Temas: VIñO VALDEORRAS

Godellos e Mencías de Valdeorras á conquista do mercado alemán

O Consello Regulador estará presente na prestixiosa feira alemá de 'Prowein' e contará cunha ducia de adegas da comarca. O presidente, García Pando, confía en que a presenza neste foro contribúa a reforzar o posicionamento da marca Valdeorras.

Por X.M. Fernández | Vilamartín de Valdeorras | 16/03/2018 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

Diversas marcas de viño valdeorresas procedentes de 12 adegas da comarca daranse a coñecer no espazo expositor que o Consello Regulador ten adxudicado no Pavillón España, no marco do prestixioso foro especializado Prowein 2018, que dará comezo este domingo. O vicepresidente do organismo, Marcos Prada, desprazarase ata Düsseldorf para participar nesta feira xunto a membros do equipo técnico da denominación de orixe.

Pleno do Consello Regulador .
Pleno do Consello Regulador .

En Prowein 2018, exhibiranse máis de vinte referencias de brancos e tintos da comarca, principalmente godellos e mencías. Trátase de viños pertencentes ás adegas A Coroa, Melillas e Fillos, D´Berna, O Casal, Godeval, Roandi, Joaquín Rebolledo, Rafael Palacios, Quinta da Peza, Alán de Val e as cooperativas Virxe das Viñas e Jesús Nazareno.

Un bo escaparate para abrir mercado

O presidente do Consello Regulador amósase satisfeito coa representación dos viños valdeorreses en Prowein e alude ao “potencial escaparate” que supón a feira alemá: “trátase dunha das citas máis importantes do sector, xa non só en Europa senón en todo o mundo, con máis de 6.000 expositores de ata 300 rexións vitivinícolas diferentes”.

García Pando confía en que Prowein contribúa “a reforzar o posicionamento da marca Valdeorras” e que permita “achegar os nosos viños a novos nichos de mercado”. “O ano pasado, máis de 55.000 persoas visitaron este salón especializado, moitas delas profesionais ligadas ao eido do viño como restauradores ou distribuidores”, abondou.

Vendima en Valdeorras.
Vendima en Valdeorras.

Ademais, “son tamén moitos os xornalistas especializados que visitan este foro” – continuou García Pando- e “a nosa participación axudará a continuar afianzando a presenza mediática dos nosos viños”. “Unha presenza que –tal e como lembrou o presidente do Consello Regulador- se incrementou sensiblemente ao longo do ano 2017, segundo revelan os datos dun informe elaborado por unha consultora especializada en viño, que vén de ser divulgado recentemente”.

Orzamento e estratexias para o 2018

Esta mesma semana o Pleno do Consello Regulador daba luz verde á liquidación de contas e á memoria de actividades do 2017 aprobando así mesmo un orzamento de 550.000 euros para o novo exercicio.  O presidente do Consello sinalou que as accións de promoción centrarán gran parte desta partida económica. O obxectivo principal é que os viños valdeorreses conquisten novos espazos nos mercados, galego, nacional e internacional; coa visita a Alemaña comeza, pois, este traballo de promoción exterior e posicionamento en mercados internacionais.

Temas: VIñO VALDEORRAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 GalegON

Que bo está o Godello de Valdeorras.