Un documental para lembrar os obreiros asasinados pola policía franquista o 10 de marzo de 1972 en Ferrol

Roi Cagiao, realizador de 'Vigo 1972', dirixirá agora un novo filme sobre a represión da Policía Armada na Cidade Departamental.

Por Galicia Confidencial | Ferrol | 22/03/2018 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

A produtora Arthur Gordon inicia estes días a produción dunha longametraxe documental que abordará os feitos do 10 de marzo do 72 en Ferrol: a tráxica morte dos traballadores Amador Rey e Daniel Niebla baixo os disparos da Policía Armada cando se dirixían en manifestación, xunto con preto de 4.000 traballadores do asteleiro Bazán, ao en contro dos seus compañeiros de Astano.

Manifestación obreira en Ferrol o 10 de marzo de 1972, na que Amador Rey e Daniel Niebla foron asasinados pola Policía franquista.
Manifestación obreira en Ferrol o 10 de marzo de 1972, na que Amador Rey e Daniel Niebla foron asasinados pola Policía franquista.

Emilio J. Fernández, xerente da produtora, explica que se trata dun "proxecto a dous anos vista que pode ser de gran impacto, ao referirse a uns feitos emblemáticos dentro do movemento sindical e antifranquista en Galicia".

Para a súa realización, os produtores aspiran a contar co "apoio tanto das administracións públicas como do tecido asociativo e social ferrolá e galego”, sinala Fernández.

A produtora Arthur Gordon concibiu este como "un proxecto orientado á exhibición nos
cines", sobre todo tras o éxito do documental 'Vigo 1972' nas salas (permaneceu sete semanas consecutivas en carteleira). Para Emilio J. Fernández, "demostrouse o interese e demanda por parte do espectador galego de obras audiovisuais centradas na nosa propia
historia e, concretamente, nas loitas colectivas a prol da consecución das libertades e dereitos sociais durante a ditadura". Por isto, engade: "Somos optimistas en relación á resposta ante este novo proxecto”.

Roi Cagiao que asumirá a dirección do novo filme tras dirixir 'Vigo 1972', non concibe o documental sobre o 10 de marzo coma "unha secuela máis ou menos oportunista".

"O proxecto da realización do mesmo foi simultáneo á do filme sobre a folga viguesa; a idea inicial fora dende o primeiro momento a realización dos dous filmes, que compuxesen dese xeito un díptico no que se recollesen os feitos que enmarcaron o ano 1972 como o cumio das mobilizacións antifranquistas no noso país”, explica o director.

A produtora prevé iniciar a rodaxe do novo filme (para o que afirman non ter decidido o título, aínda que a data 10 de marzo forme probablemente parte do mesmo ) a finais deste ano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta