Novo desbordamento contaminante dunha balsa da mina de Touro

Imaxes tomadas pola asociación Aldea Viva mostran a "formación de abundantes escumas e unha "secrección leitosa

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 12/03/2018 | Actualizada ás 10:20

Comparte esta noticia

As fortes chuvias destes días, pola borrasca 'Félix', causaron un novo desbordamento da balsa mineira situada na corta de Bama, a uns 50 metros de elevación e a uns 100 metros de distancia do río Brandelos, provocando a "formación de abundantes escumas e unha secrección leitosa que atravesa sen problemas as insólitas medidas correctoras propostas, consistentes nunha elemental barreira de xeotextil", denuncia a asociación Aldea Viva.

Contaminación tralo desbordamento dunha balsa da mina de Touro
Contaminación tralo desbordamento dunha balsa da mina de Touro | Fonte: Aldea Viva.

Non é a primeira vez que se produce un desbordamento da balsa mineira nin que se denuncia, o cal "evidencia a ineficiencia das actuacións tanto dos responsables da Consellería de Medio Ambiente como da empresa pública de Augas de Galicia", organismos que, recorda Aldea Viva, xa foran advertidos destes eventos, que "forman parte da grave problemática ambiental que atravesan as canles fluviais na zona de Touro pola falta de control sobre as antigas labores mineiras", expoñen. 

En febreiro, En Marea e PSdG apoiaron a Aldea Viva para levar ao Parlamento galego os requerimentos da asociación ao respecto. Ambas forzas políticas presentaron, ademais, senllas preguntas para a súa resposta oral no pleno e nas comisións sexta e segunda ante a situación de incumprimento permanente da lexislación autonómica e estatal e das directivas europeas 200/60/CE, 2006/21/CE e 2004/35/CE.

Aldea Viva recorda que "a situación actual que atravesan esta e outras balsas da mina de Touro é totalmente incompatible coa Directiva Marco da Auga (2000/60/CE), establecida para deter o deterioro do estado das masas da auga en todo o ámbito da Unión Europea e conseguir un bo estado dos recursos hídricos".

Contaminación tralo desbordamento dunha balsa da mina de Touro
Contaminación tralo desbordamento dunha balsa da mina de Touro | Fonte: Aldea Viva.

De igual maneira, a asociación apunta que "tampouco é compatible coa Directiva Europea 2006/21/CE, sobre a xestión dos residuos das industrias extractivas, que esixe establecer requisitos mínimos para previr ou reducir na medida do posible calquera efecto adverso sobre o medio ambiente e a saúde humana derivado da xestión de residuos das industrias extractivas".

Na mesma liña, mencionan a Directiva 2004/35/CE, sobre responsabilidade medioambiental en relación coa prevención e reparación de danos medioambientais, a cal indica que "a falta de acción" sobre as paraxes contaminadas "pode acarrear un incremento da contaminación" e que "a perda de biodiversidade sexa aínda maior no futuro". 

Debido a este caso, a Asociación Aldea Viva vén de "ampliar denuncia ante os organismos competentes para que leven a cabo as medidas que correspondan e procedan a subsanar esta grave problemática ambiental".

Contaminación tralo desbordamento dunha balsa da mina de Touro
Contaminación tralo desbordamento dunha balsa da mina de Touro | Fonte: Aldea Viva.
Contaminación tralo desbordamento dunha balsa da mina de Touro
Contaminación tralo desbordamento dunha balsa da mina de Touro | Fonte: Aldea Viva.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta