Por Galicia Confidencial | Vila de Cruces | 26/02/2018 | Actualizada ás 08:30
O repentismo comeza a coller forza no país. Un movemento que ten nome de muller e que conseguiu recuperar xa unha tradición que viña de vello e comezaba a esmorecer. Este sábado tivo lugar en Vila de Cruces o II Encontro de Mulleres Repentistas da Galiza no que se identificou como unha das fortalezas da revitalización da regueifa o protagonismo da nova xeración de mulleres, rapazas e nenas repentistas e a importancia do feminismo como factor de modernidade.
A xornada proseguiu cunha mesa redonda onde as regueifeiras Sara Marchena, Alba Maria, Lara do Ar e Silvinha fixeron exposicións sobre a situación actual das mulleres no mundo da regueifa, os avances e os obstáculos, así como as relacións sobre os palcos cos regueifeiros. "Unhas relacións que varían desde posicións de enfrontamento motivadas polo sexismo ou a homofobia até a colaboración desde as novas masculinidades vinculadas ao feminismo", indicaron as organizadoras. O feminismo é, segundo unha das conclusións da mesa redonda, o impulso que sitúa a regueifa como expresión de actualidade e modernidade.
IMPROVISACIÓNS
Despois dezaseis regueifeiras foron subindo ao escenario do Auditorio Xosé Casal de Vila de Cruces, nun evento onde se improvisaron versos desde diferentes propostas do repentismo actual: unha controversia sobre a liberdade de expresión e a polémica sobre se as rapeiras deben ir ao cárcere polo contido das súas cancións ou non; unha interpretación de papeis onde unha regueifeira se convertia en Castelo e outras tres eran Rosalia de Castro; unha chamada improvisada para a folga de mulleres do 8 de marzo...
O espectáculo contou coa participación de Aleixandra Torres, Lara do Ar, Sofia Tarela, Pia Lago, Estrela do Courel, Silvinha, Joana Santos, Sabela Carracedo, Alba de Merza, Lorena Medela, Maré, Alba Maria, Sara Marchena, Marisa Otero e Aurora Redondo.
Tamén se realizou unha homenaxe a Oliva, Presentación, Ramón e Antonio de Mazás, vecinos da aldea de Sabrexo a quen a musicóloga suíza Dorothé Schubart gravou en 1980 e cuxas cancións forman parte do Cancioneiro Popular Galego, editado pola Fundación Barrié.
O II Encontro de Mulleres Repentistas foi organizado polo alunado e profesorado da materia "Regueifa e improvisación oral en verso " do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces. Este evento forma parte do Proxecto Regueifesta que, impulsado polos institutos Maximino Romero de Baio e Marco do Camballón das Cruces, procura a actualización do repentismo galego e a súa difusión entre a xente nova, desde o ámbito educativo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.