Galicia, depósito de alcatrán canceríxeno

Os depósitos de asfaltos traídos desde os Países Baixos no 2009 foron retirados das estradas dese país por estaren aglomerados con alcatrán de hulla, un elemento con alto risco para a saúde. Este aglutinante mesturado co grixo ou grava, foi utilizado durante décadas na construcción de firmes en vías de comunicación.

Por Moncho Mariño | Santiago | 16/03/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A comezos de mes, Galicia Confidencial daba conta do amontoamento de máis de 130 mil toneladas de residuos asfálticos en Vilar do Colo, parroquia de Laraxe, concello de Cabanas. O material fora depositado pola empresa Manmer SL sen control medioambiental. Unha sentenza obrigaba á empresa a retirar este material, pero aínda está alí. O titular da noticia preguntábase cal era o segredo que podía gardar todo ese material.

Foto dos depósitos de asfálticos en Vilar do Colo, Cabanas
Foto dos depósitos de asfálticos en Vilar do Colo, Cabanas

Á parte das manobras comerciais para traelo a Galicia desde Amsterdam, de ser utilizado na creación de firmes para viais de comunicación e de rebentar os prezos dos áridos para as obras, á parte de todo iso, o grave problema é que dito material non pasou polas debidas medidas de seguridade. Esas medidas contemplaban a súa calcinación para eliminar o alcaltrán e así poder ser comercializada só a grava. Pero tal operación non se fixo e en varios lugares da xeografía galega repousa agora ese material traído en circunstancias nada claras.

O problema reside na substancia que non se eliminou previamente antes de chegar a Galicia. Esa substancia é o alcatrán, pero dito alcatrán é o sacado da hulla, unha variedade de carbón. O caso é que a substancia empregada na creación de asfaltos non é propiamente o alcatrán de hulla, senón o residuo procedente da destilación previa. Así pois, a materia usada nos firmes das estradas neerlandesas e noutros países do norte de Europa é un residuo dun proceso químico.

DESCRICIÓN

O material que abordamos daba excelentes resultados en diversas aplicacións. Unha delas, por incrible que pareza, é a de xabón para combater a psoriase e os eccemas da pel. Outras aplicacións son a de crear recebos alcatranados para aillar construccións, pois evita a corrosión sobre todo en edificacións onde se aplica sobre teitos. É moi resistente á auga salgada, quizais por isto fose empregado nos Países Baixos durante tempo para que as estradas non se visen deterioradas nun espazo de tempo relativamente curto.

Asfálticos depositados en Cabanas
Asfálticos depositados en Cabanas

Unha das características do alcatrán de hulla é que contén HAPs, Hidrocarburos Aromáticos Policíclicos. Estes compostos químicos están formados por aneis unidos de benceno. O benceno é un hidrocarburo con forma de anel, chamado anel bencénico ou aromático porque tén un cheiro particilar. A base fundamental da súa composicións son o carbono e o hidróxeno, por iso se chaman hidrocarburos. O cheiro característico mencionado fai que todos os derivados dos aneis bencénicos se denominen “aromáticos”. E o termo “policíclicos” vén da súa composición mediante varios aneis.

CONSECUENCIAS OU DERIVADAS DO SEU USO

A eliminación deste alcatrán de hulla do asfalto depositado en Vilar do Colo debería terse feito mediante o proceso de pirólese, ou queimar o elemento que se quere eliminar. O país europeo que mellor sabe tratar isto son precisamente os Países Baixos. A cuestión é que outros países como Suíza non comezaron a retirar este tipo de substancias das estradas ata 2012. Como no país alpino non había maneira de reciclar os asfaltos, onde foron levalos? Xusto, Países Baixos.

Uns anos antes Alemaña comezara a retirar os seus firmes con alcatrán de hulla, pero en xeral, os membros da Unión Europea deixaron ver hai décadas, cando se comezou a falar dos riscos da substancia que tratamos neste artigo, que a retirada sería custosa, as leis nacionais protexían o seu uso e ademais as análises tamén precisarían de orzamentos elevados. O caso é que na revista suíza Zeit nun artigo publicado en 2012, dise que a lexislación sobre esta materia é laxa, mesmo ás veces as análises baséanse en controis visuais e de olfato.

Nun informe elaborado para a avaliación dos riscos laborais dos HAP, que xa dixemos forman parte do alcatrán de hulla, dise que no aire están mesturados con outras moléculas. Na auga e no chan poden estar durante meses ou máis tempo ata que se degradan, segundo o informe, mediante a acción de microorganismos. O informe destaca que os HAPs poden ter unha presenza máis elevada en persoas e resto de seres vivos, concentrándose nas zonas adiposas ou gaxentas. Os HAPs poden estar no alcatrán do tabaco por exemplo.

As consecuencias medioambientais segundo o informe mencionado, non parecen ter grandes riscos. Pero segundo o Centro Internacional de Investigacións para o Cancro, os preparados que conteñan máis dun 5% de concentración de alcatrán de hulla son canceríxenos de tipo 1. É dicir, son potencialmente canceríxenos para as persoas. Os informes elaborados pola Asociación de Áridos de Galicia (ARIGAL) coa colaboración da USC, indicaban unha concentración de betume (ou bituminosos, nome tamén dado ao alcatrán) de entre o 4,5% e o 6%. É dicir, estaría representando un risco para a saúde. Isto confirmouse na sentenza 00212/2017 do dous de outubro de 2017 que condenaba á empresa importadora Manmer SL, a retirar os restos asfálticos en Vilar do Colo. A sentenza di “o pretendido ARA (aglomerado de reciclado asfáltico) non foi sometido ao procesode valorización medioambental descrito e contiña Hidrocarburos Aromáticos Policíclicos (PAH), algúns deles canceríxenos (benzeno e  pireno) e outros probablemente canceríxenos (dibenceno ou antraceno) de maneira que o seu uso podería causar un grave dano ao medio ambiente e mesmo á saúde humana por ser posible a súa transmisión á cadea alimentaria”.

Os restos seguen alí, producindo lixiviados, é dicir, a descomposición do alcatrán ao contacto coa auga de chuvia. Estes lixiviados van parar ao río Baa, aos acuíferos, ao chan e de aí poden ir á cadea alimentaria. Como? Ben pois á ría de Ferrol, ao seu peixe, ao seu marisco e ao final ás persoas. Se se fai unha operación de aritmética simple, multiplicar o tanto por cento de concentración de alcatrán (4,5 e 6%), considerando que esa concentración se dea por tonelada, multiplicar as 135 mil toneladas polas correspondentes porcentaxes, dá un número moi elevado de alcatrán de hulla.  As consecuencias medioambientais e riscos para a saúde das persoas son moi altas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta