O alcalde popular de Friol pide a dimisión do conselleiro de Política Social

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado entende que os alcaldes pidan, pero defende a Rey Varela e cre que estas críticas proban que o PP "non" goberna "para os seus"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/03/2018 | Actualizada ás 15:30

Comparte esta noticia

O alcalde de Friol (Lugo), o popular José Ángel Santos, pediu ao conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, que dimita "se non é capaz de dar unha solución inmediata aos compromisos da Xunta co municipio". Santos fixo estas declaracións en alusión á residencia para maiores prevista para Friol. Segundo o rexedor de Friol, este é un servizo "moi necesario e demandado, pois o 36 por cento da súa poboación supera os 65 anos e moitos viven en soidade". Este proxecto, segundo explicou, "xa foi pactado a principios do ano 2015, coa que era por aquel entón a titular de Benestar, Beatriz Mato".

JOSÉ ANGEL SANTOS (Concello de Friol)
JOSÉ ANGEL SANTOS (Concello de Friol) | Fonte: Europa Press

José Ángel Santos tamén se referiu á rehabilitación do centro sociocultural da vila. O alcalde asegura que "está obsoleto e conta con moitas deficiencias". "A pinga que colmou o vaso é que o 29 de decembro do pasado ano solicitei unha reunión con Rey Varela para abordar estes asuntos e a día de hoxe non obtiven ningunha resposta".

"Se un representante público non é capaz de xestionar de maneira óptima os recursos cos que conta, neste caso a Consellería de Política Social, actuando alí onde as necesidades son claras e tendo a honestidade de manter os compromisos adquiridos, non debe estar á fronte do devandito organismo", sentenciou.

Santos expresou que "o feito de que se compartan algúns ideais e se estea no mesmo partido político non é motivo suficiente como para permitir que un cargo público ignore desta maneira as necesidades e os compromisos adquiridos co municipio ao que representa". "Sempre defenderei as necesidades dos meus veciños por encima das siglas políticas". Por todo iso, convidou a Rey Varela a que "poña o seu cargo a disposición do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para non ter que ir máis aló". José Ángel Santos confirmou que xa trasladou esta petición de dimisión ao propio conselleiro e lamenta "non" obter resposta algunha polo momento.

"NON GOBERNAMOS PARA OS NOSOS"

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, considerou entendible e mesmo "lexítimo" que o rexedor pida "máis investimentos" para o seu municipio. "Todos os alcaldes queren máis", reflexionou o dirixente popular, quen lembrou, en todo caso, que a Xunta abrirá catro residencias na provincia de Lugo: en Foz, Baleira, Cervo e Paradela. Así as cousas, saíu en defensa do tamén ferrolán Rey Varela e proclamou que o departamento que dirixe está a facer en Lugo "un bo traballo" e "pensando no conxunto da cidadanía".

Tellado enmarcou as críticas do rexedor de Friol no "clima preelectoral", tendo en conta que hai comicios municipais o ano próximo. "Entendemos que todos os alcaldes queiran máis, pero na Xunta hai recursos limitados e actúase priorizando", argumentou. Do mesmo xeito, esgrimiu que o PPdeG é "un partido humilde" e que entende que "todo o mundo", incluso os membros da propia formación, poidan realizar críticas. De feito, ao seu modo de ver, afirmacións como as do alcalde de Friol desmenten críticas como as vertidas por partidos "como o PSOE" en relación a que os populares "gobernan para os seus".

"Gobernamos pensando en todos e estamos orgullosos do departamento que dirixe Rey Varela. Atenderanse as demandas do alcalde de Friol na medida que se poida e hai o compromiso de avanzar en novas infraestruturas, pero haberá que ir camiñando aos poucos", dixo Tellado.

O dirixente popular insistiu na "coordinación total" que hai entre a Xunta e os concellos, puxo como exemplo a axenda social pactada coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), e tamén se reafirmou en que pode entender que os alcaldes fagan "críticas", pero concluíu que a responsabilidade do Executivo que lidera Alberto Núñez Feijóo é "priorizar".

ATENCIÓN A DEPENDENTES

"E a Consellería de Política Social é un exemplo de gobernar para todos", subliñou, á vez que defendeu a xestión, precisamente, nesta área, despois de ser preguntado polos dependentes en espera para ser atendidos.

Respecto diso, aludiu ao incremento no número de dependentes atendidos até "cifras marca". "Hai 55.000 atendidos e chegaremos a 60.000, cando chegamos había 14.000. O esforzo queda perfectamente claro", sentenciou, antes de aludir ao aumento do número de prazas de residencias de maiores. "Non estamos satisfeitos, hai que seguir traballando, pero ninguén nos pode negar o esforzo feito", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Antinostrus

Oño!!!!....un AntilambeQ´s no PP da Galiza!!!....parece que aínda fica xente con criterio e valentia....(que tome nota o cipaiovendidomononeuronal do Nostrus- supoño que moneando na súa cotxiqueira -).