personais, culturas, linguas, etc.) pertinentes. "É dicir, non se entende a integración como éxito laboral (ter un traballo) e lingüístico (saber falar o español ou o galego, segundo o contexto), senón que para acadar unha sociedade realmente cohesionada, a sociedade galega debería valorizar as linguas e culturas de orixe das inmigrantes, algo que aínda non acontece a día de hoxe", expresan as investigadoras.

Para acadar este obxectivo xeral era necesario coñecer as prácticas, actitudes, expectativas e demandas das mulleres inmigrantes respecto do mantemento das súas linguas e culturas de orixe, e así coñecer que é necesario transformar en Galicia para acadar unha sociedade consecuente coa súa pluralidade. Ademais, fixéronse o mesmo tipo de preguntas (sobre prácticas, actitudes, expectativas e demandas) acerca da adaptación das inmigrantes á cultura galega e, especialmente, ás linguas de Galicia.

O estudo baseouse nunha metodoloxía mixta. Por unha banda, na análise de fontes secundarias, sobre todo fontes estatísticas como os censos demográficos do Instituto Nacional de Estadística (INE) ou do Instituto Galego de Estatística (IGE), e, por outra banda, nunha metodoloxía cualitativa. Para esta última entrevistáronse, tanto en zonas rurais como urbanas, a 64 mulleres inmigrantes procedentes dos continentes cunha representación significativa en Galicia: América (21), Europa (15), África (20) e Asia (7). Tamén se fixeron entrevistas a mulleres polo seu papel en asociacións de inmigrantes, ou como mediadoras sociais ou técnicas de inmigración. En total, recolléronse 29 entrevistas deste tipo. "O noso obxectivo era darlle voz a elas, en representación dun colectivo xeralmente silenciado", aportan as autoras.

Unha parte desas entrevistas estivo dedicada á análise do imaxinario social sobre a inmigración. Así, as entrevistadoras presentaron ás mulleres inmigrantes distintas novas de xornais nas que o seu propio colectivo era o protagonista (mulleres marroquís, brasileiras, etc.), para que comentasen a súa impresión acerca da visión da poboación galega sobre a inmigración. "Na maioría dos casos, cando existía algunha publicación, eran artigos de marcado carácter racista ou que, ao ser esa a única información publicada, a imaxe proporcionada sobre os distintos colectivos era nesgada e pouco representativa", clarifican as investigadoras. Eses resultados foros presentados no XII Congreso Español de Sociología.

Na fase de divulgación do traballo de investigación cabe salientar a publicación do libro Muller inmigrante, lingua e sociedade, editado por Galaxia no ano 2017. Neste libro colaboran outras investigadoras galegas do eido da inmigración galega e trata de dar a coñecer unha panorámica xeral da situación da muller inmigrante en Galicia (demografía, política, mantemento cultural e lingüístico, discriminación, sistema educativo...), á vez que se fai fincapé nalgúns casos específicos, como o das latinoamericanas ou as musulmás.

AS AUTORAS

Laura Rodríguez Salgado é doutora en Lingüística Aplicada (2017) na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.

Iria Vázquez Silva é doutora en Socioloxía e actualmente profesora de Socioloxía na Universidade da Coruña.

Ambas as dúas foron as encargadas de levar a cabo o traballo de campo, a análise dos datos recollidos e a divulgación dos resultados do proxecto MILES.

Campaña 'Galegas coma ti', contra o racismo, organizada pola ONG Viraventos
Campaña 'Galegas coma ti', contra o racismo, organizada pola ONG Viraventos | Fonte: Concello de Ames.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Padiante

"Galego coma ti", aquela campaña electoral de Fraga no 1981, imos avanzando.

1 anonimo

Canto topicazo, deus. " Valorizar as lingoas das emigrantes". Canto rollo barato. ¿ E como se " valoriza" eso. Os idiomas non son algo que se " valorice", son un instrumento de comunicación. O do victimismo de xénero sempre vende. Para o feminismo, as mulleres son sempre víctimas, sempre están discriminadas ( ¿ en qué, donde, cómo? ) , e son algo así como una especie de clase. Todo eso é algo que sempre se da por sentado, sen necesidade de demostralo. E así, e punto, que si non non podemos vender o noso discurso, ¿ E as galegas que emigraron foron atoparíanse co ese coidado exquisito, esa atención ultradelicada no seu destino ?