Temas: GAITAS MúSICA

Ferrol homenaxea a Tonecho

O Teatro Jofre de Ferrol acolle este acto para honrar a memoria do músico Antón Varela o vindeiro 11 de marzo. Participarán moitos artistas galegos cos que compartiu amizade, como Carlos Núñez, Carlos Beceiro (La Musgaña), Óscar Fernández (Os Cempés), e bandas como Os Raparigos, Os Cempés e o Real Coro Toxos e Flores.

Por Galicia Confidencial | Ferrol | 04/03/2018 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

A música galega renderá homenaxe ao músico e luthier Antón Varela, coñecido como Tonecho, o vindeiro 11 de marzo no Teatro Jofre de Ferrol ás 19 horas. No tributo musical participarán, entre outros, artistas como Carlos Núñez, Carlos Beceiro (La Musgaña) ou Os Cempés, con quen compartiu amizade; alén de formacións nas que participou, como Os Raparigos ou Os Cempés, e coas que colaborou, como o Real Coro Toxos e Froles. 

O gaiteiro Antón Varela, Tonecho
O gaiteiro Antón Varela, Tonecho | Fonte: ferrol360

Esta homenaxe foi preparada para ser celebrada en vida de Antón Varela, mais o rápido avance da súa enfermidade non o fixo posible. Está organizada por amigos e músicos cos que o artesán e gaiteiro colaboraba. A entrada -de 5 euros- está destinada a pagar os gastos que xera a produción. 

UN GRAN CONSTRUTOR DE GAITAS

Un deles, o zanfonista Óscar Fernández (Os Cempés), explica que Varela dedicouse durante 25 anos á construción de gaitas e foi “un dos primeiros que levou a gaita galega polo mundo adiante, aos principais festivais de luthiers de Europa (sobre todo ao Festival de St. Chartier), dándolle relevancia internacional ao noso instrumento”. 

Ademais, subliñou que como compositor “deixa algunhas composicións moi relevantes”, e que como intérprete formou parte de grupos xa históricos, como o mítico grupo de Ferrol Os Raparigos, “que cumpren  50 anos” ou Os Cempés, con quen xirou por toda Europa.

ANTÓN VARELA

Antón Varela (Ferrol 1955-2017) faleceu o pasado 25 de xullo logo dunha longa enfermidade. Referencia da música tradicional galega, foi integrante de formacións históricas como Raparigos, Os Cempés ou Berros do Castro. 

Posteriormente formouse como construtor de instrumentos musicais da man de Seivane e montou o seu obradoiro en Ferrol Vello, que pronto se convertiu en lugar de visita obrigada para gaiteiros de todas as latitudes. 

En 2017 Antón Varela publicou, coa colaboración de Carlos Beceiro, un disco en solitario titulado ‘Catálogo de Sons’, no que interpreta coas gaitas que el mesmo construíu as súas pezas favoritas e as súas composicións máis coñecidas. 

Temas: GAITAS MúSICA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta