O Pórtico da Gloria enfila a fase final da súa rehabilitación

O seu mecenas, a Fundación Barrié, asegura seguir traballando "coa mesma intensidade" 10 meses despois da compra de Popular por Santander. "Vai sorprender moito", indica.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/03/2018 | Actualizada ás 11:20

Comparte esta noticia

O Pórtico da Gloria, a considerada Capela Sixtina da arte románica, ten "moi avanzada" a fase final da súa rehabilitación, polo que os seus responsables prevén para 2018 a súa inauguración. E adiantan a Europa Press que "vai sorprender moito".

Detalle del Pórtico de la Gloria
Detalle del Pórtico de la Gloria | Fonte: Europa Press

Nin os mecenas da obra (a Fundación Barrié) nin a Catedral de Santiago arriscan a concretar unha data, dado que estes traballos son "complexos" e calquera imprevisto pode supor varias semanas de diferenza, segundo explican. Pero ambos dan por seguro que será durante o presente exercicio, a tres anos vista da celebración do próximo Xacobeo, en 2021, o que suporá un atractivo engadido para peregrinos e visitantes que acudan á capital galega.

O primeiro convenio que contemplaba a restauración do Pórtico asinouse en 2008 por un importe de 4 millóns, segundo lembran fontes de Barrié. As mesmas fontes que, "a pesar das circunstancias" (primeiro foi a absorción do Banco Pastor por Popular e logo a compra deste por 1 euro polo Santander), reivindican seguir traballando "coa mesma intensidade".

Desde hai 10 anos, as labores foron desenvolvidas por Barrié e a Fundación Catedral baixo a coordinación do Instituto do Patrimonio Cultural de España e a Xunta de Galicia. A intervención directa sobre o Pórtico tivo que esperar posto que foron necesarios detallados estudos para determinar como sería a actuación. Despois tocou a quenda ás catas e demais análises de campo, para comezar a obra alá por 2016.

O SORRISO DE DANIEL

"Nós estivemos cando empezaron, en 2012-2013... Fomos un grupo numeroso da asociación a velo en dúas quendas", rememora o presidente da asociación O Sorriso de Daniel, Antonio Dieter Moure.

Restauración do Pórtico da Gloria
Restauración do Pórtico da Gloria | Fonte: Fundación Barrie

Moure, que ademais da súa breve etapa á fronte da patronal galega como representante de empresarios, é un experto en románico, sinala que o período transcorrido é normal para unha intervención desta magnitude. "Non hai que ter présa", advirte, para pór como exemplo o resultado da actuación sobre o Pórtico do Paraíso da Catedral de Ourense.

As filtracións das cubertas e a fachada do templo foron as principais inimigas do Pórtico da Gloria, erixido no século XII na Catedral compostelá polo mestre Mateo e moi castigado polo paso do tempo.

AS ESTATUAS QUE CUSTODIABAN O PÓRTICO

É unha problemática común a todas as catedrais e máis en Galicia, segundo incide o portavoz de O Sorriso de Daniel, colectivo que saltou á palestra nos últimos meses por mor da polémica polas esculturas de Abraham e Isaac.

A asociación chegou a pedir á familia Franco que depositase as estatuas no Museo da Catedral unha vez finalizada unha exposición de pezas do mestre Mateo. Fíxoo a comezos deste ano, pero xa en 2012 enviara un fax a Carmen Franco Polo solicitándoo.

Preguntada respecto diso con motivo da inminente inauguración do Pórtico restaurado, a Fundación Catedral móstrase á expectativa. "Tocounos devolvelas, non nos queda outra", indican as fontes consultadas, aínda que tamén precisan que "sempre que se pediron prestáronas" e evitan entrar "máis" neste asunto.

Así as cousas, nestes momentos, as estatuas que custodiaban o Pórtico da Gloria están pendentes do proceso xudicial iniciado polo Concello de Santiago, no que goberna a 'marea' Compostela Aberta.

CO TEMPLO ABERTO

A parte postremeira da rehabilitación do Pórtico inclúe as tarefas "máis minuciosas" de limpeza e recuperación de policromías, segundo expón a Fundación Catedral. Previamente realizouse o levantamento fotogramétrico e recreouse a policromía orixinal. "Coñecemos ao enfermo", resaltan estas fontes, que valoran o "mérito" dunha acción para a que nunca se pechou ao público o templo e se amosan "moi contentos" dos frutos. "Vai sorprender moito", destacan.

Para unha agrupación que ten como obxectivo a defensa e divulgación do patrimonio románico galego como O Sorriso de Daniel, a fórmula do mecenado é apropiada, xa que "o Estado non pode chegar a todo", segundo indica Moure. Confía o ourensán en que quede ben, "pouco que moito, mellor que estaba", para o que chama a atención sobre que a Fundación Barrié "non fai as cousas de calquera xeito".

Neste escenario, galegos e foráneos poderán gozar en pouco tempo de curiosidades e segredos que se esconden no Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago, como o enigmático sorriso do profeta Daniel.

LABOR DIVULGATIVO

En paralelo á recuperación do Pórtico organizáronse, impulsadas por Barrié, charlas e simposios que abarcaron ámbitos diversos, desde o puramente arquitectónico ata a música relacionada co conxunto de tres arcos.

En todo este tempo, a fundación que creou en 1966 Pedro Barrié da Maza (distinguido por Franco como conde de Fenosa) investiu máis de 6 millóns de euros na restauración do Pórtico da Gloria (os 4 de 2008 e unha ampliación por 2 millóns rubricada en 2008).

Ademais de en cultura e patrimonio, a entidade que se presenta "dedicada á mellora das condicións económicas e sociais de Galicia" ocúpase da educación, con programas de bolsas; á acción social e á ciencia.

A nivel expositivo, estes días está a pechar un acordo co museo británico Vitoria and Albert Museum para levar á súa sede parte dos seus fondos, "en exclusiva" en España. Tamén ultima as negociacións con dúas institucións "de máxima relevancia", segundo avanza, para novos ciclos de mostras.

Na área científica, anunciará "en datas próximas" un convenio coa Axencia Galega para a Innovación para apoiar varios proxectos do seu programa 'Ignicia' e de formación para a transferencia de tecnoloxía.

"IGUAL QUE EN ANOS ANTERIORES"

"Son soamente algúns dos programas pero dan bo exemplo do amplo traballo que a Fundación Barrié, do mesmo xeito que en anos anteriores, leva a cabo actualmente", destacan as fontes da institución. Por agora, o contrato de aluguer dos seus inmobles mantense durante 12 anos co Santander, o que achega á fundación 6 millóns de euros anuais.

Estdio da Policromía da restauración do Pórtico da Gloria
Estdio da Policromía da restauración do Pórtico da Gloria | Fonte: Fundación Barrie
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta