Fala o sector dos áridos: “É absurdo abrir un centro extractivo mineiro se todo o mundo está en contra”

A Asociación Galega de Áridos, Arigal, antiga AGA, está formada por empresarios e empresarias con relación na extracción de material árido (grava, por exemplo) ademais de minaría metálica ou pedra e lousa. O seu director, Carlos Martínez, recibe a Galicia Confidencial “porque temos interese en que se coñezan algúns puntos da nosa actividade que a maioría non ten claros”. Falamos con el sobre a polémica da mina de Touro, sobre por que quedaron explotacións abertas sen que houbese unha rexeneración do terreo pero ademais, de como o sector da minaría en Galicia está de acordo coa adopción de non abrir minas se hai unha maioría social contraria a esa apertura.

Por Moncho Mariño | Santiago | 27/02/2018 | Actualizada ás 21:58

Comparte esta noticia

Martínez di que Arigal non busca ningún tipo de protagonismo, pero insiste en que é necesario dar toda a información precisa para coñecer unha actividade económica allea para a grande maioría. Mesmo apunta á necesidade da incorporación dunha licenza social, unha maioría social, que apoie a apertura dun centro mineiro para poder poñelo en marcha

Carlos Martínez (esq.) director de Arigal e José Lista (d) presidente de Arigal
Carlos Martínez (esq.) director de Arigal e José Lista (d) presidente de Arigal | Fonte: ARIGAL

-O sector da minería, tanto de áridos como de metais, son un sector preferente dentro da Unión Europea. Cales son os motivos?
As directrices europeas estableceron as directivas sobre raw materials. Isto quere dicir que o acceso a recursos minerais é un punto definido como extratéxico. A idea é que tes que ter acceso ao teu recurso e non ser dependente doutros países, como China ou similares. Por tanto, é prioritario ter independencia mineira.

-Soa como autárquico.
Pódese ver de dúas maneiras. Primeira, ser independente sen que outro marque o teu desenvolvemento. Un exemplo moi claro é o do litio. O coche eléctrico ten que vir porque vemos que é a única solución. Non hai litio para tanto coche e se o temos que traer de fóra, peor mo estás poñendo. Sobre todo se temos aquí temos litio, temos tecnoloxía e condicións óptimas. Prefiro que o saquen de aquí, pois sei que o van vixiar e non litio importado de Congo. Desde hai tempo, o sector estractivo ten moi claro que o pouco anonimato que tiña desapareceu. Agora mesmo, co buscador Google ou o Google maps, ti podes ir a unha canteira a fin de semana, estás  máis que vixilado.

-Supoño que as autoridades terán outro tipo de elementos para controlar a minería.
Van alí ou utilizan dróns. Están habilitados, as autoridades teñen persoas autorizadas para que en calquera momento podan entrar en calquera actividade extractiva, para que se cumpra tanto o plano de labores como o de restauración.

-Os sistema de restauración de explotacións mineiras non son un tanto polémicos? Por exemplo nas Pontes hai un lago artificial onde antes estaba a mina. Este modelo deixouse de usar nos países que un día si o empregaron.
A nosa valoración é que hai un mundo de posibilidades para restaurar un lugar onde houbo minería. O tradicional nas canteiras de áridos era encher de material e replantar. Outra posibilidade é a que se fixo nas Pontes ou Meirama. O lago de Meirama está dando auga á Coruña, con controis de calidade e sanitarios, pero está subministrando auga potable. Outra posibilidade é a de aproveitar para crear infraestruturas como políñgonos industriais ou mesmo hai auditorios no que foron canteiras. Mesmo temos hábitats protexidos como a lagoa de Begonte, que foi unha canteira. Foi a actividade estractiva a que creou ese hábitat. En Xinzo o mesmo. O abano de posibilidades é amplo. Non queremos só lagos, polígonos, recheos ou construcións, cada casuística e cada situación ten as súas vantaxes.

-Con todo o risco apuntado desde ámbitos como o ecoloxismo é que mineirais pesados desas minas ou canteiras pechadas, pasen ao consumo humano.
No caso dos áridos, pola nosa casuística o único aporte que se pode dar a cauces ou correntes de auga, son sólidos en suspensión, area ou arxela. Iso pode pararse previo reboce, ilos desviando a depósitos de auga parada. Pero iso ao final, é un control de augas antes de que se incorporen. No caso das Pontes non foi encher de auga. Antes estudouse a rocha e a xeoloxía do lugar para ver se era impermeable, mesmo en varias zonas impermeabilizaron de maneira artificial, para que non haxa fugas e contaminación. Pero no caso dos metais pesados, parece que en Galicia só temos metais pesados, un tema que se repite sempre. Nos áridos levamos moito tempo con que nos veñen con ese tema. A ver, no caso da minería metálica pode telos, pero temo que hai un grande descoñecemento dos condicionantes que hai que cumprir para iniciar a apertura dun centro estractivo. Convido a quen queira a facer unha listaxe de todos os organismos a onde hai que pedir autorización e presentar o proxecto, antes mesmo de que che concedan a autorización para explotar unha extracción.

-Non obstante hai lugares onde houbo actividade de áridos que a día de hoxe están sen pechar ou tratar. Canteiras que quedaron tal cal, sen tapar nada.
Iso depende da época na que se pecharon. Nós asumimos que temos unha herdanza, pero calquera explotación antes de abrirse agora debe dispor dun plano de labores, un plano de explotación e un plano de restauración e unha garantía depositada como aval financeiro. Ese aval teno que poñer a empresa. En caso de incumprimento do proxecto de restauración, a administración, neste caso en Galicia sería a consellería, pois aquí está transferido, podería e  probablemente execute ese aval para a restauración. Ese aval cálculase en función do plano de restauración, son avais importantes porque estamos falando de hectáreas. A unidade mínima dunha sección C, son 24 has., das que non vas usar nin o 10%. Pero ti tes que traballar con esa unidade, pides cinco cuadrículas, xa tes 125 has., das que non vas utilizar máis alá do 10 ou 15%. Todo isto é por como están definidos os recursos. Cada 20 segundos sobre un mapa diferencia xa define unha cuadrícula mineira.

-En Arigal estaredes ao tanto do que está a acontecer en Touro. Cal é a valoración que tedes desde a asociación?
Ao final temos unha lexislación  moi exhaustiva e intensa. Se o proxecto cumpre a lexislación técnica e ambientalmente, entendemos que se pode facer.

-Aínda está en valoración da Xunta.
Certo. Nós entendemos é que é unha barbaridade que se antes alguén dicía “abrimos unha mina porque si” pois agora haxa grupos de presión dicindo “agora non abrimos porque non”. Hai unha licenza que non está escrita, a licenza social. Esta tamén hai que tela. É absurdo abrir un centro extractivo con todo o mundo en contra, non ten sentido. Hai que informar á xente para que teña coñecemento de causa. É moi fácil dar dous grandes eslogans que se dan por certos e xa está, a xente é co que queda. Por exemplo, que como é unha sección C e hai uns dereitos de expropiación, a empresa vai chegar, expropiar e comprar terreos. Non hai unha empresa en España e en Galicia tampouco, que tendo dereitos de sección C para poder expropiar, teña expropiado. Aínda máis, hai algún que mesmo diante de notario renunciou á expropiación. Penso que a ninguén se lle pode dicir: “van chegar á túa finca coas máquinas”, iso non vai ocorrer, non se pode expropiar.

-Ese proxecto vaise abrir nos terreos dunha antiga explotación. A antiga empresa deixou abandonado o lugar, sen pechar e con balsas que escorrentan auga cara os ríos. Por que non se fixo nada sobre isto?
Eu faríalle esa pregunta a eles (a antiga empresa propietaria). Fun a charlas informativas e preguntei, se hai tantos lixiviados hoxe en día, eu que vivo no Barbanza que marisco ou peixe estou comendo desde hai vinte anos se é que está contaminando? Debemos ser coherentes. Que o fixeron mal, son o primeiro en dicilo. Pero hai unha maneira moi boa de solucionalo, é que a xente que vaia entrar aí, teña o foco sobre esa explotación e estea controlado. Porque a empresa que explotou anteriormente a mina, xa non vai vir. Hai que aprender dos erros pasados. Iso hai que solucionado canto antes.

-A minería en Galicia que elementos exporta máis, minerais ou áridos?
Nin áridos nin metais. O árido por definición non pode viaxar máis de 50 quilómetros, por prezo. Por iso hai canteiras en moitos puntos da xeografía e máis alá dos 50 km duplica o prezo e non se xustifica. Agora empeza a haber algún caso puntual, se tés un porto ao pé e logo un material de moita calidade como escollera, pedras de grande tamaño para obras de infraestrutura, pois ese material exportouse o ano pasado moito desde Ferrol e Coruña. Pero en Galicia a exportación é pedra natural, lousa e granito hornamental.

-O uso de explosivos na extracción non dana o material que se quere vender?
Os explosivos só se usan cos áridos, en minería como a metálica e a industrial, porque estás interesado en arrincar o material e ter unha granulometría o máis concreta que a ti che faga falta. O explosivo é unha ferramenta ao final. O cálculo que se fai do explosivo é para ter a mínima cantidade do mesmo para extraer o material que ti queres. Non ten máis misterio o uso de explosivo. En rocha hornamental o uso de explosivo é mínimo para non danar o material. As medidas de seguridade son moi exhaustivas tanto no manexo como traslado e o tipo de explosivo é do máis seguro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta