Temas: FOLGA XUSTIZA

O alcalde de Lalín responsabiliza a Feijóo do caos na xustiza e ínstaa a negociar cos sindicatos

Cuíña afirma que o seu goberno respalda “rotundamente” as reivindicacións dos traballadores e faise eco da preocupación dos veciños e das empresas, que manteñen en suspenso trámites básicos e que lles afectan ao día a día.

Por Galicia Confidencial | Lalín | 04/03/2018 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Aos funcionarios e sindicatos de xustiza saíulles un novo aliado. Ás mostras de apoio recibidas por alcaldes como Martiño Noriega e Xulio Ferreiro, das mareas ou de Vigo, Abel Caballero, así como do PSdeG, En Marea e o BNG, súmase tamén agora o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña.

Feijóo e Rafael Cuíña na Festa do Cocido de Lalín
Feijóo e Rafael Cuíña na Festa do Cocido de Lalín

O rexedor amosou este sábado a súa fonda preocupación pola folga dos funcionarios da administración de xustiza, que se prolonga case un mes. Nos últimos días o rexedor recibiu numerosas queixas de veciños e veciñas de Lalín que se dirixiron a el facéndolle chegar a súa intranquilidade ante a imposibilidade de resolver algúns trámites debido ao paro provocado por unha folga á que Cuíña mostrou o seu apoio rotundo.

“Dende o Goberno local respaldamos sen fisuras as reivindicacións dos traballadores da xustiza, porque as consideramos absolutamente xustas e, polo tanto, esixímoslle á Xunta que se sente a negociar inmediatamente ante o colapso que están sufrindo os rexistros, os xulgados e multitude de administracións, afectándolles gravemente a centos de persoas ou de empresas”, dixo.

Neste sentido, responsabilizou á Xunta de “mala praxe” por non buscar unha saída a unha folga que “está afectando inmensamente a intereses económicos e ao día a día, da cidadanía que nin sequera pode retirar un certificado de defunción ou tramitar outro tipo de cuestións absolutamente básicas”.

O alcalde afirma que Xunta de Galicia non está ficando á altura das circunstancias na xestión dunha folga con seguimento maioritario. “A Xunta de Feijóo” -prosegue- “ten que deixar a un lado o seu orgullo e solucionar  esta situación que, insistimos, está afectando de maneira inmensamente grave á cidadanía”, suliñou.

Temas: FOLGA XUSTIZA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta