Cinco detidos en Vigo por obrigar a mulleres a prostituirse

Empregaban cartas de invitación para introducir no país ás vítimas, ás que captaban en América Latina con falsas promesas

Por E.P. | Vigo | 08/03/2018 | Actualizada ás 15:26

Comparte esta noticia

A Policía Nacional detivo en Vigo a cinco persoas acusadas de introducir de forma irregular en España a mulleres estranxeiras. Unha vez no país obrigábanas a exercer a prostitución para pagar os gastos da súa chegada a Europa. Segundo informou este xoves a Comisaría de Vigo, os arrestados, tres homes e dúas mulleres, enfróntanse a varios delitos relativos á trata de seres humanos con fins de explotación sexual.

Patrulla  policial
Patrulla policial

O grupo captaba as vítimas en América Latina coa promesa de facilitarlles o seu traslado a Europa, onde poderían traballar e mellorar a súa situación económica. Cando eran convencidas, os implicados empregaban cartas de invitación para que puidesen entrar en España, onde eran recollidas e obrigadas a exercer a prostitución en diferentes locais de alterne para "aboar a débeda que contraeran coa organización".

Se se negaban, as mulleres "eran sometidas tanto a violencia física como psíquica" por parte dos integrantes da rede, que mesmo ameazaban con danar aos familiares das vítimas que permanecían no seu país.

INVESTIGACIÓN

A investigación arrincou a comezos deste ano. Funcionarios da Brigada de Estranxeiría e Fronteiras da Comisaría de Vigo descubriron que podía haber mulleres coaccionadas para exercer a prostitución en locais de alterne do sur de Galicia. Deste xeito, a Policía Nacional articulou un seguimento aos encargados dos establecementos sospeitosos. Así puideron constatar que as mulleres que alí traballaban eran sometidas "a un férreo control".

Así mesmo, os investigadores descobren que a organización contaba con ligazóns en diversos países de América Latina, onde se realizaban tarefas de "captación" de mulleres ás que se ofrecía "unha visión idílica sobre as posibilidades de traballo e condicións económicas de Europa".

'OPERACIÓN ANDRÓMENA"

Así as cousas, unha vez identificados os diferentes membros da rede e definida a súa función nela, a Comisaría de Vigo puxo en marcha a 'Operación Andrómeda'. Isto derivou no rexistro coordinado dos locais sospeitosos e a detención dos seus responsables.

Os arrestados, que contan con antecedentes penais, foron trasladados o pasado xoves a dependencias policiais, onde prestaron declaración antes de quedar a disposición do Xulgado de Instrución número 5 de Vigo. Segundo informa a Policía Nacional, a investigación non está pechada, polo que non se descarta que se produzan novas detencións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta