Temas: PESCA UE MARROCOS

A UE e Marrocos reafirman a súa vontade de cooperar no sector pesqueiro após o fallo do TUE

As dúas partes garantiron este martes o seu compromiso de manter a cooperación bilateral no sector pesqueiro. Tamén manifestaron a súa vontade de negociar a renovación do acordo de pesca entre ambas as dúas beiras logo de coñecer a sentenza do Tribunal de Xustiza da UE que declarou válido este protocolo porque non é aplicable ao Sahara Occidental.

Por E.P. | BRUSELAS | 27/02/2018 | Actualizada ás 18:24

Comparte esta noticia

"As dúas partes seguen determinadas a preservar a súa cooperación no sector pesqueiro. Neste sentido, expresan a súa vontade de negociar os instrumentos necesarios relativos ao acordo de pesca", declarou nun comunicado conxunto a Alta Representante de Política Exterior e Seguridade Común da UE, Federica Mogherini, e o ministro de Asuntos Exteriores e Cooperación de Marrocos, Nasser Bourita.

Barcos nas instalacións de Pescanova en Chapela-Redondela
Barcos nas instalacións de Pescanova en Chapela-Redondela | Fonte: Miguel Núñez

Na mesma liña, Bruxelas e Rabat destacaron que o espírito "próximo e sincero" que caracterizou o proceso de adaptación do acordo agrícola a unha sentenza anterior da Xustiza europea "creou un capital de confianza valioso para profundar a asociación".

O comunicado de Mogherini e Bourita chegou horas despois de que o tribunal con sede en Luxemburgo ditaminase que o acordo de pesca entre a UE e Marrocos é "válido" por non ser aplicable no Sahara Occidental, algo que sería contrario ao dereito Internacional e en especial ao principio de libre determinación.

NOVAS NEGOCIACIÓNS

Este protocolo de pesca expira o próximo 14 de xullo, polo que a UE e Marrocos deben iniciar proximamente as negociacións para renovar as súas disposicións. España é o estado membro máis beneficiado deste acordo, que permite o acceso a augas marroquís a unhas 120 embarcacións comunitarias.

Así, a xefa da diplomacia europea e o seu homólogo marroquí subliñaron que ambas as partes están dispostas a buscar un reforzo do seu diálogo político e a "preservar a estabilidade das súas relacións comerciais". "Confirmamos a riqueza e a vitalidade das relacións entre a UE e Marrocos e o seu total compromiso co desenvolvemento continuo das mesmas en todos os campos de interese mutuo", afirman o comunicado conxunto.

En concreto, citan cuestións "estratéxicas" como a política de migración, seguridade e estabilidade e desenvolvemento rexional, así como a investigación científica, sobre as que Rabat e Bruxelas "acordaron intensificar e ampliar as numerosas actividades de cooperación xa en marcha".

Temas: PESCA UE MARROCOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 galegoexiliado

Marrocos invade o Sájara, espulsa aos seus nativos, rouba os seus recursos económicos, vendellos a Eurabia, e os progres non se queixan porque alí pescan barcos galegos e o Sájara non é Gaza e os marroquinos non son xudeos. Antisemitas si, pero hipócritas non, solo progres esquerdeiros.