Temas: QUIROGA VIñO

Feira do Viño de Quiroga, escaparate turístico e cultural

A localidade lucense prepárase para os días grandes da exaltación dos seus viños coa presenza de sete colleiteiros, unha intensa actividade musical e outras alternativas para gozar da riqueza cultural e paisaxística da zona.

Por X.M. Fernández | Quiroga | 29/03/2018 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Os días 30 e 31 de marzo ten lugar este importante evento que congrega na vila quiroguesa a unha multitude de veciños e visitantes aproveitando as vacacións de Semana Santa. Na edición deste ano estarán presentes sete colleiteiros e no programa de actividades destaca o apartado musical, con moita música de rúa e o III Encontro Celtibérico de Bandas de Gaitas o sábado ás 12.00 da mañá na Praza España. A continuación farán un desfile pola Rúa Real. Este mesmo día a partir das 19.00 h. actuarán no Auditorio Municipal a Coral Polifónica de Quiroga, a Banda de gaitas San Martiño e os Grupos de danza San Martiño e Arume da Queiruga. Ao rematar entregaranse os premios do XV Certame “Cartas de Amor Vila de Quiroga”.

Pregón Feira do Viño de Quiroga 2017. Fonte: Concello de Quiroga
Pregón Feira do Viño de Quiroga 2017. Fonte: Concello de Quiroga

Xa pola noite, sobre as 20.30 h., pregón da xornalista viguesa de Telecinco Carlota Corredera no palco e acompañada das autoridades. Ao remate do mesmo farase a entrega dos premios do concurso de camisetas “Feira do Viño” ás propostas máis retranqueiras e creativas e xa pola noite verbena co Grupo Atenas.

Para o domingo 31 está previsto facer a entrega de trofeos aos colleiteiros no Museo Etnográfico ás 12.45 h. e música de rúa no recinto feiral a cargo do grupo de gaitas “Os do Recanto” e a charanga “Fuego”.

A antesala a unha fin de semana grande, de música, viño e troula será a XIV Carreira Popular “Feira do Viño” que comeza o venres 30 ás 17.00 h.

O Concello de Quiroga está ás portas do Courel e xunto cos concellos de Ribas de Sil e Folgoso do Courel impulsan a declaración de Xeoparque Mundial da Unesco para ver recoñecidas as súas especiais e incomparables características e valores naturais. A Feira do Viño, pois, ben pode servir de escusa para coñecer a contorna e incluso aproveitar tamén para visitar dous interesantes museos da vila, o xeolóxico e o etnográfico.

Postal de Quiroga
Postal de Quiroga

Como novidade deste ano resulta interesante destacar no apartado de promoción turística que Correos en colaboración co Concello de Quiroga sacou unha postal que recolle sete fotos de sitios emblemáticos do municipio e que non precisa selo para o seu envío por ter o franqueo pagado. O prezo é de 2 € e pódese adquirir nas librerías, museos e na oficina de turismo da Casa da Cultura.

Temas: QUIROGA VIñO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 GalegON

Pregoeir@ intelectual e do país como sempre.