O novo modelo de financiamento autonómico "terá en conta" o despoboamento e a dispersión

Mariano Rajoy avanzou esta nova na Convención Nacional do PP sobre Familia e Conciliación. Pediu a colaboración doutras forzas políticas. Tamén pediu que se presente un candidato á Generalitat de Catalunya que non estea involucrado en asuntos xudiciais.

Por E.P. | ZARAGOZA | 24/02/2018 | Actualizada ás 14:48

Comparte esta noticia

O presidente do Goberno anunciou que o novo modelo de financiamento autonómico "terá en conta" o despoboamento e a dispersión poboacional, unha das principais reivindicacións da Xunta de Alberto Núñez Feijóo.

O presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy, con Luís María Beamonte.
O presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy, con Luís María Beamonte. | Fonte: Europa Press

Na súa intervención na convención nacional do PP sobre familia e conciliación, Mariano Rajoy dixo que "os cidadáns necesitan que nos esforcemos para chegar a un acordo" porque o PP só non pode, facendo un chamamento ao PSOE para que "pase do discurso a sentar, falar e buscar un entendemento". Neste sentido, anunciou que o novo modelo de financiamento autonómico "terá en conta" o despoboamento e a dispersión poboacional.

Eloxiou o medio rural e dixo que "o despoboamento se está a converter nun problema capital no noso país", polo que "o imos pór na axenda nacional e o primeiro que proporá solucións será o PP" para promover un mundo rural "dinámico, moderno e con empregos de alto valor".

CATALUÑA

Noutra orde de cousas, Mariano Rajoy deixou claro que "nós defendemos a toda España" fronte a quen "defende só a unha parte". Lembrou que o Executivo central aplicou o artigo 155 da Constitución e confiou en que en Cataluña, "se presente xa un candidato que non estea involucrado en asuntos xudiciais" para "volver á normalidade, sexa elixido e diga 'eu penso como quero pero vou respectar a lei e asinar a vixencia do Estado de Dereito".

"Temos unha longa historia cos nosos acertos e erros, pero ao PP sempre lle tocou gobernar nos momentos mais difíciles, complicados e acreditamos que tivemos coraxe, determinación e ganas para sacar os problemas adiante: outros falan", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta