Temas: CíES VIGO TURISMO

Querela contra tres navieiras que trasladaron a Cíes 11.700 persoas máis das permitidas en só tres días

A Xunta confía en que o novo sistema de reservas impida que se repita a "fraude".

Por E.P. | VIGO | 16/03/2018 | Actualizada ás 17:52

Comparte esta noticia

A Fiscalía de Vigo interpuxo querela contra os responsables de tres navieras —Mar de Ons, Nabia e Tours Rías Baixas— ás que atribúe os supostos delitos de falsidade en documento mercantil e estafa, pola sobrevenda de billetes ás Illas Cíes nos días 3,5 e 19 de agosto do ano pasado.

Colas de reclamaciones por la sobreventa de billetes para las Islas Cíes
Colas de reclamaciones por la sobreventa de billetes para las Islas Cíes | Fonte: Europa Press

Segundo o escrito do Ministerio público, aínda que o cupo de visitas ao arquipélago (que forma parte do Parque Natural das Illas Atlánticas) é de 2.000 persoas ao día e a emisión de billetes se fai a través dunha aplicación da Xunta, as navieras emitían pasaxes de forma fraudulenta, moi por enriba do límite permitido.

Así, entre as irregularidades detectadas, hai billetes cos códigos QR duplicados ou cos números de identificación alterados. Segundo sinalou a Fiscalía, as navieras anulaban reservabas para 'liberar' eses billetes e poder vendelos outra vez, de maneira que había viaxeiros con pasaxes válidas e outros cuxos códigos non estaban autorizados.

Ademais, o Ministerio público sostén que os argumentos esgrimidos polas empresas, que atribúen as irregularidades a fallos do sistema informático de reservas, non son válidos, dada a "inxente" cantidade de billetes irregulares.

A este respecto, a Fiscalía cifrou en máis de 11.700 os pasaxeiros que, por enriba da cota permitida, foron trasladados por estas navieras a Cíes os días 3, 5 e 19 de agosto de 2017.

AVAL Á ACTUACIÓN DA XUNTA

Con respecto á querela da Fiscalía, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, sinalou que "vén a validar" a decisión da Administración autonómica de tomar medidas contra as navieiras (que foron sancionadas con multas que suman máis de 900.000 euros), ante a suposta sobrevenda e falsificación de billetes, en canto se tivo "constancia" dos feitos.

Mato lembrou que a Xunta, que foi o organismo que presentou a denuncia ante o Ministerio público, non só avaliou a "reincidencia" das navieras na venda irregular de pasaxes, senón tamén o risco, "que pode ir máis aló do medio ambiental, porque se trata dun tráfico de pasaxeiros desde distintos puntos da ría ás illas, e podería ser perigoso".

A conselleira sinalou que, a pesar dos "contratempos" ocasionados aos turistas que queden sen viaxar a Cíes, o Goberno galego ten "claro" que "non se pode permitir ese atentado" contra unha contorna que é "un dos grandes baluartes" do patrimonio natural galego. Ademais, incidiu en que a boa xestión das visitas e a protección terán efectos positivos na economía de Vigo e a súa área.

NOVO SISTEMA

Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, tamén se referiu este venres a esta actuación da Fiscalía, e lembrou que as dilixencias se iniciaron a instancias dunha denuncia interposta, en setembro de 2017, polos servizos xurídicos do goberno autonómico, achegando "documentación" e "un relatorio de feitos".

O vicepresidente recalcou que, tal e como se comprometeu, a Xunta puxo en marcha un novo sistema "para tentar que esta fraude non se volva a repetir", e que obriga á obtención dunha autorización previa á compra do billete para ir a Cíes. "Agora o novo sistema empezará con motivo da Semana Santa. Está deseñado para que estes feitos non se volvan producir. Esta é a idea, e esperamos que así sexa", engadiu.

No entanto, precisou que, se volven detectar irregularidades, "a Xunta volvería actuar como actuou no mes de setembro, pondo os feitos en coñecemento da Fiscalía". "Pero esperamos que, con este novo sistema, lle sexa imposible, a quen o tivese previsto, que espero que non haxa ninguén, cometer eses actos que agora está a investigar a Fiscalía", aseverou.

Temas: CíES VIGO TURISMO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta