Denuncian un gasto de 380.000 euros en nove coches de aluguer para o Hospital da Coruña

A Asociación de Médicos Interinos de Galicia denuncia a Contas a "desorbitada" licitación para o arrendamento sen opción de compra de nove vehículos tipo turismo con destino á Unidade de Hospitalización a Domicilio do CHUAC.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 21/03/2018 | Actualizada ás 13:10

Comparte esta noticia

A Asociación de Médicos Interinos de Galicia (ASMIG) púxose en contacto co conselleiro maior de Contas, José Antonio Redondo, para denunciar a presunta comisión dunha infracción contable no caso de que se concrete un contrato por valor de 379.080 euros para o aluguer de nove vehículos para o servizo HADO (hospitalización a domicilio) do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).

Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC)
Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) | Fonte: Nemigo en Wikipedia.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) publicou este martes no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da Xerencia de Xestión Integrada da Coruña, pola que se anuncia a licitación para o arrendamento sen opción de compra de nove vehículos tipo turismo con destino á Unidade de Hospitalización a Domicilio desta xerencia, durante dous anos.

ASMIG considera "un insulto aos traballadores da sanidade pública que o Sergas se permita o luxo de gastar semellante partida económica mentres se impón a médicos e enfermeiros unha diminución progresiva na seu xa escuálido poder adquisitivo".

A asociación subliña que o aluguer anual de cada coche supoñería un gasto de máis de 21.000 euros, "cando se pode comprobar facilmente que existen ofertas no mercado desde 580 euros ao mes (6.960 ao ano)", advirte.

Para os médicos interinos "non é fácil explicar semellante dislate, xa que con ese investimento se podería adquirir unha frota permanente en propiedade que prestaría servizo médico continuado e sen necesidade de proceder a realizar outro contrato dentro de dous anos".

ASMIG non entende por que o Sergas renuncia á opción de compra destes vehículos, "o cal resulta xa surrealista", nin tampouco por que "non se fai alusión ás características que deben reunir os vehículos escollidos nin o equipamento dispoñible", o cal "deixa á ou as empresas que opten ao negocio unha ampla marxe de manobra, sen que o Sergas impoña ningún tipo de condicións previas", censura esta asociación, que considera "desorbitado" este gasto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Tomé

Pois xa postos a ver se denunciases tamen o contrato das ambulancias, que tamen se lle está a pagar a unha empresa por 47 coches unha millonada, e despois o Sr. José A. Fraga Parafita pacta co empresario que solo traballen 23, pero pagar pagamos por 47. No solo con esto sale na prensa un tal Jorge Aboal decindo que está ingnadisimo polo tema das largas esperas dos pacientes na área de Urgencias polas ambulancias.... Increíble pero certo! En vez de indignarse tanto de cara a galería, faga que se obligue as empresas das subcontratas a cumplir cos contratos e se poñan todos os recursos que para algo os pagamos. O que pasa que facendo eso igual despois se acaban as donacions para as campañas electorales...