O Estado recadou 131 millóns de euros por multas da Lei Mordaza en ano e medio

Chaman á mobilización polo recorte de liberdades, con numerosas persoas sancionadas "e outras en prisión por dar a súa opinión". O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos condenou xa a España por sancionar a dúas persoas que queimaron fotos do rei.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 19/03/2018 | Actualizada ás 08:35

Comparte esta noticia

A Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá, coñecida como Lei Mordaza fixo xa tres anos sen que, ata o momento, se teñan realizado cambios sustanciais a pesar de que hai maioría no Congreso para facelo. De feito, esta cámara aprobou en novembro de 2016 e xaneiro de 2017 dúas propostas de reforma da Lei Mordaza, pero desde entón, pasou xa máis dun ano e o proceso parlamentario atópase practicamente paralizado ou avanzando a un ritmo extremadamente lento.

esposa, detido, detención, liberdade de espresión, liberdade de expresión, censura,
esposa, detido, detención, liberdade de espresión, liberdade de expresión, censura,

Segundo os últimos datos publicados polo propio Ministerio do Interior, en 18 meses o Estado recadou 131 millóns de euros coa Lei Mordaza. Das sancións por infraccións da lei de seguridade cidadá, un gran número son sancións a condutas por exercer os dereitos de reunión, expresión ou manifestación. Distintas entidades e colectivos sociais denuncian o "incremento de abusos policiais e da vulneración de dereitos" debido, en moitos casos, á discrecionalidade dos axentes nas súas actuacións polo poder de valoración que lles confire a Lei de Seguridade Cidadá. 

"Con iso, están a producirse situacións insólitas de persoas que son denunciadas por policías, non só no marco de mobilizacións cidadás senón en moitos outros ámbitos, por motivos tan absurdos como non tratarlles de vostede, criticar a extralimitación das súas funcións, comer pipas dun xeito que lles moleste, ou levar unha camiseta cunha lenda reivindicativa, por poñer algúns exemplos", denuncia o Colectivo pola Absolución de La Insurgencia.

MOBILIZACIÓNS

Por iso, este colectivo, xunto con outras entidades, que denunciaron no seu día "a arbitrariedade e falta de garantías" seguen reclamando modificacións e critican que os cambios propostos non ofrezan unha regulación garantista para o exercicio dos dereitos fundamentais. Neste sentido, chaman a mobilizarse nas rúas contra o que consideran un "retroceso" nas liberdadesde fundamentais recollidas na propia Constitución.

Queiman unha foto do rei e monarca de España, Felipe VI
Queiman unha foto do rei e monarca de España, Felipe VI

Ademais, critican que o Estado está a utilizar unha interpretación extensiva dalgúns artigos do Código Penal para reprimir as voces disidentes. E din que exemplo disto son as recentes condenas aos rapeiros Valtonyc, Pablo Hasel e os 12 de La Insurgencia (5 deles, de Vigo), así como os máis de 70 xuizos nas diferentes etapas da “operación araña” por expresar opinións en redes sociais. "Non esquezamos que xa están en prisión Alfredo Remírez e Julen Ibarrola, o primeiro por uns tuits e o segundo por unha pintada. E, en poucos días, o rapeiro Valtonyc ingresará tamén na cadea, por tres anos e medio, polas súas letras de rap, despois de que o Tribumal supremo confirmara a pena imposta pola Audiencia Nacional", apuntan nun comunicado.

"É o momento de saír ás rúas para mostrar o noso rexeitamento á Lei Mordaza e a todas as leis represivas, e presionar para que se garanta o libre exercicio dos dereitos humanos que son vulnerados por estas leis, tales como a liberdade de expresión, de reunión pacífica e de información, ou os dereitos dos migrantes e solicitantes de asilo que, ao amparo da lei de seguridade cidadá, son obxecto das devolucións  en quente", critican.

CONTRA A LIBERDADE DOS XORNALISTAS

Tamén din que son alarmantes os casos de xornalistas multados, o que coarta o dereito de liberdade de información. Lembran que a liberdade de información é unha peza básica e irrenunciable dos sistemas democráticos e, como tal, non pode ter máis límite que os establecidos nos convenios internacionais e na xurisprudencia que os desenvolve, en particular a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos de 1966 e o Convenio Europeo de Dereitos Humanos e Liberdades Fundamentais de 1950. "A Lei Mordaza é unha das armas utilizadas para frear a libre difusión de información, mesmo con sancións a xornalistas durante o exercicio da súa profesión", apuntan.

Ademais, destacan que a Lei Mordaza recolleu unha disposición adicional (a décima) co obxecto de legalizar as expulsións sumarias e colectivas de persoas migrantes e solicitantes de asilo, tamén chamadas “devolucións en quente”. O pasado 3 de outubro de 2017 o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos ratificou que son ilegais, condenando a España por levalas a cabo.

EUROPA ENMENDA A ESPAÑA

Con todo, estas prácticas comezan a ser postas en cuestión na UE. O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) ven de condenar a España por sancionar a dúas persoas que foran condenadas por un delito de inxurias contra a coroa. Di o TEDH que se vulnerou o seu dereito á liberdade de expresión. "Estamos convencidas de que algo parecido sucederá cos centos de casos de represión que estamos a vivir, e coa propia Lei de Seguridade Cidadá, cando en Estrasburgo se resolvan os recursos presentados e os que se presentarán. Pero, mentras, hai algunhas persoas en prisión, miles de multadas, e todo un país condenado a vivir baixo a ameaza da represión", din.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta