O alcalde de Muxía pregunta á Xunta "por que fallaron os controis" da praga da pataca

Lamenta que os veciños están "desinformados e preocupados", mentres UU.AA. censura que Medio Rural non ofrece "ningún dato" ao sector

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/03/2018 | Actualizada ás 13:10

Comparte esta noticia

O alcalde de Muxía, Félix Porto (PSOE), tamén pide á Xunta que explique "como é posible que salte 140 quilómetros e apareza a un punto tan distante" como este municipio da Costa da Morte. "A preocupación é total e absoluta", así se expresa o rexedor de Muxía sobre como está a situación no municipio, despois de que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicase o luns a resolución pola que amplía as zonas infestadas pola praga da couza guatemalteca coa inclusión deste concello.

Praga da pataca
Praga da pataca | Fonte: Europa Press

Un dos puntos que lle parece "máis preocupante" é que esta alerta se produce porque "un veciño dá unha comunicación" e levan as patacas a "unha oficina de extensión agraria", pero "resulta que non se detecta por ningún dos controis da Xunta".

Respecto diso, lamenta que os veciños están "desinformados e preocupados", mentres apunta que a Xunta se puxo en contacto con el o sábado para darlle conta de que o luns se ía a publicar no DOG esta resolución, pero non sabe "nada máis". Félix Porto pide maior "transparencia". Porto tamén afirma que descoñecen cando se vai comezar coa retirada dos tubérculos plantados e almacenados, a "maioría de autoconsumo e poucos de comercialización", mentres "hai que ver como se vai compensar" aos veciños.

Esta noite técnicos de Medio Rural ofrecerán unha charla en Muxía na que espera que se aclaren as diversas dúbidas existente, porque non se sabe "de onde saen" nin "onde se adquiriron" nin "até onde chegaron" as patacas. "Ten que haber un nivel claro de precaución para que non se estenda", remarca.

CRÍTICAS POR FALTA DE DATOS AO SECTOR

O responsable de Agricultura de Unións Agrarias (UU.AA.), Xosé Ramón González, quéixase de que a Xunta non ofrece "ningún dato e ningunha información" ao sector. González demanda á Consellería de Medio Rural que "convoque e se reúna cos representantes do sector", xa que avisa de que a extensión desta praga "non é ningunha broma", á vez que reprocha a "pouca transparencia" do Executivo autonómico.

González tamén empraza á Xunta a crear un "plan estratéxico" para combater a praga da pataca porque a súa incidencia "pode ser catastrófica" se chega a zonas produtoras de Bergantiños como Coristanco. "O primeiro que pedimos é que expliquen cal é a situación", sostén Xosé Ramón González. Sinala que "non se sabe que medidas" ten previsto a Xunta e "é evidente" que as trampas que emprega a Consellería "non funcionan", a pesar de que "leven tempo dicindo que está controlada" a praga.

O ano pasado a Xunta creou a comisión técnica de seguimento da praga de pataca e no seu día as organizacións agrarias xa criticaron que non as convocase para formar parte dela. Esta comisión conta con representantes do Goberno galego, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), o Laboratorio Fitopatolóxico de Galicia e a IXP Pataca de Galicia. "Existe cero información", resume este representante de Unións Agrarias.

UN TOTAL DE 33 CONCELLOS

A lista de municipios afectados pola praga da pataca elévase deste xeito a 33 con Muxía, e establécese unha zona tampón nos concellos lindeiros de Camariñas, Vimianzo, Cee e Dumbría, nos que se instalarán trampas de feromona para a captura da polilla e levará o rexistro de compradores de pataca de sementa.

O anterior caso en sumarse á lista de municipios infestados foi o de Cariño e até a súa chegada a Muxía estaban localizadas nas zonas de Ferrolterra e A Mariña lucense, onde se levantaron todas as patacas en 2017 e existe prohibición de plantación durante dous anos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta