Temas: RAG MATEMáTICAS

O Dicionario da Real Academia Galega actualízase en matemáticas

Expertos das tres universidades galegas, do Instituto Galego de Estatística e do ensino medio colaboraron nesta tarefa.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 12/03/2018 | Actualizada ás 17:05

Comparte esta noticia

Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega vén de revisar e actualizar os termos matemáticos do dicionario desta institución, un labor que acaba de concluír grazas á colaboración de dez expertos das tres universidades galegas, o Instituto Galego de Estatística e o ensino medio. O traballo concrétase en 168 termos, dos cales parte deles son entradas novas, outro grupo son conceptos matemáticos que se incorporan con acepción propia a entrada de termos que xa figuraban no Dicionario e tamén se reelaboran definicións e exemplos. Todas estas achegas poden consultarse xa na versión en liña do Dicionario da Real Academia Galega.

Presetanción da actualización de termos matemátivos no Dicionario da Real Academia Galega
Presetanción da actualización de termos matemátivos no Dicionario da Real Academia Galega | Fonte: RAG.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o coordinador do Seminario de Lexicografía, Manuel González, presentaron este luns este traballo xunto a María Victoria Otero Espinar e Xosé Mª Masa, profesora de Análise Matemática e catedrático de Xeometría e Topoloxía da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela (USC), e Carlos Luís Iglesias Patiño, estatístico do Instituto Galego de Estatística. Os tres son parte do equipo que elaborou o informe sobre o léxico matemático do Dicionario, un grupo que completan Xusto Rodríguez, técnico do Servizo de Normalización Lingüística da USC, e Celso Rodríguez, profesor de Álxebra da mesma institución; Iván Area Carracedo, profesor de Matemática Aplicada da Universidade de Vigo; Miguel Brozos Vázquez e Andrés Prieto Aneiros, profesores do Departamento de Matemáticas da Universidade da Coruña; Cibrán Arxibai Queiruga, profesor da mesma disciplina no IES Pintor Colmeiro de Silleda; e Sandra Sambade Nieto, docente no IES Monte da Vila do Grove.

O presidente da RAG recordou que a comunidade matemática é desde hai décadas "especialmente sensible á incorporación da lingua á modernidade" e agradeceu o labor das persoas que revisaron o Dicionario da Academia desde esta disciplina. "É un traballo de moita dedicación e moita xenerosidade, feito por amor á lingua e polo compromiso que significa o avance e a modernización do país", expresou Víctor F. Freixanes.

O responsable do Seminario de Lexicografía agradeceu tamén o "altruísmo" co que este traballo foi feito e gabou a "solidez" das achegas. "Espero que isto sexa o inicio dunha colaboración que continúe no futuro", engadiu Manuel González, que lembrou que "para a elaboración do léxico especializado é totalmente imprescindible a colaboración de lingüistas e de especialistas en cada área".

María Victoria Otero Espinar recordou que a idea de revisar o léxico matemático do Dicionario xurdiu nunhas xornadas de lingua e matemáticas celebradas na Facultade de Matemáticas da USC en 2013, unha das iniciativas postas en marcha pola comisión de normalización lingüística deste centro. A partir de aí, constituiuse un grupo de traballo "moi motivado", con especialistas de distintos eidos comprometidos co emprego da lingua galega no ensino, na investigación e nos usos profesionais. E convencidos tamén da importancia do Dicionario como ferramenta tanto para as persoas expertas na materia como para o conxunto da sociedade.

"Pensamos que se a información proporcionada polo Dicionario da RAG da terminoloxía matemática é clara e accesible, e é fiel ao concepto matemático que se describa, sen caer en simplificacións ou xeneralidades que provoquen erros, axudará a derribar a barreira que dificulta a transmisión de coñecemento a determinados sectores da sociedade que non están especializados", salientou.

Carlos Luís Iglesias Patiño lembrou na mesma liña o compromiso do IGE coa normalización do idioma a través de profesionais como Antonio Alonso e Xenaro García Suárez, quen "sementaron en min a inquedanza de facer algo pola normalización lingüística", asegurou.

O estatístico puxo ademais o acento na interdisciplinariedade do grupo que mellorou o léxico matemático do Dicionario porque, se ben nove dos dez membros son do eido matemático, a coordinación asumiuna o lingüista Xusto Rodríguez. "El facilitou o establecemento duns criterios razoables e chegar a un consenso", engadiu Xosé Mª Masa. O catedrático agradeceulle ademais á RAG a acollida da iniciativa: "Contar co apoio dunha institución como a Academia, á parte da corrección lingüística que buscabamos, tamén ten o aspecto importante da autoridade".

NOVAS ENTRADAS

Entre as novas entradas do Dicionario propostas figuran palabras como «grafo», «hexadecimal» ou «óvalo». No apartado das novas acepcións en entradas incorpóranse conceptos matemáticos de vocábulos como «interpolar», «moda», «mediana», «congruencia», «regresión» ou «transitivo»; e expresións como «desvío de padrón» na palabra «desvío» e «número alxébrico» número pi ou número abstracto na entrada de «número».

Outra nova entrada é «polinomial», para referirse ao relativo ou pertencente a un polinomio. A forma segue a solución máis habitual na maioría das linguas, e tamén a que ten máis razón de ser desde o punto de vista histórico e etimolóxico. Con todo, mantense, se ben como forma menos recomendable, o adxectivo «polinómico».

A RAG salienta que "aínda que dentro dun dicionario xeral da lingua como o da RAG non entra todo o vocabulario de especialidade, cómpre incorporar o léxico deste tipo que hoxe é coñecido por unha parte importante da sociedade (sobre todo a nivel escolar), e tamén o que chega á lingua da man dos avances da ciencia".

Con este propósito, concluíu Manuel González, alén do traballo realizado no eido matemático, a Academia avanza na revisión e actualización dos termos doutras áreas. O ano pasado revisáronse os termos de astronomía da man de membros da Agrupación Astronómica Ío e especialistas da USC e nestes momentos estanse revisando tamén os correspondentes á física con profesionais da Facultade de Física da mesma universidade.

Temas: RAG MATEMáTICAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Fistrus

Torturarán a nuestros hijitos con "catro ao caldeiro" y "números curmans". Yo les seguiré diciendo hejadecimal y no "hexadecimal", que es un invento de los apesebrados cobradores de dinero público. Y ya no digamos de "interpolar" en lugar de interpollar que es lo que se dijo aquí toda la vida.

1 cuadraturadelcirculo

Calla, calla que esto es como el circo: https://www.lavozdegalicia.es/notic... me esmendrello con los payasitos castellanoescribientes....jaaaaaaaaaaaa. Si quieres diversion mira circo de artesanos de la coru en google y a gozaaaar.