É posible a conciliación nas empresas galegas?

Rematar o traballo antes das 18.00 horas. Ese é o obxectivo do Goberno de Mariano Rajoy. Unha medida que, curiosamente, levan aplicando algunhas empresas galegas desde hai tempo. Outras van xa máis alá e acaban de poñer en marcha melloras para os seus traballadores como subvencións por crianzas nacidas, días libres para acompañar á parella embarazada ou axudas para o coidado de nenos e maiores. Desafortunadamente, son unha minoría. A Xunta di que apoiou o pasado ano a preto de 150 pemes en Galicia para este tipo de políticas. No Día Internacional da Conciliación, GC entra no interior da Dinahosting.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/03/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Móvese nun dos sectores de futuro, o tecnolóxico, e é unha das grandes empresas de Galicia. Actualmente, ten máis de 130.000 clientes, máis de 240.000 dominios xestionados e máis de 4.000 servidores. E, aínda que poucos o saben, Dinahosting é desas marcas “made in Galicia” que é coma unha formiga; traballa, traballa e traballa polo país sen facer ruído e nigunha institución, tan acostumada ás medalliñas, lle recoñeza o traballo. Tampouco fai falla, nin botan de menos este tipo de xestos.

Bebé, recentemente nado
Bebé, recentemente nado

A empresa, con sede en Santiago de Compostela, leva dende o ano 2001 ofrecendo servizos de aloxamento web e rexistro de dominios. O seu sinal de identidade, din, "é o trato humano que brinda sempre aos seus clientes, os 365 días do ano" e, por suposto, sen importarlle a lingua na que o fan. Foi unha das primeiras, e das poucas, que desde Galicia non ten complexos en atender aos seus clientes en español, éuscaro, catalán, inglés e, por suposto, en galego.

Nela traballan arredor dun cento de persoas, de perfís profesionais moi diversos: Programación, Administración de Sistemas e Redes, Soporte Técnico…A maioría ten contratados indefinidos a idade media do seu cadro de persoal é de 33 anos. Un volume inxente de persoal e de traballo que xera, anualmente, 13 millóns de euros. 

PIONEIROS EN CONCILIACIÓN

Pero se algo destaca os seus e a súas traballadoras é que disfrutan co seu traballo porque teñen bastante liberdade horaria, ou iso din, sobre todo, uns departamentos máis que os outros. De feito, no Día Internacional da Conciliación a homenaxe deste ano vai para esta empresa na que dúas persoas teñen xa xornada reducida para conciliar. O resto, a gran maioría, disfruta de xornadas intensivas de mañá e flexibilidade de entrada e de saída. “Non é o meu caso, pero hai moitos compañeiros e compañeiras que teñen fillos pequenos, polo que lles vén moi ben saír ás 15.00 ou 16.00, así van por eles ao colexio ou á gardería”, comenta Lucía .

Traballadores na Dinahosting
Traballadores na Dinahosting | Fonte: dinahosting.com

E son pioneiros en Galicia porque agora que o estado debate sobre a conciliación e a racionalización de horarios para que a xornada laboral remate antes das 18 horas, Dinahosting xa o leva facendo desde hai anos.  Son concretamente cinco as persoas que escolleron estar nesta situación en beneficio da súa conciliación.Gran parte do seu equipo sae da oficina antes das 17 horas, a excepción do departamento de Soporte Técnico, que ten quendas rotativas. Unha situación, precisamente, que se resolveu tras un amago de folga o pasado ano neste departamento que criticaba que non se lle aplicara as mesmas medidas de conciliación que ao resto do seu persoal.

Dende a súa posta en marcha, Dinahosting fixo unha aposta firme en termos de conciliación laboral, familiar e persoal. Pilar Martínez, a súa responsable de Recursos Humanos, destaca dúas cuestións que hoxe en día considera fundamentais para conseguir este equilibrio; a xornada continua e a flexibilidade horaria.

FLEXIBILIDADE HORARIA

“Historicamente, na Dinahosting sempre tratamos de que a maioría das persoas gozasen dunha xornada intensiva. Se un departamento ten algunha quenda partida por necesidades organizativas, dámoslles a posibilidade de que roten con algún outro intensivo, para que tamén poidan aproveitala”, apunta. En canto á flexibilidade horaria, implantárona no 2016. “É especialmente útil para os que teñen que levar aos seus fillos ao colexio ou á gardería, así non veñen con présa”, salienta.

Esta flexibilidade nótase tanto no horario de entrada (entre as 07.00 horas e as 09.00 horas, a escoller) coma no intercambio de quendas. “Actualmente, case o 100% do equipo fai uso da xornada intensiva e da flexibilidade, saíndo da oficina entre as 15.00 horas e as 17.00 horas como moi tarde, en función da hora á que cheguen”, suliña Pilar. “Isto nos permite facer unha morea de cousas despois do traballo: ir ao ximnasio, estudar idiomas, quedar cos amigos… A nosa vida persoal e o noso tempo de ocio agradéceno”, engade Lucía, do departamento de Comunicación. 

INCENTIVOS Á NATALIDADE

A empresa veu incorporando outras medidas innovadoras en favor da conciliación. Por exemplo, Marcos Martínez, de Programación, lembra que acompañou á súa parella á realización de todas as ecografías durante o embarazo. “É un momento único que ningún pai debería perder”, salienta. Ademais, gozou dos 20 días naturais a maiores por baixa de paternidade aos que ten dereito.

“Agora o neno aínda é moi pequeno, pero dentro de nada a axuda para a gardería viranos moi ben”. Marcos refírese ao plus social de 100€ brutos en nómina por descendente que dinahosting concede aos pais e nais.

Silvia Téllez, de Administración, destaca que “contan cun seguro adicional de asistencia médica, con vantaxes no prezo para incluír aos  familiares directos”. En caso de que algún deles (pais, fillos, cónxuxe, parella de feito…) estea en situación de dependencia e se requira o seu ingreso nun centro especializado, na Dinahosting pode solicitarse un plus social de axuda para afrontar este custo.

“DISCRIMINACIÓN POSITIVA”

O caso é que para conciliar precísanse recursos para contratar unha persoa coidadora, para actividades extraescolares… Por iso, Pilar Martínez sinala que “en igualdade de condicións para o mesmo posto facemos discriminación positiva en favor da muller, algo que consideramos necesario nun sector no que a maioría dos candidatos son aínda homes”. Ademais, “moitos dos nosos cargos de responsabilidade están ocupados por mulleres, polo que nos atopamos cunha media salarial un 1,41% superior”. E por suposto, a igual posto igual salario. “As nosas categorías profesionais veñen fixadas por convenio, e aí non caben diferenzas entre homes e mulleres”, engade.

Detrás deste escenario emerxe unha nova cultura do traballo. Tal e como apuntan o departamento de Recursos Humanos. “Unha organización ten que adaptarse e evolucionar ao mesmo ritmo que o seu entorno, do contrario, está abocada ao fracaso. Se non tomamos en consideración ás persoas do noso equipo, dificilmente quererán seguir con nós. Por iso, a conciliación laboral, familiar e persoal non é só unha cuestión de responsabilidade social, senón tamén de competitividade empresarial”, suliña. 

E QUE FAI A XUNTA?

E fronte a esta situación que algúns cualifican de “envexable”, a Xunta lembra que tamén eles realizan determinados programas de conciliación. "A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia a pemes, micropemes e autónomos para a adopción de medidas de corresponsabilidade e de conciliación da vida familiar, persoal e laboral", apuntan desde este departamento en declaracións a GC.

Así, apuntan que un dos retos principais no que traballa a Administración autonómica é o fomento da conciliación da vida familiar, persoal e laboral no tecido produtivo galego, axudando ás pemes a implantar unha xestión baseada neste obxectivo. "A Xunta traballa, deste xeito, para seguir respondendo á nova realidade, poñendo a RSE no centro do modelo empresarial que se quere impulsar desde Galicia, garantindo a saúde e o benestar dos traballadores e a conciliación da vida familiar e laboral e unha xestión eficiente dos recursos enerxéticos; e procurando unha sociedade inclusiva que integre perfís diversos", engaden.

Deste xeito, a Xunta apoiou o pasado ano a preto de 150 pemes en Galicia para a implantación na súa xestión de políticas encamiñadas a favorecer a igualdade laboral e adoptar medidas de corresponsabilidade e de conciliación da vida familiar, persoal e laboral. Un total de 59 empresas e autónomos foron beneficiarios dos apoios para a implantación da RSE a través da obtención de certificacións de normas ou estándares en materia de RSE; 26 recibiron axudas para a implantación de plans de igualdade; e 64 contaron con incentivos para a conciliación da vida laboral, familiar e persoal (apoios para a adopción de acordos de teletraballo, de flexibilidade horaria ou para a adquisición de elementos tecnolóxicos que fomenten o teletraballo).

"Estas liñas de axudas volverán a convocarse este ano, ao que se suma un programa activo na actualidade (publicado no DOG o 26 de xaneiro) para o fomento e consolidación do emprego para as pequenas empresas de nova creación que inclúe un bono de 3.000 euros para apoiar a conciliación da vida familiar persoal e laboral", din desde esta consellería.

En concreto, esta iniciativa inclúe apoios para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras das empresas (autónomos societarios) co 75% do custo da escola infantil dos fillos menores de 3 anos. Ademais, a Xunta puxo en marcha o ano pasado por primeira vez unha axuda para facilitar a conciliación dos autónomos, que permite ampliar en 16 semanas a bonificación do Estado. Con esta axuda, a Administración autonómica financia durante 16 semanas a contratación do traballador que se atope cubrindo a baixa por maternidade ou paternidade do autónomo.

OUTRAS AXUDAS

Por outra banda, desde a Consellería de Política Social destacan o Programa de apoio á natalidade (PAN Galicia), “unha proposta global que persegue dar resposta ás necesidades das familias galegas, garantir o seu benestar e apoialas de maneira integral e continua”, din desde este departamento. O obxectivo das actuacións recollidas no PAN - Concilia é crear un ambiente social favorable no que non entren en conflito as responsabilidades paternas e/ou maternas de coidado dun ou dunha filla co acceso e permanencia no mercado de traballo.

Tamén salientan o papel das Casas Niño, destinadas a atención de nenos e nenas de entre 0 e 3 anos nos núcleos rurais do territorio galego nos que non exista ningún outro recurso de atención para este tramo de idade. Na actualidade están en funcionamento 29 Casas Niño e outras 17 solicitudes teñen xa outorgadas as axudas para poñelas en marcha.

Esta consellería tamén salienta a rede pública de escolas infantís de 0 a 3 anos, cuxa oferta para o vindeiro curso 2018-2019, di, “aumenta nun 5% con 484 novas prazas ata chegar ás 10.264 nos 172 centros da Galiña Azul”. E logo, engade, está a apertura de escolas infantís en contornas empresariais, a través dunha nova orde de convocatoria de subvencións. 

Finalmente, salienta o programa Bono Concilia, consistente nunha axuda destinada ás familias que non obtiveron praza en escolas sostidas con fondos públicos ou que residen en concellos onde non as hai e o Programa Bono Coidado, que é unha axuda económica variable en función da renda destinada a atención de nenos ou menores de 12 anos no seu propio domicilio. 

AXUDAS PARA A CONCILIACIÓN

Tamén a Vicepresidencia, a través da Secretaría Xeral de Igualdade, anuncia que en vindeiras datas aprobarase o I Plan de conciliación e corresponsabilidade, o primeiro dunha comunidade autónoma. Á parte disto, cada ano convócanse axudas aos concellos nas que unha liña subvencionable é a de programas de conciliación. Hai axudas á redución de xornada de homes para fomentar a corresponsabilidade. Desde a administración autonómica eumeran unha serie de medidas e pasos como a implantación da flexibilidade horaria e teletraballo na Administración autonómica; a aprobación do decreto que regula a formación en igualdade do persoal da Administración autonómica; as medidas tomadas no entorno educativo; a posta en marcha do Protocolo de coordinación e cooperación institucional fronte á violencia de xénero; a aprobación do Plan emprega en feminino ou o incremento das prazas de escolas infantís ou das prazas públicas destinadas á dependencia.

Tamén no Programa Emega de emprendemento feminino a Xunta inclúe a Liña Concilia, para que as mulleres poidan conciliar a súa capacidade emprendedora e empresarial co coidado dos seus fillos pequenos. Hai axudas para aqueles pais que se acollan a unha redución da súa xornada de traballo para coidar aos seus fillos pequenos, das que se beneficiaron 1.800 homes. No ámbito da Xunta existe o  teletraballo e flexibilidade horaria, da que se benefician en boa parte pais e nais que elixen ter un horario flexible que lles permite coidar aos seus fillos. E finalmente as axudas para as ANPAS para a realización de programas de actividades extraescolares e complementarias, facilitando unha vez máis a conciliación da vida familiar e laboral.

Algúns dos traballadores de Dinahosting
Algúns dos traballadores de Dinahosting | Fonte: dinahosting.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Conxugando demitir

Pois claro que pode ser posible, para iso temos que elixir deputadas e deputados que nos defendan. Pero que coherencia pode ter alguén que vén de afirmar isto: http://www.sermosgaliza.gal/articul...