Temas: UME INCENDIOS

A UME négase a comparecer na comisión de incendios do Parlamento galego

O xefe da Unidade Militar de Emerxencias xustifica o seu rexeitamento en que a Cámara autonómica non se atopa no seu "ámbito competencial".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/03/2018 | Actualizada ás 18:57

Comparte esta noticia

A Unidade Militar de Emerxencias (UME) negouse a enviar un comparecente á comisión de estudo de incendios do Parlamento galego após ser convidada a participar. Nunha carta con data do 13 de marzo deste ano, o xefe da UME, o tenente xeneral Miguel Alcañiz Comas, responde ao presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices (PP), que agradece a súa invitación e mostra "o maior dos respectos" polo labor dos parlamentos autonómicos, pero xustifica que non se atopan no seu "ámbito competencial".

Comisión de incendios no Parlamento galego
Comisión de incendios no Parlamento galego | Fonte: Europa Press

"Por motivos obvios de ámbito competencial, e de dependencia e suxeción administrativa, lamento ter que declinar o ofrecemento", aduce na súa resposta de dous parágrafos o xefe deste corpo das Forzas Armadas —depende do Ministerio de Defensa—, que termina o seu escrito cun "forte abrazo" para Santalices.

Esta comisión de estudo creouse por mor dos incendios forestais de mediados de outubro en Galicia, que deixaron preto de 50.000 hectáreas queimadas e catro falecidos, co fin de alcanzar propostas de futuro no marco de políticas forestais e de loita contra o lume.

A este órgano parlamentario están convocados uns 65 comparecentes de administracións, universidades, sindicatos e diferentes organismos. Desde a primeira intervención do 30 de xaneiro xa pasaron decenas de expertos polo Pazo do Hórreo. A da UME é a primeira negativa dunha entidade a non participar na comisión.

De feito, dáse a circunstancia de que a petición de que comparecese un membro da Unidade Militar de Emerxencias foi realizada polo grupo maioritario do PPdeG na súa proposta de plan de traballo.

EN MAREA DENUNCIA QUE É "GRAVÍSIMO"

Na sesión da comisión deste luns, o deputado de En Marea Davide Rodríguez queixouse de que a UME rexeite participar nesta comisión.

Posteriormente, Rodríguez tachou de "gravísimo" que a UME non acceda a enviar a ninguén a comparecer á Cámara galega a pesar de colaborar nas tarefas contra o lume durante épocas de incendios en Galicia.

Así mesmo, o deputado de En Marea critica que a Xunta se vale de persoal da UME para "substituír" ás cuadrillas de vixilancia móbil de montes, que "está a recortar".

Temas: UME INCENDIOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta