Por Martín Vaz | Barcelona | 28/03/2018 | Actualizada ás 14:14
Dende que o pasado domingo detiveran na rexión alemana de Schleswig-Holstein ao expresidente da Generalitat, Carles Puigdemont, sucédense as protestas e concentracións convocadas polos chamados Comités de Defensa da República (CDR). Estes comités de veciños naceron para defender o referéndum do pasado 1 de outubro, e vense agora reformulados nesta nova etapa do 'procès'como a vanguardia da resposta independentista ao encarceramento dos seus parlamentarios.
O domingo pasado sucederon ao tempo diferentes concentracións en toda Cataluña, diante do cárcere de Neumünster onde está agora mesmo Puigdemont e tamén en Bruselas. A concentración que tivo lugar diante da Delegación do Goberno de Barcelona foi especialmente turbulenta, saldándose cun total de 90 feridos, dos cales 22 eran Mossos d'Esquadra.
O martes comezou con cortes nos accesos a Barcelona, na AP-7 á altura de Figueres, na estrada N-340 en Alcanar e na N-II en Hostalet de Llers, con grupos de persoas convocados polos CDR que interrumpiron a circulación durante unhas horas, ata a chegada dos antidisturbios da Brimo e a ARRO catalanas.
A partir das 6 da tarde comezou o cerco a estación de Sants en Barcelona, con arredor de 500 persoas rodeando o perímetro da terminal, previamente blindada por unha decena de furgóns policiais. Os manifestantes, convocados tamén polos diversos CDR dos barrios de Barcelona, marcharon pacíficamente durante un kilómetro dende a praza Campeiro ata a estación de Sants, onde comezaron a entoar cantos contra a violencia dos Mossos e o xa célebre 'prensa española, manipuladora'.
"TRATAMENTO INXUSTO" DO ESTADO
Na chegada á estación respirabase relativa tranquilidade. "Direiche o que vai pasar, daremos un par de voltas a estación e marcharemos para a casa'', dicialle un manifestante a outro. Álex, que leva dende a fin de semana asistindo ás concentracións, recalca o carácter pacífico desta concentración: "Viñemos protestar polo que consideramos que é un tratamento inxusto por parte do Goberno español, que se nega a dialogar cun pobo pacífico", comenta ao mesmo tempo que se desmarca dos altercados do pasado domingo.
Nun momento alguén lanza uns sobres de pintura sobre os antidisturbios que gardan a estación, quedando os uniformes tingidos dun polen amarelo que deu en representar gráficamente a chegada da 'primavera catalana', como se coñece nas redes sociais esta vaga de protestas encabezadas polos CDR.
Ao tempo, as proclamas van subindo de tono, e por enriba da masa de asistentes emerxe unha urna de plástico, certificado xa o seu estatus de icona pop. Por suposto, tamén esteladas, pancartas electorais e unha gralla (frauta de madeira folclórica) que se tradicionalmente marca o ritmo de ascenso dos 'castellers' agora guiaba os pasos dos manifestantes interpretando Els segadors, ou L'Estacade Lluís Llach. Os coreos independentistas só se vían alterados polas réplicas dalgún viandante contrario á protesta ou a presencia de televisións nacionais, percibidas como o mal.
"BAILE DE CADEIRAS" ENTRE OS DIRIXENTES
"Lamentablemente, os políticos catalans están sumidos nunha especie de limbo" comenta decepcionado Jordi, un membro do CDR de Sant Vicents dels Horts, o barrio barcelonés de Oriol Junqueras. "A xente está pedindo o restablecemento dun goberno lexítimo, e os dirixentes están facendo un 'baile de cadeiras', poñéndose uns no sitio dos outros, pero realmente non están chegando a ningunha conclusión", prosegue Jordi, que recoñece que o independentismo non soubo xestionar os acontecementos posteriores á proclamación da república.
Ao preguntarlle se o parlamento catalán dará investido presidente a Puigdemont, contesta que o ve improbable, "As dúbidas de Esquerra Republicana non van facilitar nada o asunto", conclúe antes de ser interrompido por outro manifestante, que lle indica onde será a seguinte concentración.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.