Comparte esta noticia

As esculturas de Abraham e Isaac que realizou o Mestre Mateo para a fachada do Pórtico da Gloria no século XII terán que abandonar, se nada o impide, o Pazo de Xelmírez, integrado na Catedral de Santiago da que un día formaron parte, e volver coa familia Franco.

Esculturas Mestro Mateo
Esculturas Mestro Mateo | Fonte: Europa Press

Así o marca a finalización da exposición sobre a obra do Mestre Mateo na que, desde o verán pasado, están incluídas estas dúas esculturas, en poder dos Franco, e o feito de que non se pediron medidas cautelares para tentar que permanezan nun espazo público ata que se dirima a demanda sobre a súa propiedade interposta polo Concello de Santiago.

Aínda que a finalización desta exposición estaba fixada para o día 23, os organizadores decidiron no último momento incrementar en dúas xornadas a posibilidade de ver estas pezas, xunto a outros traballos do Mestre Mateo. Chegado este luns, no entanto, a exposición concluíu e, con ela, a cesión temporal para a súa exposición destas dúas figuras, polo que, se nada o impide, a súa devolución a mans dos Franco está próxima.

DO CONDE DE XIMONDE AO CONCELLO

Estas dúas enormes figuras pétreas, de 1,80 metros de altura e identificadas como os profetas Abraham e Isaac, pertencían á fachada orixinal do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago, realizado polo Mestre Mateo no século XII.

As reformas da fachada da Catedral compostelá retiraron estas figuras, xunto con outras, en torno ao século XVI e a súa pista perdeuse até o ano 1933, cando foron localizadas no Pazo do Conde de Ximonde, nas proximidades de Santiago.

Segundo consta nun documento atopado polo Concello de Santiago, o Conde de Ximonde vendeu as dúas pezas ao Consistorio no ano 1948, por un montante de 60.000 euros e coa condición de que permanecesen sempre baixo tutela municipal e expostas ao público.

De feito, foron colocadas na escalinata do Pazo de Raxoi ata que nalgún momento, cara ao ano 1960, pasaron a mans da familia Franco. A primeira indicación deste cambio está na exposición 'A arte Románica', que en 1961 incluía as esculturas e atribuíaas á familia do ditador, situándoas no Pazo de Meirás, desde onde, posteriormente, serían trasladadas ao de Cornide.

Con todo, non figuran nos arquivos municipais ningún documento de cesión ou venda destas esculturas que, ao mesmo tempo, contraviría as esixencias da venda do Conde de Ximonde.

30 ANOS DE RECLAMACIÓNS

O concello de Santiago iniciou xa nos anos 80 un proceso de reclamación destas pezas, para a súa reintegración no Patrimonio Público, unha actuación que se repetiría periodicamente sen que até o momento se lograse esta devolución.

A participación das esculturas na exposición que agora finaliza, xunto coa localización do documento oficial de venda e das súas condicións, reactivou esta petición e levou ao Concello de Santiago a interpor unha demanda xudicial contra a familia Franco para reclamar a propiedade das pezas, un proceso no que confían en que haxa unha sentenza dentro deste ano.

De forma paralela, e para garantir tanto a súa conservación como que non poidan ser vendidas ou sacadas ao estranxeiro sen supervisión pública, a Xunta publicou no mes de febreiro o inicio do procedemento para a declaración das dúas esculturas como Ben de Interese Cultural, unha protección que se lles aplicou xa de forma inmediata.

O BNG RECLAMA MEDIDAS CAUTELARES

Con todo, algunhas voces consideran que estas medidas non son suficientes. É o caso do BNG, que este luns escenificou a súa protesta nun acto celebrado ás portas do Pazo de Xelmírez, ao que se encadearon simbólicamente para reclamar que as dúas esculturas non abandonen Compostela tras finalizar a exposición.

O acto, baixo a lema 'Que nos devolvan o roubado', contou coa presenza do deputado nacionalista Luís Bará, e da vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, que reclamaron ao Concello de Santiago que pida "medidas cautelares" para evitar o traslado destas pezas en tanto que non se resolve a súa demanda contra os Franco pola propiedade das mesmas.

Pola contra, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, mantívose firme na súa opción de descartar a petición de medidas cautelares para as estatuas, mantendo o foco sobre o proceso que decidirá sobre o seu lexítimo propietario.

Noriega lembrou que o Concello realizou as accións necesarias interpoñendo unha demanda para "reclamar a propiedade das estatuas". Con todo, o director da asesoría xurídica municipal "entendeu que non existían unhas mínimas garantías de éxito" desas medidas cautelares, dado que os Franco, nos "máis de 30 anos" de demanda de devolución, nunca puxeron "ningún obstáculo para ceder as pezas" para exposicións.

"Segundo nos explicaron, as medidas cautelares, en caso de presentarse, tería máis sentido facelo en relación á declaración como Ben de Interese Cultural", dixo Noriega, unha competencia que corresponde á Xunta.

No entanto, o rexedor quixo "sacar do foco" esta cuestión, indicando que "o importante" é tanto a demanda como o feito de que a Xunta realizase o trámite de declaración BIC para a súa protección. "A batalla importante vai ser a que demos ao longo deste ano, no que esperamos que teñamos unha sentenza, polo menos en primeira instancia", dixo o rexedor.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta